Sempre me pasa o mesmo. Teño menos forza de vontade que un fanático dun club de fútbol que xura non volver ao estadio despois dun partido desastroso do seu equipo. Entre o ronsel de xuramentos rotos que deixo tras de min, varios teñen que ver coa miña firme decisión de non castigalos neste espazo comentando o que todos comentamos. Creo que ata os viciosos da opinión allea como vostedes teñen dereito ao descanso. O último episodio pasou hoxe, onte para vostedes, no límite mesmo de ter que comezar a escribir isto. Estaba ferreamente determinado a non tocar o tema catalán, non porque non teña nada que dicir -calquera ten algo que dicir, como se pode ver e oír-, senón porque xa me sae polas orellas, así en coloquial e en confianza.

Non obstante, crebouse a miña vontade ao escoitar na terraza dun bar o debate sobre o asunto entre uns parroquianos. Non eran precisamente catedráticos de dereito constitucional, nin periodistas prestixiosos ou prestidixitadores (deses que escamotean a realidade nas mangas e meten cousas nos petos). Eran xente normal, traballadores, como se podía deducir porque algún tiña un niqui que parecía corporativo e porque falaban en galego. E, con distintos puntos de vista, mantiñan un debate moito máis sensato e ordenado que os que se escoitan na maioría dos medios, e o que dicían, sen ser contribucións teóricas de altura, non constituían un insulto consciente á intelixencia como adoitan ser as declaracións dos cargos políticos e dos intelectuais de garda. No pouco que escoitei, por exemplo, ninguén dixo que o de Cataluña era como a pederastia ou a escravitude, como dixo na televisión un señor que escribe libros. O máis bravo que oín foi algo así como: "o que está claro é que cando lle dicían aos vascos que se podían conseguir as cousas polas boas era como o que lle di a unha rapaza que a quere para levala á cama".

O que non escoitei foi debate ningún nos medios, polo menos coa intensidade do outro, sobre ese anuncio como de esguello que se fixo oportunamente nas últimas horas de que só imos recuperar a cuarta parte dos milleiros de millóns de euros que custaron os rescates bancarios, eses que todas as nosas autoridades garantes das esencias democráticas aseguraron que non ían custar un can. Debía ser que todos os lotes de conversas estaban xa adxudicados e as partillas feitas. O que me levou a reflexionar sobre que estamos facendo niso que algúns chaman os Medios -así, como para inflarlle a importancia-. Se estamos proporcionando argumentos ou munición, se aportando claridade ou embarrando o xogo, sexa en contra ou a favor. Non xa hinchando el perro, que se dicía no vello argot gremial, senón enchéndoo de fogos de artificio para que estoupe e distraia ao público, sen importar o fedor nin o sangue.

Porque xa me gustaría a min escoitar a conversa dos parroquianos do niqui corporativo sobre 40.000 millóns de euros perdidos que houbo que sacar da educación, da sanidade, do fondo das pensións, para encher o buraco cavado por uns mangantes que eran por riba os que dicían como había que facer as cousas. Soamente se tivesen a cabeza a cuarta parte de chea de discursos diso como a teñen do asunto catalán.