Este sábado un grupo de amigos e amigas organizou no Sporting Club Casino de A Coruña unha homenaxe ao xornalista e escritor Albino Mallo. Despois de tantas entrevistas, crónicas, reportaxes e artigos falando sobre outros, está vez tocoulle a el escoitar como os outros falaban sobre el. E todos falaron ben de excelente persoa e admirable ser humano. Albino, chegou a nós como o Nautilus, como Stevenson, como Robinson Crusoe, como Athos, como Salgari, como Atahualpa Yupanqui, como Jorge Cafrune, como Sábato, como Borges, como Lugrís ou Avilés de Taramancos, como o último mohinaco, como Corto Maltés, como a Selva de Dárien ou Golfo de Maracaibo, como os mariñeiros da Bounty, como os gauchos de coitelo longo? "aquí me pongo a cantar al compás de una vihuela?"como Albert Camus e María Casares, como Luís Seoane e Arturo Cuadrado, como Lorenzo e Díaz-Pardo, como Maruxa Mallo e María do Carmo Krukemberg, como a súa Pilar Martínez, esa elegancia e talento, esa voz marabillosa para a poesía e o teatro que o acompañou toda a vida. Albino Mallo, chegou a nós, nun barco coas adegas repletas de illas douradas. As súas propias palabras son a mellor homenaxe que se lle pode facer, escoitemos como o meu mestre fala da vida que lle tocou en sorte: "Anduve por la vida a veces con pasos inciertos y a veces seguros, pero tuve la suerte de hacer todo aquello que me apeteció: trabajé en cine, teatro, televisión y la mayor parte de los años en el periodismo internacional. Miro hacia atrás con alegría de haber cumplido lo que me propuse y hacia delante con el deseo de seguir haciéndolo. Algunos llaman a esto optimismo. Estoy a punto de cumplir mis bodas de oro, tuve dos hijos, planté más de un árbol y escribí más de un libro. ¿Qué más se puede pedir?". Albino Mallo, sempre celebra os éxitos dos demais, e dun xeito moi especial os dos colegas, co difícil que é isto último, pero aínda o celebra máis cando se trata dun amigo. Para a historia do xornalismo quedan as súas entrevistas a Salvador Dalí Raphael, Luis Buñuel, Frank Sinatra, Ella Fitzgerald, Sofía Loren, Woody Allen, Paco Umbral, Di Stefano e tantas e tantos outros. Vostedes non poden ter a idea da honra que me produce ter sido entrevistado por Albino. Desde o primeiro momento intúes que se está dirixindo a ti un profesional dunha sensibilidade e dunha cultura vasta e universal. Sentes pudor de ser ti o protagonista do seu traballo e tamén un profundo honor de que os seus inquedos e intelixentes ollos azuis reparasen na túa persoa. Albino Mallo, chegou a nós, nun barco coas adegas repletas de illas douradas. Repartiunas entre os amigos e a min tocoume unha. Que sorte poder gozala e que responsabilidade ter que coidala. Sempre sostiven que o último poema dun ser humano é abstracto. Albino sabe isto, ao igual que pensa, como tantos náufragos que nas illas desertas non hai cemiterios, por iso as súas illas están poboadas de xentes que aman, sofren, sorrín, cren na arte e na aventura da humanidade e, sobre todo, nunha palabra eterna: amizade. Se somos un eco dos deuses, Albino, debe ser un dos ecos que expande máis amor neste planeta chamado Terra.