Si home si

Todo o que pode pasar, vai pasar

04.11.2017 | 01:13
Todo o que pode pasar, vai pasar

Teño para min que a política española está dirixida por xornalistas ou por guionistas de cine. Non me refiro á influencia que se lle atribúe aos responsables de prensa dos partidos, senón a que, cando non pasa nada, créase unha tensión e un suspense onde pode pasar de todo. Ao final, o único que pasa é que despois do día vén a noite. E ao revés, cando todo apunta a que a actualidade vai ir polo camiño do rutina e o aburrimento, salta un titular ou un punto de xiro que acaba coa calma prevista. Dunha forma ou doutra, atravesamos unha sucesión de días históricos, como quen sube nunha montaña rusa, e total para chegar ao mesmo sitio de onde saímos, pero máis mareados.

Despois de toda a tensión acumulada na cousa de Cataluña, o asunto parecía que estaba amañado polo método Rajoy: deixalo podrecer, facer que outros se ocupen, e no último minuto, ou no tempo de desconto, empuxar el a pelotiña. Neste caso concreto, convocar eleccións o 21 de decembro. Unha data o bastante próxima como para que todo o mundo, independentistas, unionistas e os que teñen días sobre que son se deixasen de díxomes-díxemes e se concentrasen na campaña, na crenza de que os votos lle darían a razón dunha vez por todas. Non estaba mal pensado. Se as convocase para dentro de seis meses, como se dicía nun primeiro momento, podía haber opción a organizar la résistence, pero sobre todo, seis meses son un mundo de tempo, e hoxe a xente non ten tanta paciencia, e nese medio ano ían ter que pasar moitas cousas logo da intensidade que de investiu no asunto. Como digo, era unha boa xogada, que parecía que tiña a todos, no fondo, conformes.

Pero tiña que saír a fiscalía e a xuíza Lamela a tocar o pínfano. A xustiza é como as pedras, que cando se tiran, xa non hai moita maneira de que volvan. E se dás con xente que é entusiasta de arrebolar coios como os citados, o fiscal Mazas e a xuíza Lamelas, o normal é que acabe xente lapidada. Polo que lin por aí (a xuristas acreditados, e non a eses que berran dicindo que as leis hai que cumprilas como se eles pedisen sempre as facturas con IVE ou respectasen o código da circulación en todo momento) hai dous escenarios: o malo e o peor. O malo é que algunha instancia xudicial, pola calada e sen facer demasiado ruído, devolva as cousas ao seu sitio e ditamine que nin houbo tais delitos de sedición nin rebelión, e que de habelos a Audiencia Nacional non tería pito que tocar na súa instrución. O peor é que a teima xudicial siga, e teñamos días históricos, con manifestacións e contramanifestacións, ata o día 21 de decembro, momento no que comezaremos outra nova etapa histórica. E así ata que alguén se decida a facer política. Ou quizás xa a están facendo, porque a fin de contas, gobernar é a arte de crear problemas cuxas solucións manteñan á poboación en suspense, que dicía Ezra Pound.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine