Convén coñecer, recoller e promover as orixes galegas, nas que radica a nosa orixinalidade. Facémolo entre tanta invasión comercial festiva para o Tempo de Defuntos, convertida agora nun novo entroido temático arredor da morte e do crime, baixo o nome anglosaxón e xeitos americanizados de Halloween (véspera do día de Santos). Deixamos confundir e perder a identidade entre un mundo que se uniformiza aceleradamente polos criterios dos vendedores máis poderosos. Os rapaces e os mozos, neste tempo, seguen a divertirse a espantar os medos, os de hoxe arredor de argumentos de crimes e sangue, botellón por medio, os de noutrora a xogar coas sementes, a baleirar cabazas para darlle xeito de caveiras cunha lámpada de luz no interior que semella imprimirlle vida; coas castañas, tamén coas cocidas, os zonchos facíanse colares... O asunto é avivar con cor, verde, flores e lámpadas as sombras da morte e a través do motivo crear tradición e amizade.

Os defuntos, benditas ánimas, compañas, señas, mouras... os espíritos dos devanceiros, aínda están moi presentes na tradición galega e máis alá de presentilos cada día e máis cada noite, dedícaselle no almanaque o seu tempo de lembranzas, será novembro (o noveno mes do almanaque romano) cando nacen e morren tantas cousas. As avoas de noutrora, as do "culto puntual aos defuntiños" que dicía o poeta Manuel María, non deixaron de acender lámpadas, velas, aquelas "mariposas" navegando nun vaso de aceite... luz para avivar a memoria dos mortos da casa e da tribo. Non faltaron tampouco os que nas noitiñas deste tempo deixaban sobre a mesa un prato con viandas pro xantar dos defuntos...Tradicións que levaron consigo os conquistadores e os misioneiros e que nas américas xuntáronse coas precolombinas pra resistir e singularizarse en México, declaradas Patrimonio da Humanidade.

Ourense garda e gábase de ofrecer circunscrito no seu couto, roda de tradicións, unha das máis ancestrais de Galiza, os Magostos. Nome que se di proveña de magnus ustus, a gran fogueira que da paso aos preparativos da invernía. Festa que se fai coincidir pola misión cristián -que tanto se vale da morte e de promesas eternas- co tempo de Defuntos e co de Santos. Días da castañeira, como ben preconizou o ourensán por excelencia que foi Otero Pedrayo, esa tempada que vai dende a metade de outubro e mais aínda do un ao once de novembro, o "pequeno verán do San Martiño". Inicialmente con festa e feira maior no primeiro día do mes, pero a Igrexa tratou de apartar a algarabía das fogueiras e as castañas asadas das liturxias polos defuntos, para trasladala e concentrala no día once. Celebración simbolizada polas sementes, propias deste tempo, por formas esféricas, de microcósmica mandorla, as castañas, as cabazas, as mazás, as noces? e xa, logo, encargarase o consumo de mercantilizalas, en vidro, en plástico coloreado para adornar grilandas e comerciais árbores da vida que culminarán na escenografía do Nadal.

O sabio romántico don Manuel Murguía, que abriu tantas portas a canto significa Galiza, preocupouse polo asunto desta festa, a que asocia ao día un de novembro, aos defuntos, considerábaa como a perseveranza dun antigo banquete fúnebre en lembranza das almiñas. As sementes como a castaña, froito do castañeiro, liberada do espiñento ourizo, simbolizaba o futuro, a vida, avivada polo viño, a luz das fogueiras, o canto e o rebulir da casa, da tribo. E dis que por cada castaña xantada ceibase un alma do Purgatorio.

