Como saben, polo menos en Meirás os encargados da xestión abrir e pechar o pazo, o de "¡Rusia es culpable!" díxoo desde o balcón da sede de Falange en Madrid o ministro de Asuntos Exteriores de Franco, que era o seu cuñado. Rusia era culpable da Guerra Civil, da morte de José Antonio e non era o touro que matou a Manolete porque aínda faltaban seis anos para que sucedera tal cousa. En realidade, aquela soflama do máis pro alemán dos ministros de Franco viña sendo unha campaña publicitaria para que a xente se animara a apuntarse ao exército de Hitler, co nome de División Azul, e pagar así o pufo de centos de millóns de marcos que tiña o goberno de Madrid co de Berlín pola axuda que recibira o golpe de Estado contra a República. Amigos si, pero o tanque polo que vale.

Rusia é de novo culpable. (Agora é realmente Rusia, na época do cuñado Serrano era a URSS, pero non quedaba tan eufónico o eslogan La Unión Soviética es culpable, e máis tendo en conta que un pouco máis arriba da sede de Falange estaba a da Unión y el Fénix Español). Parece que Putin, en vez de andar mandando no mundo polo método clásico de invadir ou procurarse uns socios que manden por el, chegou a conclusión de que é moito máis barato e descansado andar por internet, e investir en hackers e ordenadores e non en estrategos e mísiles intercontinentais. A plan A (o plan A que coñezamos, claro, ao mellor era o B ou o C) saíulle ben, e colocou a Trump na presidencia dos Estados Unidos. O B (ou C, ou D) tamén, e sacou adiante o Brexit no Reino Unido. Agora, segundo prestixiosos analistas, que non teñen probas pero iso das probas é para a policía e para os xuíces (para algúns), os hackers rusos apuntan os seus ratos inalámbricos láser cara Cataluña.

A min chámame a atención que despois de cobrar pezas como colocar a un tolambián na Casa Blanca e meter á Gran Bretaña na operación tan complicada de saír da UE, co negocio que facían dentro, Putin, que se dedica a cazar osos a peito descuberto, se meta no de Cataluña. Non sei, ao mellor os hackers fixos colleron vacacións (ou moscosos, que en Rusia seguro que hai, aínda que se chamarán Mockococ) e están os becarios levando o negociado. A favor da teoría dos becarios está o da chamada a Cospedal, que a quen lle ocorre pensar que unha ministra de Defensa, que dá combinado ser secretaria xeral do principal partido de España co ministerio ou coa presidencia dunha comunidade autónoma, ía picar co de que viñan 50.000 espías rusos ao ano a Barcelona. Fundían a Facenda rusa coas dietas. Habería que escoitar a Montorov, ou como se chame alí o dos cartos.

Tamén pode ser que non, que non sexa cousa dos becarios. Que teñan un plan deses sibilinos, tipo xadrez -os rusos son moi dados a iso- que entregas unha peza, ou faste o parvo, para que o outro se confíe. Ao mellor para que Defensa teña que importar fuel óleo ruso para mandar os tanques aló arriba. Quen sabe como pensa esa xente! De todas formas, algo está claro: para ser xefe de goberno é moito máis útil ter sido da KGB que dar sacado a oposición de rexistrador da propiedade.