Non descubro nada se digo que a nosa cidade é moi paseable, propicia a ser andada devagar e a facelo, se se desexa con enerxía deportiva. Nesas carreiras, neses paseos, algúns imaxinamos fotos preciosas de esquinas, de prazas, de ángulos das nosas praias, de edificios, de transeúntes, de monumentos. Mais hai outros que imaxinan todo isto no formato dun lenzo. Imaxinan cadros. Francisco Otero é un deses viandantes que contempla a cidade desde o ollo dun pintor. Pinta a paisaxe urbana que leva no seu interior. E digo que pinta a paisaxe urbana que leva no seu interior, porque o atractivo que sobre el exerce o urbano vén de lonxe. Pertence a unha familia de delineantes, aparelladores e arquitectos. El mesmo é aparellador. A súa carreira e o seu oficio, levouno a ver e debuxar planos e alzados. Materiais que sempre observaba en casa desde cativo, pois o seu pai tamén era do oficio. Debuxa desde crío, o seu abo materno pintaba e o seu pai e a súa nai tamén. A marabilla dos óleos e os lenzos andaba pola casa. Daqueles anos conserva a habelencia de debuxar con bolígrafo de punta fina. Con el fai os bocetos dos cadros que máis adiante elaborará no seu estudio. Aínda que el sostén que o mellor boceto está na cabeza. Sempre debuxou cidades e espazos urbanos, abertos desde unha interpretación propia. Non importa que un recoñeza o lugar que nos suxire Otero no seu lenzo, o que verdadeiramente interesa é descubrir o toque persoal que o cadro ten, a súa visión do Orzán, os paseos virtuais sobre o auga, que non existen pero que un asume como reais porque os integra na paisaxe da Coruña. O trazo e a liña son unhas das características que permiten recoñecer unha obra de Francisco Otero. Procura que esa liña sexa o mais solta e libre posible porque iso é o que dota de estilo propio á súa pintura. Curiosamente, este paisaxista urbano é un namorado da arte primitiva e, máis concretamente, da arte africana. E ten pintado moito nesta liña. Admira a Modigliani, a Klimt, a Picasso, a Laureano Vidal, a Pedro Bueno, a Alfonso Abelenda porque lle parece quen de abordar calquera temática desde calquera estilo e a Seoane polo desencaixe do debuxo. Como bo pintor goza e sofre coa creación das súas obras. Gústalle deseñar os seus propios catálogos, porque é un artista moi próximo, tamén por motivos de formación, ás novas tecnoloxías. E é un decidido defensor do debuxo dixital. Kandinsky disque pintaba a música. Fco. Otero, como gusta asinar os seus cadros, pinta o paso do tempo. Porque a imaxinería que xurde das súas paisaxes urbanas mudará cos anos, e daquela, o público do futuro, poderá contemplar como era, como entendía, como imaxinaba e como suxería a nosa cidade este artista. É a diferenza de saír á rúa a pasar o tempo ou saír á rúa a traballar. O enfoque do que se ve é completamente diferente. Nin peor, nin mellor. Distinto. Nós gardaremos na nosa memoria un anaco de beleza coruñés. Otero, converterá a súa memoria en beleza e nos agasallará cunha das súas creacións. Como ven, a súa xenerosidade non ten límite. E fai este agasallo cunha enorme sinxeleza, ledicia e desprendemento. Estes días pódese ver unha das súas exposición na Asociación de Artistas. Achéguense, non se perdan o seu anaco de agasallo. Seguro que algún dos seus veleiros levarao aos mares do sur se ten o corazón propicio para a aventura da arte.