As primarias do PSdeG

26.08.2017 | 01:13
As primarias do PSdeG

Os máis de dez mil militantes socialistas o vindeiro 8 de outubro elixirán en primarias o secretario xeral do PSdeG. É unha data chave para o socialismo galego. As decisións que o novo líder do PSdeG deberá adoptar serán de gran alcance. Para escomenzar deberá ser quen de impulsar un programa político que atraia á maioría progresista e galeguista da nosa sociedade, como fixeron o presidente Fernando González Laxe no 1987 ou o presidente Emilio Pérez Touriño no 2005. A continuación deberá artellar unha executiva baseada inexcusablemente, se desexamos de verdade voltar a gobernar Galicia, na profunda renovación e na xenerosa integración no congreso do PSdeG previsto para o 27, 28 e 29 de outubro. E despois liderar con firmeza, no Parlamento e nas rúas, a oposición ao actual goberno conservador en Galicia.

Na cidade de Nova Iork, na miña recente viaxe na que acompañei a Pedro Sánchez á xuntanza da Internacional Socialista, tiven tempo para reflexionar sobre istas cuestións. Nas reunións que tivemos nos Estados Unidos puiden constatar a urxente necesidade de dar novas respostas aos desafíos da crecente desigualdade e a intolerancia. A iste respecto foi moi inspirador o noso encontro co secretario xeral das Nacións Unidas, o portugués Antonio Guterres, un namorado e coñecedor da cultura e a historia da nosa Galicia.

Coido que para erguer novamente o PSdeG como a alternativa real ao Partido Popular é preciso reconstruir a nosa alianza cos sectores galeguistas e progresistas. Neste eido o noso traballo diario nos concellos ou nas deputacións é básico para recuperar o apoio da cidadanía. Un nidio exemplo é a Deputación da Coruña, onde Valentín G. Formoso está a desenrolar amplas políticas sociais dirixidas aos colectivos mais desfavorecidos.

O PSdeG está a recuperar posicións e prestixio no socialismo español. Pilar Cancela, unha das nosas mellores deputadas en Madrid e procedente da emigración galega na Alemaña, foi eleita no 39º Congreso federal do PSOE coma secretaria de Políticas Migratorias e PSOE exterior, así como membro da comisión permanente. É un importante paso máis na recuperación dunha voz propia e autónoma para Galicia no socialismo español e europeo.

Eu colaborei nas recentes primarias estatais na candidatura de Pedro Sánchez e o seu ambicioso proxecto de rexeneración do socialismo español. A victoria de Pedro Sánchez foi un triunfo colectivo que ninguén debe apropiarse e abre a oportunidade de recuperar o Goberno de España como amosan as recentes enquisas. Teño traballado neses días difíciles, pero tamén ilusionantes, con moitos compañeiros. A incansable Rocío de Frutos, a deputada do non á investidura de Rajoy; ata Diego Taibo que, dende Culleredo, impulsou a plataforma na provincia coruñesa a prol de Sánchez; ou a activa Eva Maldonado, promotora das sinaturas da militancia de base de apoio a Sánchez.

Tamén traballei e colaborei con Juan Manuel Díaz Villoslada neste esforzo común. A súa acción no Parlamento de Galicia e na campaña eleitoral autonómica, na que ámbolos dous fomos candidatos a deputados na lista coruñesa, impresionoume moi favorablemente. O seu discurso de renovación, galeguismo e integración é un aire refrescante no PSdeG. Tamen están a a facer interesantes aportacións os compañeiros Xoaquín F. Leiceaga e Gonzalo Caballero que se postulan igualmente a liderar o PSdeG. O importante nestes días é, entre todos, ter un debate construtivo para que o PSdeG volte novamente a liderar unha Galicia aberta e solidaria.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine