O labirinto do alquimista

Torres e castelos medievais galegos

03.09.2017 | 03:34
Torres e castelos medievais galegos

Confín de tribos, de castros, de leiras, entón tamén de castelos, de mosteiros, de pazos, fachenda de poderosos guerreiros, señores de conquistas e reconquistas? moitos, hoxe entre silveiras, esqueleto pétreo, difícil de reconstruír mentalmente co orixinario esplendor castrense, presidindo o medievo. Espazos apropiados para medos, nos que maxinar pantasmas, mouras, a Lupa, as magoas de dona Urraca, a reis e prelados prisioneiros, historias de terror, de fortes sobre débiles, de damas fidalgas namoradas de plebeos e convertidas en cervas brancas pola maxia de magos... E todo un linguaxe de milicia ao seu redor: maioral, amea, merlón, garita, foxo, alxibe, alxube, trabes... Como proba os numerosos topónimos ou a mesma existencia medieval en Galiza dun territorio que, polos moitos castelos, se denominada Castela, entre o Arenteiro e o Miño, documentos que a nomean, pedrullo, escudos, lendas e confusións con esoutra Castela, o condado que primou na Historia. O apelido Castelao ten estas orixes.

Torres e castelos cunha orixe que se perde en tempos romanos ou altomedievais, en castros e civitas, como a torre de Carbedo do Courel ou mesmo a da Lanzada, Catoira, Altamira, berce da poderosa casa de conquistadores dos Trastámara... outros nacidos co florecer do Románico ou no sc. XIV, cando Compostela co seu patrón adaíl abandeiraba os reinos da cristiandade, como os da Rocha, Pico Sacro, Pindo, Mesía, Lobeira, Alfoz, os bracarenses de Melgaço, Guimaraes...

O termo castellum ten unha significación especial na cultura galaico-romana, tal como desvelan epígrafes en relación con castros-civitas con atribucións de cidade estado, células organizativas dos galaicos. Co tempo o castellum non subsiste como ente organizativo e experimenta unha transformación, aplicándose a palabra castelo a fachendosas fortalezas de señores, dominadores de paisaxes e paisanaxes, protexidos por foxos, valados e torres.

Nas historias de Galiza non se fala o que se deberá destes niños de aguia. E ben se merecerá pola súa abundancia, diversidade, singularidade e connotacións ás que conducen en relación cos xeitos de produción, co sistema político, económico e coa sociedade feudal, tamén na estratexia de conquista e defensa por parte dunha aristocracia de nobres e clero que, pro seu haber, abusa do nome de Deus, dos santos e das súas reliquias, controlando dende catedrais e palacios murados aos seus feudos e esas veas de vida que son os camiños, os pontes, os portos, as cidades, a un vasalaxe comenenciudo e a uns servos submisos, labregos, gandeiros, mariñeiros, artesáns?

Detrás da elección do lugar, do deseño e da construción do castelo están os seus promotores, un mestre construtor, os cavadores, os canteiros, carpinteiros, albaneis, ferreiros? resolvendo cuestións de acceso, pontes levadizas, recolleita e aproveitamento da auga, a habitabilidade: lareiras, cuartos, lacenas, tullas, capela, calabozos, cortes... a fuxida en caso de asedio. Convén maxinar a estes monstros de pedra nas fases da súa construción, entre andeis de madeira, encofrados? E quizais arredor dun Castelo, si se fai posible, nacerá una aldea, unha vila? Parte do universo feudal do Reino galaico leonés ao que nos levan as revisións históricas feitas polos medievalistas López Carrera e o heraldista Pardo de Guevara.

O Castelo, na cúspide, representa a coiraza do poder e da forza, coa torre do homenaxe na que rendía a súa xustiza o señor, onde recibía acatamento e con teatreira magnanimidade concedía mercés, títulos; con espada e espaldarazo investía aos leais vasallos, ofrecéndolle un ducado, un condado, un castelo... e aos clérigos báculo, un mosteiro ou unha igrexa. Testimuña das relacións de encomenda, dos pactos entre o señor, os vasallos e os servos, asoballados por rendas de pontazgo, portazgo, de pernada, loitosa? e obrigados á defensa do feudo.

