O mundo non vai mal pola persistencia dos malos, senón pola apatía dos bos. Poderíamos debater se existe o ben e o mal, pero o mundo non ten tempo. Nacemos para ser felices, non perfectos. Non temos tempo para o segundo. O planeta se nos vai. Os acordos sobre o sostemento climático da terra non se cumpren por parte dalgúns países dotados dun profundo pouso de imbecilidade. Falamos moito da eficacia dos nosos movementos políticos e económicos pero non somos eficaces na procura da felicidade dos terrícolas. Nin tampouco pensamos a longo prazo. Isto do coidado do planeta non é por nós, é polos nosos fillos e netos. Non apoiar os acordos que poden frear a destrución do noso mundo é de imbéciles. Porque os imbéciles existen. Sexan nacións ou persoas. E tamén os malos. Podemos exculpar un acto de maldade dun ser humano por moitos motivos: unha mala educación, unha nenez difícil, falta de oportunidades na vida, malas compañías, etc. Todo isto tamén existe e é duro convivir coas experiencias persoais que cada un ten vivido. Pero un malo sempre se encontra nalgún momento da súa existencia cun bo. Ese é o momento no que pode elixir. Se escolle o lado bruto da vida, xa optou por apoiar o mal. Nos seus momentos febles evocará o que puido ser, pero seguirá servindo ao mal. Os malos existen e a maldade tamén. Non se trata de conceptos relixiosos, nin de filosofía simplista. Estes dous polos da nosa personalidade acompañan ao ser humano desde o inicio dos tempos, e seguirán facéndoo. Hai que elixir, ou se está dun lado ou doutro. Os bos non podemos ser apáticos. A única maneira de vencer a maldade é dotándonos do orgullo da bondade. Temos que ser orgullosos de ser boa xente. Parece que os macarras andan coa cabeza alta e os xenerosos imos con ela gacha. A vida é longa e curta. Non nos podemos permitir o luxo de non ser felices. A felicidade habita nas cousas sinxelas. A lotería pode axudar a que vivamos máis contentos. Os cartos non dan a felicidade, pero axudan a conseguila se es intelixente. Mais se non te toca a lotería podes ser igualmente feliz. Por iso non hai que confundir a felicidade co que hoxe chamamos perfección. Porque a perfección non é saber idiomas, nin ter un traballo de postín, nin ser presidente dunha Deputación. Convertemos un camiño de espiritualidade, nun atallo para a riqueza. A busca da perfección é algo moi serio. Por iso dicía que naciamos para ser felices, non perfectos. Porque a perfección na que se educa aos nosos fillos é unha deriva perversa da orixinal. Hai que botar unha man a quen o precisa, respectar aos anciás, ensinar ao que non sabe, vivir pendente do alleo e non mirarse tanto o embigo. Medrar como seres humanos e non como rexidores de negocios. Hai que deixar que os nosos fillos encontren a súa felicidade, aínda que se dediquen a cousas incomprensibles para nós. A súa vida é súa. Nós só podemos contribuír aos seus soños. Iso si, desde unha educación inflexible cara a sensibilidade e o respecto a unha mínimas normas de convivencia e ao legado que os nosos maiores nos teñen deixado. Sigamos conservando o planeta, cumpramos cos compromiso de coidalo. Seremos felices e desterraremos ao mal do futuro da humanidade. Todos, polo feito de nacer, temos dereito a ser felices e a que nos eduquen para non escoller o camiño da tristeza. Pois o maldade é un territorio triste, moi triste.