Rematou agosto, e con el, o noso verán literario. Foi un pracer para un servidor compartir estes luns con outros escritores e escritoras. Hoxe daremos lectura a dous relatos breves de Begoña Lomba e de Gracián Fuentes, respectivamente. Con eles empezaremos pero, hoxe, este artigo ten máis sorpresas.

EMadeira vella

Acompañada de amigos e familia entrou no longo corredor. Non quería ir soa. A escuridade desa casa sempre lle dera arrepíos, mesmo antes do acontecido. Aínda sendo a casa na que se criou nunca a sentiu como súa. Unha estraña nunha vivenda que parecía ter vida propia e que a ela non lle gustaba. Nada máis entrar xa sentiron un gran chasquexo na planta superior. Todos o achacaron á madeira vella. Ninguén se inmutou, agás ela, que ben sabía que era el; que a estaba esperando, que nunca a deixaría en paz, nin sequera agora que os dous xa non eran máis que fantasmas. O asasino volvía ao lugar do crime.

ECalor

Lameu o meu pescozo ata que notou que a miña man frotaba o seu peito con dozura. Deitados na alfombra, a carón da chimenea, non tivemos que dicirnos nada. Deixouse aloumiñar mentres, un a un, devagar, ía poñendo diante do seu fociño unha boa presa de Friskies.

Pero como dicía ao inicio do artigo, hoxe hai moitas sorpresas. Vexan este epigrama de Carlos Ocampo: "Mulleres piadosas, espirituais, santas; en público. Canto odio podedes destilar, cando ninguén vos os ve". Ou estes dous aforismos, un pertencente a Yésica Val e outro a Juana Rosalina Chouza, o primeiro: "A envexa é a comida basura que ninguén quere comer pero que moitos rematan consumindo con gusto". E o segundo: "A pesar de que son afiliada á ONCE, sigo dando paus de cego". Porque, compre aclarar, que moita xente, non toda, da que conforma o grupo literario Olladas é afiliada da ONCE, e gracias a esta entidade é que podemos levar adiante o noso soño de escribir xuntos. Como despedida deste verán literario imos ler un microrelato de Ana Docampo, escritora que ten unha facilidade especial para a emoción e a síntese.

EFriaxe

El apoiou a súa meixela sobre a fría culata. O branco apoia a súa, destrozada, sobre o frío chán.

Gracias ao grupo Olladas polo súas palabras, verdadeiro agasallo para este agosto e a vostedes por compartilas con nós no xornal LA OPINIÓN. Non esquezan que "A primeira larva do estanque encerra no seu interior máis estirpe que un ordenador de última xeración". Ata a próxima.