Temos xa outro tema fundamental polo que debater e rompernos a cabeza se fai falta, alistándonos nesta ou naqueloutra facción. As raias esas da camiseta da selección da Real Federación Española de Fútbol, coñecida familiarmente como "selección española" ou "España". Que ao parecer din que compoñen a bandeira republicana, que por se non están ao tanto, é como as dos balcóns, pero coa franxa de abaixo morada (e as tres do mesmo tamaño, para ser exactos). Podía ser que, efectivamente, fose así adrede, e constituíra unha mensaxe de integración para aqueles que non lles chista que o actual símbolo do Estado sexa o mesmo dos vencedores da Guerra Civil, co escudo do medio cambiado. A camiseta da selección non me parece o camiño máis axeitado para ese tipo de xestos, pero tanto ten o que me pareza a min, porque a intención non é esa. En realidade non sei cal era, pero o resultado é calquera cousa menos integrador.

Cóntanme que neses programas onde a xente vai berrar por obrigación contractual houbo quen se negou a asistir a un estadio onde xogaran con esa camiseta (aínda que non sei que ameaza é esa), mentres outros aseguraban que as raíñas non eran de cor morado, senón "azul petróleo". Así que non tiven máis remedio que botarlle un ollo á camiseta do conflito. E teño que recoñecer que é fea. Como son feas todas desde que deixaron de fabricalas de cores lisas e lle empezaron a meter tramas, raiados, cenefas, celosías e rebirichos visuais de todo tipo. Agora os futbolistas non defenden os "colores", senón tonalidades, gamas, matices e irisacións. Da mesma forma que os chándales xa non son aquelas prendas sobrias e cómodas para facer deporte, senón unha especie de traxes de astronauta para climas quentes, cheos de brillos e de respiradoiros. En canto ao "azul petróleo" sempre me lembrarei do inspector Utrilla, no gabinete de prensa da Xefatura Superior de Policía, cando comentaba que os coches denunciados por roubo pasaran de ser descritos como un "Fiesta verde" a "un Fiesta verde caribe", e de "Fiat Punto crema" a "Fiat Punto malvavisco" desde que os fabricantes de vehículos se puxeran estupendos.

En fin, cada quen que se poña como queira, pero o que está fóra de madre é a polémica sobre a camiseta de marras. Repasando a historia da equipación escollida pola RFEF, ou quen a escolla, a verdade é que non hai para moitas nostalxias. Na maioría das ocasións mantéñense esas raias nos ombreiros, amarelas e vermellas, que compoñen a bandeira pero dan un certo aire de mariscal de opereta ou porteiro de discoteca das de antes. De feito, o problema é esa combinación de cores, que nunha bandeira xa lle chega, pero nunha vestimenta é mortal de necesidade. Por iso anteriormente tamén lle meteron detalles de azul, a maiores do pantalón, para que descansara a vista, sen que entón houbese problema ningún. Pero supoño que a polémica non é pola estética. Feos con ganas foran os uniformes dos atletas españois nas Olimpíadas de Londres, que por riba eran de deseño ruso, mais daquela non chegara o sangue ao Támesis. Agora pasa o que pasa porque a xente anda coa patrioterina subida. Non me estrañaría que nos programas estes dos que berran de fútbol comezaran a poñer en cuestión iso de chamarlle "la Roja", e a propoñer nomes como "la Unida".