Sobran en Galiza os recursos turísticos, aspectos históricos, culturais, gastronómicos, naturais, deportivos? pola contra falta xeito pra potencialos. Sumariamos a estes a creatividade dos anos do Modernismo, coa que se abre ao século XX e que tanto supoñen de revolucións e innovacións, na posta en escena, entre elas as revistas, o deseño e o impacto da fotografía e da "sétima arte", o cine, entre novas formulacións arquitectónicas e urbanas en quioscos, salóns, comercios, edificios administrativos e industriais. En liñas modernistas trázase dende un templo ao manubrio ou á insignia dun club.

O precedente desa festa de liberdade nas formas que é o Modernismo está no Romanticismo, cando se busca a Historia, as orixes, a identidade, coa posta en valor da creatividade, do que nos identifica nun mundo no que se acurtan as relacións.

Ao referirmos ao Modernismo compre dirixir a mirada máis alá da fachenda das fachadas? hai moito máis que arquitectura Modernista, existe toda unha moda, deseños que envolven a cultura, a música, a literatura, a arte e que conseguintemente poñen en valor ás artesanías. E niso dos milmañas artesáns os galegos fomos número un, moitos quedaron, os máis emigraron ás grandes urbes. As cidades de Galiza, especialmente as portuarias, en auxe polas novas industrias, abertas aos camiños do mundo e das américas, fanse propicias ás novidades: Vigo, cun variado mostrario arquitectónico no que se fan sobranceiros os Jenaro de la Fuente, Gómez Román... igual que a Coruña ou Ferrol, cidade na que o arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro alegra a sobriedade das trazas neoclásicas. Pero tamén Ourense con Daniel Vazquez Gulias ou Pontevedra. Urbes que se revisten de modernidade, nas que se aproveita a beleza dos seus arrabaldes para construír casas de campo á moda Modernista, mansións de novos empresarios, dos "americanos", polas que o "trole" cose novos anhelos.

O Consorcio de concellos das Mariñas, incluída a Coruña, entendeu a proposta da historiadora da arte Rosario Sarmiento para acoller unha serie de itinerarios arredor de éticas e estéticas, de sentimentos simbólicos, masónicos tamén, do Modernismo. Itinerarios que nos meten en inquedanzas exóticas, en ansias de liberdade que se debuxan no deseño. Europa desguedéllase polos novos ventos, París (Art Nouveau), Viena (Sezession), Milán (Liberty) ou Chicago... referentes nos diferentes xeitos de entender e chamar ao Modernismo, sen faltar aqueles que teiman en que a orixinalidade, está na mesma orixe, e velaí as reflexións de Vicente Risco e da súa Xeración Nós, a dos "os Inadaptados", os do "ser diferentes é ser existentes" que atoparán en Galiza fonte de inspiración, como referente a arquitectura de Antonio Palacios, a escultura Asorey, a pintura Álvarez de Sotomayor, a poesía Ramón Cabanillas, o teatro de Valle-Inclán, as novelas cinematográficas de Wenceslao Fernández Florez, o ideario de Castelao? Todo na salsa da moda e das marcas da Belle Epoque, a ritmo de charlestón, o boogie-woogie. Tempos nos que a estrela que máis brillou nos escenarios foi a galega Bella Otero, vidas de glamour, de cine como o da coruñesa Herminia Borrell...

O Modernismo é o tempo dos artesáns, que aguilloados polos deseñadores iranse incorporando aos novos logros tecnolóxicos e industriais, os máis visibles en relación coa construcións, tamén de pontes e rañaceos: canteiros, carpinteiros, ferreiros, albaneis? a comercialización de novos materiais, o cemento, a escaiola, o vidro, o azulexo, as baldosas? Nacen así importantes empresas construtoras, inicialmente dirixidas por nomes asociados á cantería. Progresos nas técnicas construtivas, novas bigas de ferro, encofrados, estadas, grúas? os edificios medran en todas as dimensións, inicialmente contribuíndo a un efecto humanista do urbanismo, con todo un requintado catálogo de mobiliario urbano.

