Se son devotos das películas de James Bond terán presente a organización inimiga en media ducia delas, Spectra (Sociedade Permanente Executiva de Contraespionaxe, Terrorismo, Rebelión e Aniquilamento, acrónimo traducido de SPECTRE, Special Executive for Counterintelligence, Terrorism, Revenge and Extortion). Había nela unha disciplina de ferro (non había problemas de conducta nin laborais, ao primeiro fallo, execución sumaria), e quitado para os xefes, o emprego non debía compensar moito: vivían acuartelados na clandestinidade, sen horas libres nin onde gastalas, e cun uniforme que parecía un esquijama. Pese ao descritivo do nome da organización, non estaba moi claro o obxecto social ni a que se dedicaban, ademais de a amolar a Bond. Tiñan uns plans moi precisos para destruír o mundo, pero non moi claro que facer logo e onde, e a impresión que daban era que o seu era a maldade pola maldade. Pois deben ser eles os responsables dos incendios en Galicia. A misteriosa trama que prende lume nos montes desde hai anos sen deixar probas. Non hai outra.

Non digo que non haxa trama. Mesmo o fiscal superior está investigando se a hai, por moito que ata agora só aparecera nas declaracións das autoridades e nos medios adictos. O que sosteño é que as tramas criminais teñen un obxectivo, buscan un beneficio, normalmente económico porque son xente pouco imaxinativa. O terrorismo tamén usa a violencia cun obxectivo político, ideolóxico ou relixioso. A teórica trama queimamontes pode sacar rendemento duns incendios en parte de Galicia, onde se queiman especies aproveitables aínda despois de chamuscadas, ou naquela onde arden terreos apetecibles urbanisticamente, pero noutros é difícil separar a orixe do lume da idiosincrasia moi concreta de onde se produce. En canto ao terrorismo, un sinal de identidade é a propaganda. Reivindicar o feito violento e ter unhas esixencias. Pois os terroristas incendiarios ou son moi tímidos, ou están moi mal aconsellados desde o punto de vista da comunicación para levar case medio século aterrorizando anonimamente e sen proveito. E a maiores, se son certas as tramas, en Portugal, Italia, Grecia ou Bulgaria son a mesma ou delegacións? Alí tampouco lles rende o traballo nin nos cartos nin en imaxe?

Imaxinando por un momento que non fose Spectra e a súa infinita maldade a causante da chea de incendios do domingo pasado, está claro que non foron culpa da Xunta. Pero a Xunta si ten responsabilidades claras. Os case 500 brigadistas aos que non lle renovou o contrato non poderían ter impedido que se producido, pero despedilos si foi mostra que moi atentos á xogada non están, cando xa se sabía que ía vir un outono ardente. A administración autonómica é tamén responsable doutras cousas como permitir que a loita contra os incendios (digo a loita práctica, non eses comités de coordinación que se xuntan de vez en cando para facer ver que fan) sexa como o exército de Pancho Villa, cada un debéndolle obediencia -e con frecuencia o emprego- a unha institución distinta ou a unha empresa privada. E tamén o é dunha política forestal que permite ter montes e montes cheos de eucaliptos, sen un respiro entre eles, e de que non se cumpran as normas que hai para plantalos, como por exemplo non facelo preto das casas. Porque aínda que quen prenda os montes sexa Spectra por maldade ou xente de aquí por unha chea de razóns, a obriga do noso goberno é poñerllo o máis difícil posible e apagalos se aínda así o conseguen.