O Consorcio das Mariñas, constituído polos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, suma aos seus numerosos recursos turísticos, naturais e culturais, algo máis. Trátase de varias viaxes a través das paisaxes interpretadas polo pincel do pintor Francisco LLoréns, entre outras xeiras arredor dos seus turbadores anos do Modernismo, con esas arquitecturas que tentan integrarse coa paisaxe, leccións de artesanado de pedra, madeira, vidro, ferro e sobre todo incorporando novas tecnoloxías construtivas en cemento, certo gusto polo exótico e mesmo polo identitario.

Mariñas dos Frades, as de Cambre que foron dos templarios e as Mariñas dos Condes, as dos Andrade, Pontedeume e Betanzos. As do Eume, vixiadas polas torres dos Andrade, as do Mandeo, enxergadas dende a acrópole do Betanzos dos Cabaleiros e as do esteiro de meandros suaves formado polo Barcés e o Mero, o que, entre o Burgo e Betanzos, debuxan a península de Meirás que se abre ao Océano Maior entre a Torre de Hércules e o Seixo Branco: distinguido Arco Ártabro ao que xa se referían os xeógrafos grecolatinos das primeiras décadas de Historia e no que situaban o Magnus Portus Artabrorum da Gallaecia lucense, Brigantia. Atractivo Locus amoenus para románticos como Pondal, Curros ou Murguía e de xeito especial para Emilia Pardo Bazán, gustosa de asomarse ao universo dende a Torre da Quimera do seu pazo de Meirás, feito e ambientado a súa medida. Lugares de inspiración para o músico Marcial del Adalid, para os escritores Perez Lugín ou Fernández Florez. Paisaxes sobre as que asoman as croas dos castros Ártabros, Xaz, Subiña, Lubre, Castromor, Brexo, Brives, Sésamo, Alvedro, Cañás, Elviña?. Tapiz humanizado en leiras, hortas, fragas , igrexarios, todo cosido por corredoiras sobre as que se erguen patruciais eucaliptos e piñeiros romanos. Por onde a luz devala en cada tempo, da cor cinza que anuncia treboada aos ouros da alborada ao solpor dun día limpo, a crear moaré sobre as augas mansas e transparencias de puntilla nas ondas do mar, envolvendo en misticismo portos, casiñas, ermidas? desafío panteísta para un poeta-pintor.

Itinerarios ideados pola historiadora da Arte, Rosario Sarmiento, guión que nos mete nun tempo de "ismos", en atractivos escenarios de aconteceres, de castros, faros, templos, castelos, pazos, bosques animados por lendas e tradicións.

Francisco Lloréns Díaz , o menor de tres irmáns, fillo de empresarios dedicados aos ultramarinos, nace na Coruña no 1874, sete anos máis vello que Picasso. Primeiros estudos no Colexio Dequidt e logo na prestixiosa Escola de Comercio da Coruña, os que, polas súa habilidades, comparte con clases na Escola de Belas Artes da Coruña, sendo alumno de Román Navarro, entre outros grandes artistas da época, aulas polas que tamén pasou Pablo Ruiz Picasso. No 1892 ingresa na Escola de S. Fernando de Madrid, fai prácticas no taller de Sorolla, onde coñece a Josep Benlliure ou a Manuel Benedito Vives. No 1897 o Casino da Coruña encárgalle o seu primeiro traballo, obra para decorar as súas salas. Dende a forma e os nostálxicos temas románticos, Lloréns experimenta na propia terra coa paleta e a pincelada impresionista, entre retos de luces e a expresión poética do creador. Será Mención de Honor na Exposición Nacional de Belas Artes de 1899, ano no que acada unha bolsa de estudos para a Academia de España en Roma, da que será Premio Extraordinario e na que coincide e fai amizade con outros bolseiros como Sotomayor, Chicharro, Piñole... Dende a Cidade Eterna escribe crónicas para o Noroeste da Coruña. No 1902 participa no círculo barcelonés de Ramón Casas, Rusiñol e mesmo coñece a Gaudí e as ansias que abren ao Modernismo. Por unha nova bolsa de estudos viaxa, en barco, dende Barcelona a Nápoles, afondando na cultura italiana. Despois, en París, interésase polas buscas precubistas de Cezanne; pousará un ano na cidade de Bruxas... Son anos nos que comeza a recibir encargos e mesmo a Casa Real italiana mercará obra súa. Cargado de experiencias, no 1906, retorna á Coruña, pinta algunhas paisaxe urbanas, o mesmo Obelisco e participa nos parladoiros de estrado do flamante Pazo de Meiras, presidido pola Condesa de Pardo Bazán, por onde pasarán, entre tantos, Unamuno, os pintores Xoaquín Vaamonde, Sorolla ou Beruete. No 1907 recibirá a Terceira Medalla da Exposición de Belas Artes, no 1908 consigue a Segunda Medalla, representado na exposición Rexional Galega de 1909 da que tamén é autor do cartel oficial, solicitado cartelista para publicitar o Club Deportivo, a Coruña, obra que denota as ansias Modernistas.

