O labirinto do alquimista

Arousa, Galiza e Valle-Inclán

17.09.2017 | 03:53
Arousa, Galiza e Valle-Inclán

A Pobra do Caramiñal e Vilanova, a carón a unha da outra, mar de Arousa por medio, rivalizan e compleméntanse en contar a historia e espallar a obra de Valle-Inclán, en crear rutas por onde se inspirou o creador de caricaturescos retratos literarios, dis como vistos no espello cóncavo das feiras, os esperpentos. Galiza préstase: país de contrastes barrocos, de intensidades e distorsións motivadas pola aculturación... A socioloxía atopa eidos insospeitados para descubrir causas e efectos nas exóticas pescudas dos inadaptados Modernistas.

Ramón Jose Simón del Valle Peña, de liñaxe fidalgo, orixinario e formado entre pazos vilegos, fantasioso, sementaba o seu propio mito, de onde nacera, si na Pobra ou en Vilanova. Mesmo facía caer que fora nunha lancha no medio da ría. Os documentos parecen demostrar que foi na casa familiar da rúa de San Mauro, no Cantiño, en Vilanova, a carón do pazo dos avós maternos, o do Cuadrante. Foi un 28 de outubro do 1866, no almanaque celebración de San Simón, San Xudas, San Gaudioso, San Leonado e San Marciano, entre outros. Aristócrata, rendeiro, profesional da escritura que morre en Compostela, no sanatorio do seu amigo Villar Iglesias, na noite dos Reis Magos do ano 1936 cando se preparaba unha guerra civil... enterro nunha tarde na que o ceo choraba a cachón... unha cruz sobre o cadaleito, no intre de metelo na foxa un obreiro anarquista arráncaa cun berro "el no lo quería"... días despois, o mozo apareceu cun tiro.

Entre aquelas dúas datas transcorre unha vida aureolada dun mito de quen ten como divisa "el que más vale no vale tanto como Valle vale": estudos inacabados na universidade compostelán, no 1892 viaxe a México onde descubre o Modernismo, estancia en Pontevedra, paso por Madrid... figura de hispter vintage, altivo, quevedesco, heterodoxo, contraditorio, iniciado no rexionalismo de Brañas, patente en Los molinos del Sarela, Cenizas, La lámpara maravillosa, propondo un federalismo coa integración en Luistania... resistente a empregar o galego e mesmo a prohibir a representación das súas obras nel, que dun carlismo de ultradereita evoluciona a un anarquismo de dereitas, demócrata parlamentario, considerado inmoral, provocador, adiantado ao seu tempo escuro e farisaico... En Madrid e no Café Imperial, en xullo de 1899, nunha disputa co escritor Manuel Bueno, sobre os pecados e virtudes de portugueses e españois que remata a bastonadas, crávaselle o xemelgo e provoca unha gangrena que obriga a amputarlle o brazo esquerdo, anécdota sobre a que fabula e para maior gloria relacionar co Manco de Lepanto.

Idas e voltas a unha Galicia na que "no tenemos más que piedras", onde bebe e ambienta a súa obra. Novo viaxe a México, periodista no fronte europeo da primeira guerra, director da Academia de España en Roma, pasmado con Mussolini? Coñecedor da obra de Eça de Queiroz, de Ibsen, dos seus contemporáneos, D´Anunzio, Pirandello? Súa primeira obra, Femeninas foi prologada por un entusiasta Manuel Murguía, amigo do pai, que agoira o gran escritor que sería. Recolección de historias amorosas que anuncian teimas e temas que perduran e enredan a súa obra ao longo da vida.

Honesto, pese as súas penurias afastado do tentador mercantilismo. Fino, retranqueiro observador, con gran bagaxe para alimentar aos seus persoeiros cos que se confunde e entremete como sombra que aparece e desaparece. Preocupado pola expresión, o ritmo, a precisión, a estética, por provocar contrastes, movemento, polo exótico, estilizando, de xeito deconstrutivo, precubista ambientes e personaxes. Detrás están as pautas modernistas de Ruben Darío. Como resultante a narración cinematográfica que asoma na tetraloxía das Sonatas, como as catro estacións... da vida, memorias do seu álter ego, o Marqués de Bradomín, individuo do antigo réxime, carlista, atípico don Xoán, "feo católico y sentimental". Prosa con cor e música entre as que danza a retranca: Flor de Santidad, Comedias Bárbaras, Tirano Banderas crítica aos gachupíns mexicanos, El ruedo Ibérico? Poeta con Aromas de leyenda, El pasajero, la Pipa del Kirf...

