Si home si

Prementiras

02.09.2017 | 01:03
Prementiras

Lembro, pero non se xa o compartín aquí, escoitar a Juan Luis Cebrián nun congreso da Federación Internacional de Periodistas que non se podían dar debates minimamente serios en 140 caracteres, aludindo á brevidade das mensaxes de Twitter. Foi hai cinco anos, e Twitter evidenciouse como un soporte máis de debate, se serio ou non depende de quen e con que ánimo debata, como en calquera outro medio. Paralelamente, o que entrou en cuestión como elemento de debate serio son boa parte dos titulares informativos, sexan na prensa escrita ou en calquera outro medio. Desde as noticias substituídas por incógnitas ("La actriz X asistió a una fiesta, y lo que le pasó le sorprenderá") ata as afirmacións sen confirmar, cando non directamente falsas, emitidas sen máis garantía que a de que son os receptores os que teñen a responsabilidade de acreditar ou non a súa verdade. Ou sexa, do clickbait (que así se chaman agora as adiviñanzas) á posverdade (nome actual das trolas e dos rumores). Pois os tempos adiantan tanto que estamos en plena época de "prementiras". É dicir, as mentiras fabricadas para que aparezan como verdades falsas.

Toda novidade ten uns intentos previos antes de consolidarse. No caso do 17-A foi o dos bolardos. A información de que o Goberno local barcelonés non instalara os chismes que o Ministerio do Interior lle recomendara. Logo resultou que o consello era para as Navidades, pero o de que Ada Colau non tomara as medidas para evitar un masacre xa quedou como argumento nas redes sociais. Foi xa prementira a noticia de que unha axencia de espionaxe norteamericana avisara aos servizos de intelixencia de que Barcelona era un obxectivo dos xihadistas. Logo resultou que a tal axencia, supostamente auxiliar dos servizos USA, era ful total, e súa web fora creada un par de meses antes. E días despois, outro medio publica en portada que a CIA avisara aos Mossos de que se preparaba un atentado nas Ramblas. Como o comunicado tiña erros en inglés, o periódico dixo que a recreara, a petición da fonte, e logo publicou o orixinal.

Non estou o bastante metido no asunto como para separar a prementira da posverdade, e non digamos da verdade a secas, pero hai cousas que me chaman a atención. Unha, que a CIA se dirixa directamente a unha policía autonómica (logo parece ser que llo dixeron ao Citco, a unidade de Interior que centraliza a loita contra o terrorismo, e logo a todas as forzas policiais). Dúas, que máis ca unha información foi unha profecía, porque a intención dos xihadistas era atentar contra a Sagrada Familia e se actuaron nas Ramblas foi porque lles estouparon os explosivos que estaban preparando. E tres, que avisos hai unha chea deles, en todos os países, e moito me temo que de facer caso a todos, as autoridades nin deixarían saír da casa.

Para min o máis preocupante de todo isto é por unha parte que, con esta tendencia a demonizar ou divinizar corpos policiais, segundo conveña a cada quen, quede sen facer un labor fundamental dos medios, que é fiscalizar non tanto o que puideron facer eses corpos, senón o que efectivamente fixeron. E por outra, e por se eses medios queren cumprir con ese labor, haxa organizacións ou organismos dispostos a fabricar prementiras para pasalas como verdades e desacreditar a quen as difunde. E desafortunadamente, nun intento de competir co clickbait ou cos titulares posverdadeiros, haxa quen compre esa mercadoría avariada.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine