Unha vez contoume un amigo, que vive nunha aldea próxima a Santiago, os apuros que pasou para darlle o seu enderezo postal a unha compañía de telefonía. O/a teleoperador/a íalle pedindo datos un a un, e el non podía senón precisarlle que a cousa non era así. "¡Cómo que no tiene calle!". "Non, o que teño unha pista que me pasa por diante da casa, pero é unha carretera que vai de X a Y, non ten nome de seu. Póñalle Pista de X, ou Pista a Y". "Tampouco teño número, nin bloque, nin escaleira, nin piso, nin porta. Ben, porta si, pero só a miña. É unha casa". "Non, A é a aldea, pero non a población. A población, en realidade a parroquia, é B. Si, C é o concello, pero se pon Pista de X, Concello C, non van chegar as cartas. Ten que poñer A, B, C". "¡Es que yo tengo que llenar las casillas!" dicía desesperada a voz da telefónica, fóra xa delas. "Xa, pero eu é que non vivo nelas. Vivo no lugar de A, parroquia de B, concello de C".

O mesmo pasa con esas inspeccións de traballo que queren sancionar a parentes e veciños que traballan uns para os outros no campo. Non sei que casillas terán que encher, pero da mesma maneira que a maioría do monte en Galicia non é público nin privado, senón comunal, os labores do campo sempre se fixeron da mesma forma. Había quen podía contratar xornaleiros, pero a maioría contaba coa axuda de parentes e/ou veciños, sabendo que despois tiña que corresponder na mesma medida que a axuda que recibira. Se viñan dous dunha casa, dous había que mandar. Agora, a cousa mantense porque aínda que hai explotacións que se poden permitir as contratas, outras non, e sobre todo, tampouco hai moito a quen contratar.

Desde logo que me parece loable a intención controladora da administración, habendo tantísimas irregularidades como hai, pero creo que van a un campo, nunca mellor dito, onde van atopar pouca colleita, e moi difícil de apañar. Porque pensar que en base ao DNI se pode establecer se alguén é parente de alguén é non estar na realidade. "Oia, Vde apelídase Regueiro Regueiro e o propietario da explotación Pérez Pérez. Como van ser primos?". "Home, a súa avoa e a miña eran concuñadas e criáronse xuntas e sempre tiveron moita relación". Ou: "Non, de quen son parente é da muller. Son o neto da sogra que tivo a nai dela do primeiro home que lle morreu, ou emigrou e non volveu, non se sabe, na familia non queren falar diso". E se pretenden saber se son veciños estamos na mesma. "Si, no carné pon que resido en Barcelona, pero un de Barcelona ía saber arrincar as patacas? Xubileime alí, e para que cambiar o carné, se ando indo e vindo...".

As conclusións que se me ocorren con estas inspeccións son tres. Unha é que poda ser que alguén pretenda espantar á pouca xente que queda no campo, residente ou achegados, porque se non se poden nin xuntar para traballar e logo comer... Outra é que o resto dos sectores produtivos deben estar limpos de po e palla para ter que andar a rebuscar irregularidades laborais onde pouco máis quedan que vellos. E a terceira é que aos inspectores de traballo de aquí os mandaron tamén a Cataluña, a ver se aos referendistas que zafen do penal os collen polo social, e aquí mandaron a uns de fóra. Pero de moi fóra.