A parroquia cristián e máis aínda o clan ourensán dedica o día once de novembro ao seu Santo padroeiro, Martiño de Tours. Este buscavidas proviña da Panonia húngara, mercenario imperial romano desprazado á Galia, onde imparte e asenta entre os galoromanos as doutrinas cristiáns fronte ao escravismo romano. A súa sona de xeneroso e milagreiro espallouse, e así se representa a súa imaxe, como a dun santo cabaleiro que reparte o manto cun probe, unha das máis representadas nos altares dos templos galegos, xunto coas dos outros cabaleiros tamén guerreiros adaís, San Xurxo e sobre todo Santiago. Mesmo este santo Martiño suplicou, sen éxito -pois puideron os argumentos do bispo galaico dos límicos Idacio- para que non fora decapitado por maniqueo e panteísta o galaico e mítico mago Prisciliano. Tampouco faltaron os máis papistas e o de Tours tívoo, encarnado nun seu paisano e homónimo, un misioneiro formado nos eremitorios de Xudea, foribundo contra os cultos panteístas dos galaicos, o que trae as reliquias do bispo de Tours a Galicia, mesmo válese delas para curacións e para conversión ao cristianismo de Teodomiro, o rei dos suevos, a tradición di que foi nas ribeiras do Miño, no que hoxe é fonte, campo e capela dos Remedios en Ourense. Este outro devandito Martiño asenta a súa sede en Braga, en Dume, para pasar a ser Martiño Dumiense. O pobo e mesmo a historia remata confundindo a ambos os dous santos paisanos e homónimos para celebralos no mesmo día e Ourense pecharse en festa sacra e profana de Magostos, cargada de símbolos e historias.

Festa na que os vellos quedan na casa, coidando o lume e as lembranzas, aínda que non faltaría a súa porta unha pequena cachela con castañas asadas dispostas e na mesa unha xerra de tinto espeso. Orixinariamente festa da mocidade, dos amigos e da familia, aberta á natureza a esas campas nas que expresarse e que cada día faltan máis. Gran merenda na que todos, cantando, concorrían a un xeito de altar antigo, o monte, arredor dunha pena mítica, dunha fonte... lugares considerados milagreiros, preferidos polos ofrecidos, en busca de remedio para os enfermos ou para as familias infecundas, lugares quizais cristianizados por un ermitán, sabio, construtor dunha ermida e da seo sartego. En Ourense o Montealegre é o punto máis visitado. Noutrora os mozos poñían o viño e as mozas as castañas, elas beliscaban un chisco a pel coirenta das castañas para que logo non estoupasen na fogueira ... eles recollían a frouma e preparaban o lume. Mellor aquece o ancestral pan de broa ou de millo, a empanada, viño, queixo a mais do que se queira sumar, e si é de tradición mellor. Poden non faltar os chourizos e o hoxe, coa eclosión do churrasco, pois tamén? Castañas, viño novo e produtos das primeiras matanzas, xa que "cada porquiño terá o seu San Martiño". Labaradas primeiras, non falta quen lle bote loureiro ou morodos para que estrale e se encomode a fogueira, sons de pandeiro, gaitas... e esas musicas tradicionais, feitas para clamar liberdade a ceo aberto, danzas arredor. Moitos cantos de Magostos perdéronse, o etnógrafo don Antonio Fraguas deu noticia dalgúns e da súa terra de Loureiro, en Cotobade. Namentres o lusco fusco e a noite se fan donos a festa continua, cosida con grolos de viño, sobre as derradeiras brasas estendidas as últimas castañas, atentos a non chamuscalas, a que teñan o seu punto. Mans negras de tanto espulgar, molladas en tinto, para así, entre mozos e mozas, pasalas pola faciana, a tisnarse e crear un xeito de improvisada máscara, pinturas negras a ton co tempo. Ao final todos baixarán do monte cara á urbe, como trasnos do pasado.

Para os creadores o tempo de outono resulta un inspirador retablo barroco, de fortes contrastes, de luces e sombras, baixo castelos de nubes a devalar e un sol ouridourado que asoma, avivando verdes e follas teixas, murchas, a carón da morte: novembro de borralla e cinzas, mouro e gris a un tempo. Momentos para o encontro, festa das orixes e dos sentimentos.