Emblemas de soberbia, protobunkers, feitos con cantería marcada por siglas de xornaleiros canteiros, enmedallados de pedras armeiras, propicios a bandeiras e pendóns, gala de familias emparentadas, das súas reconquistas polo Sur: Castro, Osorio, Enriquez, Andrade, Zuñiga, Moscoso, Sarmiento, Ulloa, Suárez de Deza, Taboada, Troncoso, Aguiar, Fonseca...cabaleiros bos e maos, leais e traidores, Pedro Madruga, Pardo de Cela, Fernán Pérez de Andrade... e movementos populares, como a luguesa María Castaña, os ourensáns que afogaron ao bispo feudal no Pozo Meimón do Miño... os Irmandiños. Castelos entre os que son senlleiros e xa foron máis do que son Monterrei, Monforte, Pontedeume, Ribadavia, as catedrais fortaleza de Ourense e Tui e os antolóxicos bercianos, de Ponferrada, antolóxico en saberes templarios, vixiando camiños e o territorio da súa xurisdición, a bailía... Cornatel, Serracín... Entre os devanditos sendo antolóxicos e diferentes pola ubicación, a estructura, os retoques: Baiona, Soutomaior, Pontedeume, Vilasobroso... os esqueletes dos de Naraio, Allariz, Doiras, Caldaloba, Novais, Doncos, Caulongo , as torres da Antela....os míticos e derrubados da Frouxeira, Castelo Ramiro, Cavadoso, Pena Corneira, Lobeira, Xiradela...

Castelos cos que as administracións, alcuñadas "de cultura" e "turismo", entre tanta burocracia e teoría sobre a rehabilitación e revitalización non saben que facer con eles, nin queren aprender de experiencias doutros países cun patrimonio semellante, Irlanda, Gales e mesmo a Provenza, con leccións que responden a todo un bagaxe cultural que parte da investigación, da musealización, do ensino, da difusión turística, do deseño do souvenir... Por aquí enguedellados no retrouso do esquema de museos, centros de interpretación do feudalismo ou paradores? sen seducir, sen dar servizo á demanda da inversión do ocio en cultura. O certo é que algo se ten feito, de vagar, e non a gusto de conservacionistas ou de innovadores. Sabemos que queda moito que investir neste recurso cultural, dende o máis sinxelo como a constancia no seu mantemento, limpeza, vixilancia, e logo a rehabilitación concienciuda, seguida da revitalización con ideas atractivas e complementarias coa potenciación sostible. Traballos que comportan prospeccións arqueolóxicas e así se fixo nos Castelos de Vimianzo, o Bolo, Castro Caldelas, Moeche, Pambre, Monterrei... con resultados de moedas, cerámica, armas, artefactos que nos remiten a un tempo e ás relacións, pero que maioritariamente permanecen nos almacéns doutros museos, sen complementar a historia .

Iso que os castelos están declarados Ben de Interese Cultural por decreto xenérico, vixente, (22-IV-1949, igual que os escudos (571/1963) e por suposto todo o seu contorno. Declaración que presupón garantías sobre o ben, pero as mesmas administracións contraveñen os decretos polos que deben velar, velaí o comentado caso para reconverter en hotel a Torre de Monterrei, pouco sensible coa estrutura histórica. De momento e teoricamente existe un servizo da policía nacional especializados na protección do Patrimonio Cultural urbano, como no que respecta ao rural por parte da Garda Civil coa sección específica que comparte co Servizo de Protección da Natureza, Seprona, algo no que mellorar e especializarse. Mentres tanto, a ilustración municipal, toma nota e aproveita estes enclaves que identifican o concello para aguilloar ao sabio local e sacar argumentos pra festas de historia, liortas vikingas, xudeas, eclesiásticas, irmandiñas, descubrimentos... atractivos entroidos de verán.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine