Hai un certo rebumbio polas demostración pública de ignorancia de Mariano Rajoy sobre as razóns do cambio do nome da rúa onde viviu sempre en Pontevedra. "He vivido muchos años al lado de la escuela naval de Marín, en la calle Salvador Moreno de Pontevedra. Ahora no sé por qué le han quitado la calle al almirante Salvador Moreno. Pero en fin, he vivido allí muchos años y le sigo llamando así", díxolle a uns oficiais da Armada nunha viaxe que fixo a Guinea, onde a Armada española está facendo un importante labor en non sei que. Non vou ser tan atrevido de asegurar que o presidente do Goberno minte, pero si que é algo aforrallón coa verdade.

De entrada, porque a rúa que tiña Salvador Moreno en Pontevedra non está "al lado" da escola naval. Está polo medio a celulosa, o porto, e Marín case todo, pero visto desde Guinea podemos aceptalo. E de saída, claro que sabe porque lla quitaron. Por participar no golpe do 36. Ao mellor a xente do Barbanza que foi dar nos anos 60 a Labañou non sabía quen era o Archer Milton Huntigton onde compraran o piso, pero o fillo dun maxistrado da Audiencia Provincial ben que se interesaba por saber quen era o tipo que identificaba o lugar onde vivía. E quizais na casa, ou no ambiente onde se movía o prerexistrador Rajoy, sabían que ou quen era o tal Moreno, dado que foi Ministro de Mariña. Como moito confundiríano con outro ferrolán que tamén interveu na Guerra Civil, Francisco Moreno Alborán. Entre os dous Morenos e un terceiro colega chamado Luis Carrero Blanco dedicáronse, dado que case non había mariña de guerra republicana coa que se enfrontar, a canonear poboacións civís costeiras. Non sei cal dos Moreno causou, coa axuda por terra de Queipo de Llano, entre 3.000 e 5.000 mortos na multitude que fuxía da toma de Málaga pola estrada da costa. Sinceramente, con Lei da Memoria Histórica ou sen ela (aínda que o nome cambiáronllo anos antes, en 2002), case mellor que a rúa se chame, como agora se chama, Rosalía de Castro, que non fixo mal ningún. Aínda que vostede, na súa intimidade de cidadán, lle chame X.

Eu, permítame a confianza, señor Rajoy, e que llo explique aos compañeiros comentaristas de fóra, ben sei que sabe quen era Salvador Moreno, e por que lle quitaron a rúa, como lle quitaron o instituto que tamén tiña, aínda que lle queda un que depende da Escola Naval, porque parece que a democracia hai que deixala ao entrar nalgúns sitios, como os zapatos nas mesquitas. É a súa forma de mostrar o seu desagrado/oposición a algo, sen que se note. Unha maneira máis educada, pero igual de contundente, para quen a saiba interpretar. Co de "le sigo llamando así" o que fai é iso, comunicarlle aos presentes que é dos seus. Que deixou os zapatos da democracia na entrada. Aconsellaba Confucio que "Se o gobernante se impón polas súas cualidades e mantén a orde en harmonía coas boas costumes, o pobo sentirá vergonza de actuar mal e avanzará polo camiño da virtude". Ao revés tamén, claro, e máis, porque costa abaixo todos os santos axudan. Nun pobo de Ávila, de nome tan impresionante como Salvadiós, o pleno municipal, ante o requirimento do Senado para que lle cambiaran o nome á praza José Antonio, acordaron desestimalo porque non figura por ningures o Primo de Rivera. Debéronlla dedicar a un José Antonio que pasaba por alí.