Voulles falar doutra cousa. De aquí mesmo. A Coruña debe estar experimentando un fenómeno parecido ao que facía levitar o Castroforte del Baralla de La Saga/fuga de J.B., de Torrente Ballester, sacándoa do mundo terreo. Algo como para que Paco Vázquez, vendo desde a casa como se pon o sol no porto, diga, satisfeito pero cunha punzada de acedume: "Ya lo dicía yo, y no me hacían caso ninguno". Pero a excepcionalidade que fai levitar a cidade non ten nada que ver coa política, nin -creo- coa economía. Si coa cultura, ese sector tan pouco considerado, e en concreto co seu consumo: mentres por todas partes non fan máis que pechar librerías, aquí abren.

Quizais pase tamén noutras cidades, por exemplo en Santiago, non digo que non, pero a tendencia xeral é a pechar. Aquí tamén houbo e hai baixas, claro, e sensibles (Nova Colón, Nós...) mais destacan as altas. Abren librerías pequenas e moi persoais, pero tamén as moi grandes; as xenéricas, pero tamén as especializadas. Supoño que todo o mundo que emprende un negocio faino coa maior ilusión, pero o das librerías chama -ou chámame a min- a atención polo entusiasmo ou a dimensión da aposta, pola disposición agradable e acolledora do local e das libreiras (normalmente son libreiras)... Non deixa de ser un fenómeno sorprendente, por varias razóns. A primeira é obvia e universal: o auxe das librerías prodúcese a pesar do empuxe do libro electrónico, legal ou non. Non sei como lle vai agora ao sector do ebook, pero supoño que incide máis nos lectores que non o eran que nos xa habituais. Ou que os habituais úsano por razóns prácticas, pero non deixan de mercar libros de papel. E tampouco debe incidir moito a compra vía internet de libros físicos, quitado os casos de obras difíciles de atopar. A segunda razón é local: nun lugar que apostou -a súa clase dirixente- decidida e teimudamente por ser unha cidade de servicios, e de servicios concentrados nunha chea de grandes centros comerciais, dándolle as costas aos de toda a vida, non deixa de ser estraño que proliferen as tendas de proximidade.

Porque non son soamente libros. Supoño que a subsistencia dun establecemento é moi difícil, desigual a loita contra a competencia multinacional, pero nas cousas de comer -os libros, o pan, a froita- resiste o local. Os ultramarinos nos que as fabas son de Lourenzá, os grelos de Monfero ou de Oroso, aguantan nos que o pan, e cada vez hai máis panaderías onde podes escoller se queres bolos de Altamira ou de Ousá. Iso de que os galegos estamos gordos, que di Inés Arrimadas, debe ser de comer tanto pan, e de estar moito tempo parados mentres lemos. Pero se en vez de estar todo o día espetada na tele, a portavoz de Cs en Cataluña tivera algo de tempo para mirar as estatísticas e non se fiase tanto dos tópicos, vería que os nenos e nenas aquí efectivamente teñen porcentualmente máis sobrepeso que os cataláns (uns 9 puntos, nada menos), pero andan aí, aí cos de Andalucía, onde naceu e viviu Arrimadas practicamente toda a súa vida, e teñen menos obesidade (é dicir, a proporción peso/estatura aínda máis descompensada ca no sobrepeso). E sobre todo, aquí teñen menos infrapeso (menos peso do normal) que nas dúas comunidades de referencia de Arrimadas (cinco puntos menos). Para min que comer pan de Ousá e grelos de Monfero e andar remexendo nos libros non lle viría mal á portavoz de Cs. E en xeral a todos os que andan metidos nese lío que teñen montado.