Por obras como Divinas Palabras, Aguila de Blasón, Romance de Lobos, Cara de Plata, El retablo de la Lujuria, la avaricia y la muerte, Los Cuernos de don Friolera... entre claro-escuros goiescos, desfilan personificados os Pecados Capitais, as meigas, fidalgos, mendigos, almiñas en pena, o remol da Galiza feudal. Universo galego que enriquece, en forma e fondo, as retóricas letras españolas. Trunfos literarios que non pasaron desapercibidas ás vangardas galegas, encabezadas polo humorista gráfico Alvaro Cebreiro e polo poeta Manuel Antonio, no manifesto Máis alá, críticos cos comportamentos de "pollitos bién" que triunfan en Madrid usando Galicia, "mestre da xuventude imbécil de Galicia". Pola contra Castelao mostrou fonda admiración polo seu paisano arousán, ao que defende, sen tacha, nunha memorable conferencia na Habana no 1938, "su romance maravilloso es el resultado de traducir literalmente del gallego al castellano, de tomar los giros y expresiones de nuestros trotamundos, de...y de...".

Cuestións ás que nos meten os Museos Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o de Vilanova, nesta súa vila natal mira á ría o monumento en bronce: o creador dos esperpentos, en cátedra, móstrase arrodeado dos seus persoeiros, Bradomin, Don Latino, Max Estrella, o Principe Verdemar, Lucero, Mari Gaila? obra do escultor madrileño Salvador Amaya (2003). Museo nacido a partir de 1995 no pazo do Cuadrante, dis que chamado así polo cadrado dun reloxo de sol da fachada, propiedade da familia materna Peña, Montenegro, Valle, Patiño... apelidos que acuartelan o brasón que campa sobre a porta. Conxunto desbastado no 1994 por un incendio, encadrado nun xardín con antigo teixo, camelia, magnolio e loureiros... Nun dos contos do Jardín Umbrio di don Ramón que naquela casa escoitaba "las historias de santos, almas en pena, duendes, ladrones que le contaba una doncella muy vieja que se llamaba Micaela la Galana". Na parte baixa onde estaban as cortes móstrase documentación que introduce á vida e á obra do escritor; tras o patín, na parte alta, os cuartos, comedor, a cociña, ambientados no século XIX. Centro editor da revista semestral Cuadrante de Estudos Valleinclanescos .

O Museo Valle-Inclán da Proba, a "Viana del Prior" ocupa o solemne pazo manuelino das Torres de Bermúdez, sobre o areal da Praia, "murado con piedra del Barbanza? estas piedras aunque sean vejeces deben conservarse siempre?" gastado polo vento e o salitre, agora entre prazas e rúas de cemento. Xanelas dende as que o escritor avistaba "la extensión verdosa del mar, las arboladuras de los navios cabeceando, y a sotavento el faro Ruano?". O Concello puxo sobre a fachada a cartela: "Torre Bermúdez: Quiero una casa edificar/como el sentido de mi vida/ quiero en piedra mi alma dejar/ erguida? Quiero hacer una casa estoica/ murada en piedra de Barbanza/ la casa de Séneca, heroica/ de templanza...". Centro mimado e aberto ao público dende 1986, rodeado de homenaxes, tamén con monumento de bronce a don Ramón, ergueito, apoiado no seu caído, obra de Sánchez Mendizábal. Espazos que nos poñen en relación cun itinerario valleinclanesco: o prioiro da Mercede, de triste memoria, onde vive de 1917 ao 21, hoxe vergoñosa ruína; as Torres Xunqueiras, dos parladoiros cos Gasset, Villa Eugenia, onde viviu entre 1921 ao 25 e escribe obras transcendentais, a Farmacia Tato, a Casa Grande de Aguiar dos Díaz de Rábago? a casona de Colo de Arca, o altar da Curota...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine