Recoñezo que pode ser unha impresión unicamente persoal, pero non podo conter certa irritación ante o previsible que é o país, institucións e organismos á cabeza. Por moito que encollan o corazón atentados tráxicos como foi no seu momento o 11-M en Madrid, ou no 17-A en Cataluña, axiña serven como base e punto de partida para unha ensalada de enfrontamentos entre os agredidos, que nestes casos somos todos. Unha ensalada na que hai puñaladas por detrás entre institucións, campañas mediáticas, ríos de díxome-díxome e de conspiracións, océanos de ofrecementos dunhas hostias... e practicamente ningunha análise calmada do asunto. A cidadanía é libre de facer o que lle pete e cabrearse con quen queira, pero quen está subido a algún tipo de peaña debería pensar antes de falar.

O caso máis descarnado é, por exemplo, o da busca de culpables. Sobre todo nesta ocasións, na que está perfectamente claro de quen foi a culpa: nin os musulmáns en xeral, nin a política exterior do Goberno de España. Foron os dous tipos que morreron no chalé das bombonas, os cinco que os Mossos de esquadra mataron en Cambril e a xustiza determinará por ver se tamén o son os que foron detidos. O demais é un estado de cousas, un contexto, que hai que explicar e analizar para ver os comos e os porqués. Os musulmáns deberían ser os primeiros en informar cando nunha comunidade se detectan signos de que algúns membros están collendo o carreiro equivocado. E nalgún caso así o fan, pese á reacción de pecharse dentro do grupo que produce que te estigmaticen. Pero se todos os criminais son musulmáns, non todos os musulmáns son criminais, como hai homes que matan mulleres, pero non todos os homes as matan.

E a foto das Azores, entre outras marcada de paquete da política exterior de Aznar, puxeron a España no mapa, como el dicía, pero non precisamente para ben. Pero os xihadistas atacaron tamén Finlandia, que non sei se toca algún pito na conspiración dos cruzados, como din eles. E non se entenden todas estas demandas de democracia en Cuba, e Venezuela, e non se diga nada de teocracias como as das monarquías árabes, onde poden deter a un rapaz porque baila a Macarena (aínda que a min me parece razón bastante). Que eses sexan países amigos nosos, ata o punto de patrocinar os dous equipos de fútbol de referencia, e ao tempo sexan os principais sustentadores, ideolóxicos e financeiros, da doutrina na que se basea o xihadismo non me cadra. Pero Arabia Saudita ou Qatar non son os únicos malos. O ISIS non se mantería nin houbese nacido sequera sen a complicidade de, poñamos, Turquía, e de aí para Occidente, por acción ou omisión.

Desde logo que no de Cataluña produciuse outra vez a tradicional descoordinación entre corpos de seguridade, pero contra xente que bota man dun coitelo e sae á rúa a facer o máis dano posible antes de ir ao paraíso non vale nin sacar o exército nin cambiar leis, nin pactos cara a galería. Soamente traballo policial discreto e cooperación cidadá. E con todo ese ruído que se monta, paréceme que imos en dirección contraria.