Foron frecuentes as caleiras e os fornos de cal, a fumegar columnas brancas que se confundían coas nubes. Cal usada tradicionalmente na industria, na agricultura, o cal morto dábaselle aos troncos dalgúns froiteiros para evitar as pragas, nos curtidos, para elaboración do vidro, do xabón, na metalurxia e na siderurxia como fundente, mesmo na antigüidade con carácter bélico, importante no control do medioambente? Tema referenciado no cambio de era por sabios como Plinio o Vello na súa Historia Natural e xa non digamos Vitrubio que nos seus 10 Libros de Arquitectura deixa reiteradas referencia ás propiedades do cal, especialmente no libro 2 que fala das clases de área, do cal, do puzol, das canteiras?.

Cal vivo, óxido de calcio, resultado da calcinación da pedra branca, sílice, rocha calcaria sedimentaria, orixe desa masa de conglomerado branco e espeso tan necesaria para construción e a albanelería. Cal e xabre, area, "unha de cal e outra de area", mestura imprescindible como morteiro de unión e mesmo para cintado de adobes, tapal, pedra? tamén usada como cal apagado, de revestimento, para recebos, como pintura... a que, logo, pola acción da climatoloxía, da humidade e máis do aire endurecerá como carbonato de calcio permitindo que a pedra "respire", din os canteiros. Cal, maleable pel de edificacións rurais que non hai que asociar unicamente ao Mediterráneo, sabendo que ese foi un camiño.

No pasado, á beira de cada obra, represadas por táboas de madeira, existían balsas de cal e nas que algúns xogando coa maleable masa branca queimaron o pelexo. Masa en función da construción e non soamente como morteiro aliado co xabre e coa pedra, senón pros recebos do pedrullo que configuraba os paramentos e os zócalos, pintados en cor máis escura, a fin de evitar as filtracións, a humidade, os lamparóns negros e que a pedra sexa alimento dos musgos e mesmo para dar frescura no interior ante a forza do sol do verán. Mesmo a pedra traballada, asentada en cantería fina, ás labras, finalmente eran tratadas cunha capa de cal fino, aplicada a espátula e pincel, como garantía de protección da pedra.

As cortes, as humildes cachoupas feitas de pedrullo e perpiaño, asentado sobre si mesmo, non se caleaban. A cal daba prestixio e consistencia á casa, era case obrigada na beiramar pola acción do salitre, inimigo número un da pedra, velaí as fotos antigas, as paisaxes rescatadas pola sensibilidade de pintores con ese minifundio, fragmentación de casas de variados cores en zócalos, carpintería de portas, xanelas, balaustres? Contrastemos o antes e o estado da cuestión do cruceiro do Hío, agora ennegrecido polos musgos, comezando a relarse pola acción do tempo; observemos a sala capitular de Oseira (1490), creación do mestre construtor trasmerano, Juan del Castillo; a tamén sala capitular barroca (1755) da Catedral de Santiago, deseño do arquitecto Lucas Ferro Caveiro... e tantas labras de igrexas románicas do Ribeiro do Avía, noutrora caleadas, agora esfaragullándose como azucre...as gabanciosas pedras armeiras dalgúns pazos... Cidades e vilas que presumían de cuadrillas de xornaleiros canteiros mostraban nas súas prazas solemnes casas construídas con cantaría labrada "vestida" cunha man de leitada de cal que deixaba translucir a textura e cor da pedra: Pontevedra, o Carballiño, Ourense... o Berbes, Combarro, Muros, Camariñas...

Os vellos saberes de mestres construtores, dos que se gabou Galiza, fóronse perdendo e inzaron as estéticas, hiperxenbristas, enxalzando o "brutalismo", a autenticidade da pedra, falseando unha orixe máis atenta a outra estética e á razón. As labras, cruceiros, escudos traballados en pedra gra, normalmente ían caleados e policromados, fotos e referencias abondan, como aquelas tan desalmadas que ofrece a condesa de Pardo Bazán no artigo el El país de las benditas ánimas ( Mondariz 28-IX-1887 ), recollido tamén no seu libro De mi tierra respecto a "los singulares monumentos religiosos que infestan este país.... esos piadosos espantajos?. fetiches más propios de tribus neo-zelandesas que del pueblo católico y racional?prefiero cargar la mano en el elemento pictórico que avalora la obra de cincel? y no cesa de iluminar retablos de Ánimas, fachadas, campanarios de iglesias con rabiosos chafarrinones de ocre, siena, añil, cúrcuma y almazarrón?". E pregúntase a señora Condesa de si esa tendencia "churrigueresca procederá de Portugal? queriendo saber quien es el primero y el mas criminal pintamonas, si los portugueses o nosotros. Ahora solo afirmo que el fenómeno del mal gusto en pintura decorativa reviste aquí el carácter de epidemia". E, a favor de la ética e a estética "de la gente cortesana y maliciosa" que acude a Mondariz como "agüista", remata sentenciando a condesa:"Quién se interese aquí por el decoro religioso debe enarbolar, sino la demoledora piqueta, cuando no al menos el pico y devolver a la piedra su color propio"... Convidando aos alcaldes a desfacerse de petos de ánimas e cruceiros deles? E cando, ao ano seguinte, a condesa retornou a Mondariz, puxo esta nota ao pe do artigo "tuve el gusto de ver que los retablos de ánimas han desaparecido".

O criterio da dona Emilia non pasa inadvertido á perspicacia de Castelao, que nas Cruces de Pedra na Galiza abonda sobre o tema e respectuosamente contraataca ao criterio estético da que, como paradoxo, fora Presidenta da Sociedade de Folcklore Español e usurpadora da idea orixinal de Murguía como fundadora da Sociedad de Folkclore Gallego (1884), "deitou conceitos imposibles de concebir en mente tan previlexiada..."

Será difícil no noso tempo volver á estética orixinal... sería como volver a repintar o Partenón, resultaría aos "refinados" ollos de hoxe escandalosamente rechamante. Máis alenta enxergar como recentemente a Catedral de Chartres rehabilitase no seu interior e documenta, explica de xeito didáctico, por medio de paneis e audiovisuais, a recuperación integral do revoco.

O debate non é novo. No 1908, a proposta do coengo e historiador Xosé López Ferreiro e recuperando o espírito do proxecto de Fernando de Casas Nóvoa na fachada do Obradoiro, formula: "?pintar como ya estaban a mediados del siglo XVIII las dos imágenes que se hallan en la parte mas alta del cuerpo central de la fachada, la urna del Apóstol que aparece entre nubes y un coro de ángeles, y la imagen del Apóstol, así como los dos Reyes que de rodillas imploran protección...". Debate no que se sigue, mesmo despois da morte de López Ferreiro, do que da conta e mesmo aguilloan os medios composteláns da época. Asunto que se remite a órganos consultivos como a Comisión Provincial de Monumentos e á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, que por medio de Vicente Lamperez acordan dirixirse ao cabildo compostelán solicitando a paralización das obras de pintado. O Cabildo accede e alega que eran traballos de reparación de pinturas, de las "insignias de Apostol Santiago y estatuas que ya estuvieron pintadas" e argumenta con proxectos barrocos, coas contas de albaialde e paneis de ouro empregadas nas obras, cos restos de pintura que en ocos ofrecen as mesmas esculturas que sofren á intemperie. Aspectos que serán ratificados ao cabo do tempo coa aparición de documentos? Galiza perde a súa cor orixinal e sofre a súa cerna de pedra traballada...