A verdade, estaba equivocado. Hai veces en que se ten razón, hai veces en que non, e a maioría tense un pouco si e un pouco non. Pero nesta ocasión eu estaba errado -que non ferrado- ao 70%. Sempre dixen que a Xunta actual, máis ca un goberno, era unha xestoría. Administra os organismos, paga a luz e a auga, as nóminas dos empregados... Non digo que sexa pouco, que son unha chea de sitios e de xente, pero supoño -supoñía-, que gobernar era outra cousa máis que administrar. Pois non, non é unha xestoría. Ou si, pero só nun 30%. O 70% restante teno dunha mestura de Goberno Civil e de ONG/Misión en África. Xente que se dedica controlar o que pasa na súa xurisdición ou a amañar a vida dos demais, sempre que estean lonxe. En resumo, xente que en vez de atender ao seu, ao que deberían, andar a ver o dos demais.

Caín da burra hoxe co do Debate do Estado da Autonomía. Fíxose no Parlamento de Galicia porque do que se trataba era de tomarlle o pulso a Galicia. E non obstante falouse fundamentalmente de Cataluña. Non é que o de Cataluña me pareza pataca minuta, como dicía o outro, a pesar de que na última enquisa do CIS, o setembro pasado, a cousa só estaba entre os tres primeiros problemas do 7,8% da poboación, mentres o paro lle parecía o problema ao 69,5% e a corrupción a un 38%, os problemas económicos ao 21,7%, os políticos ao 20,7% e o terrorismo internacional ao 15,6%. Todo o mundo fala diso, mesmo un señor que estaba na mesa do lado o outro día nun restaurante no que estaba comendo -eu- con dos amigos bastante venerables, interveu na conversa para espetarnos que "Cataluña leva chupando de nós trescentos anos". E vería natural que as súas señorías comentaran as xogadas da cousa catalá na cafetería. E ben sei que para o partido do goberno é moi difícil non aproveitar a ocasión de facer patentes as diferenzas entre a oposición, e aínda máis entre os propios deputados dunha mesma formación, como eses matices que fan patentes as diverxencias influísen algo en Cataluña, en Galicia, ou sinceramente, en parte ningunha. Pero no hemiciclo da rúa do Hórreo cobran por falar doutras cousas, das nosas. É moito máis aburrido, claro, pero é o que hai.

Podían falar, non sei, dos incendios, un clásico que dá tamén para poñerse a parir e logo para quedar ben acordando crear unha comisión de estudo grande ou dúas pequenas. Ou se queren soamente discutir, sen acordar nada, poden falar do magnífico fracaso do eólico, que foi como quen matou a pita dos ovos de ouro para facer un caldo limpo. Ou da lei esa de predación, que vai permitir que as empresas que saben explotar recursos naturais llelos quiten das mans aos seus propietarios, lexítimos si, pero uns atrasados que non saben sacar beneficios de onde os hai. En fin, que por falta de temas non é.

Claro que se a Real Academia Española acorda expresar o seu apoio público á Constitución, a democracia e o seu rexeite ao secesionismo, poucos días despois de ditaminar que está ben dito "almóndiga" e "asín", que lle imos a pedir á clase política. Se os expertos non atenden ao seu, que se pode esperar de quen unicamente está pendente do seu e nada máis que do seu.