Fundicións industriais como a ourensán Malingre ou a coruñesa Wonemburguer, as de Vilagarcía e Vigo... reciben encargos singulares, enreixados,pérgolas, farolas? A fábrica de vidro da Coruña, creación da familia Adalid, pai do ilustre músico Marcial, terá naquel tempo o seu canto de cisne, reducen a fabricación "de botellas de vidro escuro, iguales a las de Burdeos y de cristal blanco como el de Francia y Alemania" pola produción do vidro laminado. Como referente e polas relacións coa Coruña a través da familia Adalid, merece atención a Fábrica de vidros de Cifuentes, Xixón (1844-1912). Industria do Orzán que tiña contribuído á proliferación das galerías, como un xeito de artellar os saberes dos carpinteiros de ribeira coas novas manufacturas do vidro, a fin de cubrir as balconadas, moderna fonte de aclimatación da casa. Auxe dos carpinteiros e ebanistas, autores desas portas con deseños de trazas simétricas ou asimétricas, os zócalos complementados con azulexos, mármores, varandas, lámpadas de ferro dos hall, complementos decorativos en ocasións maltratados pola insensibilidade. Na Pontecesures a Cerámica Artística Gallega dende 1925, despois Cerámicas Celta reunía aos creadores para levar a arte galega aos bazares e á construción.

Nese recorrido arquitectónico polo Modernismo Galego atoparemos con grandes discípulos de mestres formados na Escola de Madrid. No paseo polas Mariñas coruñesas de "Condes" e "Frades", incluída a propia Coruña, o itinerario pode comezar pola Praza de María Pita, onde o edificio da Casa Consistorial, do arquitecto municipal, natural de Benavente, Pedro Mariño, da un paso do historicismo romántico ao Modernismo, arquitecto que, ademais, no ano 1928 ten a iniciativa do Congreso de Arquitectos de Galicia e do Colexio de Arquitectos de España. Alí a antolóxica "Casa Rey", proxecto doutro dos grandes mestres, arquitecto provincial da Deputación da Coruña, o avilesino Xulio Galán Carbajal, quen da dimensión modernista ás galerías, os populares "quitapesares", nada no gusto da puntillosa Condesa de Pardo Bazán que apola contra cualificábaas como "grilleras". Recorrido que, ao longo da vella Pescadaría, levaranos pola praza de San Nicolás, a rúa de San Andrés, cara ás Prazas de Lugo e de Galiza, onde iremos observando as características de arquitectos como Ricardo Boán, nacido na Habana, que estrea profesión na Coruña, avanzado en ideas, malia que morre no 1915 aos 35 anos, arquitecto de obra recoñecida polo coidadoso xogo de contrastes de pedra, cemento e ladrillo, colorido, artesanías en balconadas e galerías. Antonio López Hernandez, arquitecto coruñés vencellado á administración de Facenda, exerce tamén en Pontevedra, autor desa antolóxica obra en madeira que é a Terraza, hoxe en Sada. O tamén coruñés Leoncio Becansa, bolseiro en Roma, arquitecto municipal en Mondoñedo, Córdoba e Compostela, provincial na Coruña, autor dese postre modernista que son as Escolas Labaca; Rafael González Villar, viaxeiro por Europa, presidente de Cantigas da Terra, do Círculo de Artesanos, da Academia Galega de B. Artes, numerario da Academia Galega... caracterizado polo seu expresionismo e abrir aos xogos xeométricos do Art Decó; o eclecticista Eduardo Rodríguez-Losada que abre ao racionalismo, como o arquitecto municipal da súa cidade, Antonio Tenreiro Rodríguez, seguidor da escola de Chicago e abre, autor do Banco Pastor... Reboredo, Peregrín Estellés, Xosé Caridad Mateo, Santiago Rey Pedreira... arquitectos que partindo da sensibilidade Modernista dan paso ao movemento Moderno. Un universo de formas das que gabarse.