No 1912 é elixido numerario da Academia de Belas Artes da Coruña, no 1913 consigue a cátedra de debuxo Artístico na Escola de Comercio de Barcelona, onde pasa un ano, para logo asentar definitivamente nun Madrid modernista, centrado arredor do Circulo de Belas Artes e do que será Presidente da Sección de Pintura. Nunca deixará de vir nas vacacións a Galiza, no 1918 pasa tempadas en Betanzos, ano no que casa con Eva Rodríguez, filla do popular Médico Rodríguez e da que terá dúas fillas, Eva e Rosario, atentas ás inquedanzas do pai. No 1922 recibirá a Medalla de Honor de Belas Artes pola obra Rías Baixas. No verán de 1924 toma como base Bastiagueiro, interpretando a beleza da súa beiramar. No 1925 concédeselle a Gran Cruz da Orde de Carlos III, ano que, atraído polos seus solpores pasa o verán en Cambados. No 1929 será director do pavillón de Galiza na Exposición Iberoamericana de Sevilla, acollida baixo a arquitectura rexionalista do seu paisano Duran-Loriga Salgado.

Os veráns previos á guerra civil pásaos en Mera, no 1937 refúxiase en Valencia e ao remate da contenda retorna a Madrid e aos seus veraneos na Coruña e na súa amada Sada, obsesionado coas paisaxes galegas. Tanto así que no 1942, ao ser nomeado académico de San Fernando, ingresará co discurso Galicia e a súa paisaxe, teimas que denotan a amizade con Castelao, Palacios.... A partir de 1945 a enfermidade quítalle forzas, fai entón a derradeira e suxestiva obra, A vela vermella. O 11 de febreiro de 1948 morre en Madrid e no 1989 os seus restos mortais xunto cos da súa muller serán trasladados dende Madrid a un sartego cedido polo Concello no cemiterio mariño de S. Amaro, o que emproa ao Seixo Branco.

A Coruña, o seu porto, Betanzos coa súa acrópole e a Ribeira, os Caneiros, Chelo... A Sada do areal, das casiñas homildes, Fontán, Carnoedo, Gandario; Oleiros de Bastiagueiro, Mera, Canaval... Cambre coa ría do Burgo e Bergondo; Culleredo e Carral co Val de Barcia, coa silueta do Xalo no horizonte... A ponte do Pasaxe sobre o Mero, a ponte do Pedrido sobre o Mandeo... esencia das Mariñas, onde converxen os Catro Elementos: a luz, as augas, as terras coa aura dun ambiente que desafía aos creadores. Llorens prefire "o natural", acompáñase de libreta, lapis, acuarelas para apuntes, si acaso tamén de cabalete, lenzo e tubos de pinturas... Querido polos paisanos, convidado ás quintas pola burguesía, desexosos de ter un retrato seu, en Oleiros por Varela de Castro, os de de Lóngara , ás Torres de Santa Cruz, Xaz, Montrove, en Carral os señores de Sangro? Mariñán en Bergondo?

A Fundación Barrié ofrece unha representativa antoloxía da obra de Llorens, o Museo do Prado, a Academia de S. Fernando, os museos de Belas Artes da Coruña e de Pontevedra, entre outras. Abondan as publicacións sobre un tema expositivo e divulgativo nunca acabado. Velaquí un esforzo por dar a coñecer para querer e defender esta parte do Nós.