A Coruña foi pioneira e referente en novidades de festas. E como case en todas partes concentradas arredor do bo tempo de agosto. Será por ofrecer as maiores garantías de sol e máis longo o día, polas vacacións e os veraneantes. E velaí, ao longo deste mes, na Coruña, as Festas de María Pita ou Festas de Verán, aínda que a cerna da súa Cidade Vella sigue a celebrar as propias festas patronais, ou mellor matronais, arredor de cada sete de outubro, as dedicadas á advocación dominicana Virxe do Rosario.

Sabendo tamén que o copatrón desta cidade feminista é o San Xoán, noutrora festexado en liturxias eclesiásticas e fogueiras pagáns ao pe de cada porta, nas campas abertas ao ceo de cada barrio. Nas derradeiras décadas, por falta de espazos públicos, a maioría deles urbanizados en exceso de adornos, concéntrase os grupos okupando e sobando os areais das praias do Orzán e de Riazor, o mal exemplo tamén prende.

As festas do Rosario eran, e seguen sendo, aínda que perdendo fol, as Festas da Cidade, sempre ameazadas polo tempo outonal. Encontro cada vez con menos telderetes e músicas, en honra da imaxe da Virxe do Rosario, á que, segundo a tradición se lle debe a intervención milagreira -compartida coa pequena pintura dunha santa faz que se veneraba na Porta de Aires, que agora se olla repintada na igrexa de Santa María- para que Drake e Norreys, florinata da comandancia corsaria inglesas, cesaran no seu cerco daqueles quince días de maio de 1589 sobre a Coruña.

As rivalidades entre Isabel de Inglaterra e Felipe II eran políticas, de competencia no comercio atlántico e as disputas disfrazáronse de relixiosas, entre católicos e anglicanos.

En principio o coruñés convento medieval dos dominicos estaba situado fora das murallas, na Atocha baixa, pero foi destruíndo no fragor do cerco inglés... Rematada a contenda e retirados os corsarios, de inmediato as pedras e labras daquela edificación valeron para edificar un novo e máis amplo templo, agora no corazón da Cidade Vella, onde estivera a ceca de moeda, con capela-camarín especial para venerar a fermosa imaxe da protectora da cidade e onde o Concello cumprir cada cinco de maio co ritual do voto de agradecemento pola súa milagreira intervención. Vencellos do poder político co relixioso que sempre estiveron no debate e mais nos decimonónicos anos de ilustración e liberalismo.

Festas, tema de pintura naíf, con cartel de creador local, churrusqueiro programa de man, co cronograma de actos: pregón, misa solemne, procesión, sesión vermú, pasacalles con xigantes e cabezudos, verbenas de mantón, sesión de fogo fixo, multicor, voador e acuático... Páxinas nas que se mesturaban anuncios de comercios, bares e empresas colaboradoras con artigos dos sabios locais sobre aspectos da cidade, os monumentos e os persoeiros, entre os que as murallas da cidade, de escudos cada vez máis corroídos, eran tema socorrido.

María Mayor Fernández da Cámara e Pita, sintetizada en María Pita, foi, xa mais do que hoxe é, a muller bandeira dunha cidade por excelencia feminina, con exemplos que desembocan nas cigarreiras de Marineda, nas intelectuais Juana de Vega, Concepción Arenal, na Pardo Bazán, nas pintoras Carme Corredoira, Dolores Baliño, Elena Gago... a cousa ven de lonxe.

Sobre María Pita habería moito que contar e para todos os gustos, o que din uns e os outros, coincidindo todos en que nada tiña de santa e que lle aquece o tópico de que era "muller de armas tomar", raiante, irreverente e nada exemplar, tal como proclamaba o clero nun ambiente de beatas, o que mesmo se negou a darlle sepultura onde ela quería que era na emblemática Igrexa de Santiago, para finalmente enterrarse na súa terra orixinaria, a de Sigrás, no camposanto á beira do Camiño Inglés a Compostela.

Tal como ela era, María Pita á forza tería que pasar á Historia: abundan os documentos como propietaria de casas, herdos dos seus catro maridos.... teimuda, litigante por pagas e títulos como vítima de guerra que foi, sen ser a que máis entre as primeiras mulleres niso de acender o ardor guerreiro, alentar e encirrar aos seus ao enfrontamento contra os corsarios, máis alá das pautas e ordenanzas do entón Gobernador Militar, o Marqués de Cerralbo, até botar fora aos britanos...

Historias populares e de heroínas do cerco que motivan a tirar do fío aos investigadores románticos, Murguía, Oviedo y Arce, Martínez Salazar, Tettamancy... Acontecer representado por mulleres, vellos, nenos e mozos desesperados e unha María Pita, carniceira de profesión, que, ao fronte, con pica na man, acomete ao intruso inimigo cando na defensa da Porta de Aires matan ao seu segundo marido, o alférez Gregorio Rocamonde. Contan as crónicas que casa por terceira vez, faino co capitán Sancho de Arratia que, ao cabo de cinco anos morre e volta a casar, por cuarta vez, faino entón co alguacil da Audiencia, Gil Bermudez de Figueroa do que volve a enviuvar cando contaba cincuenta anos de idade... e non se volveu a contraer matrimonio por prescrición testamentaria do seu derradeiro marido. De todos os seus matrimonios tivo fillos, viaxa á corte a reclamar dereitos e Felipe II concédelle unha pensión... Ela mesma encargarase de debuxar o intre histórico que protagoniza, para recordarse popularmente nas efemérides, nos monumentos, como o que se ergue na Praza de María Pita, de xeito moi serodio, cincocentos anos despois daquel episodio histórico e un século despois de ser deseñado e inspirado nunha obra do pintor romántico Fernández Cersa. Dende o 2000 a heroína tamén terá casa-museo na Cidade Vella, centro que máis revitalización merecería para ambientar un tempo de encontros e desencontros comerciais, de políticas a través do Atlántico. En fin, o historiador Luis Gorrochategui en La Guerra de la Sirena (2002) abriu novos e dismitificadores camiños nas páxinas desta historia, contrastando documentos, paixóns, e como non, a visión inglesa e a coruñesa.

Sabemos que arredor de María Pita houbo outras historias que non pasaron á Historia: o creador Luis Seoane foi sensible ao tema e nun dos seus artigos recolle a nostálxica historia de Unha heroína esquecida, Inés de Ben, para a que reclama o que lle correspondía, non so como viúva que quedara dende o inicio daquelas escaramuzas coa toma do barrio da Pescadaría polos corsarios, liortas nas que perdeu a tenda que tiña e coa que forneceu ás tropas do mesmo Correxidor e aos cidadáns, ferida de bala, cega, aos pes co corpo do seu marido morto... no fragor da loita persistiu arengando. Recoñecida naqueles días, despois esquecida dedicouse a pedir esmola polas rúas... as súas fazañas remataron personificándose en María Pita. Cousas da vida.