Si home si

Non vai ser por cartos

16.12.2017 | 01:20
Non vai ser por cartos

Non fai falta que pense nos propósitos de fin de ano. Xa os pensaron por nós, e ademais estes non van ser deses de non cumprir, como apuntarse a un ximnasio, deixar de fumar, aprender inglés ou non volver xuntarse nunha mesa con ese cuñado tan ocorrente. Este 2018 vaino pasar pagando como un pai de familia permisivo ou un xeque arrogante. Claro que soamente se é residente en Galicia, ou vén moito por aquí. Se non, de pagar non se libra, pero por aí fóra, Deus aperta pero non afoga.

Por exemplo, ese motor da economía galega que din que é a AP-9, collerá en xaneiro algunhas revolucións de máis. Cruzar a autopista custará 23 euros, e volver outros tantos. Niso se traduce o 3,81% de aumento das tarifas, que son case dous puntos máis que o que suben as autoestradas que dependen do Goberno central. Alguén pode pensar que por iso non a deberon querer pasar a competencia da administración autonómica, aínda que a Xunta ameazase con conter a respiración dez segundos se non había o traspaso. Mal pensado. Segundo o ministro, as peaxes suben polos acordos que asinaron no seu día os anteriores responsables de Fomento, José Blanco e Ana Pastor, un para ampliar Rande e a circunvalación esa de Santiago que a deixaron máis grande que a pista de aterraxe de Lavacolla, e a outra para compensar a gratuidade da telepeaxe dos que volven de Vigo a Pontevedra despois de ter ido. Se a economía dos gobernos fose como a das familias, como aseguraba Mariano Rajoy (polo menos aseguraba antes de dilapidar todos os fondos das pensións), a Autoestrada do Atlántico foi o peor negocio do mundo. Xa estaba amortizada cando en 1994, Felipe González (ou alguén do seu goberno, entendo que co seu permiso), lle renovou a concesión ata 2014. No 2000, antes de que rematase, non fose que tivese que quedar o Estado con esa fonte de cartos, Aznar (ou alguén do seu goberno, etc.) renovouna ata 2048. Ou sexa que se non a ceden non é polos ingresos que dá, que quen leva os beneficios son unha serie de fondos, máis ou menos corsarios, de por aí e de por aquí.

Claro que tampouco ten moita importancia que suban as peaxes, porque xa é caro bastante circular en coche. Acabaremos en Galicia 2017 coas gasolinas un 8,5% máis caras que cando comezamos o ano. Seguimos á cabeza dos combustibles máis caros de España, quizais porque somos os que máis lonxe estamos -por carretera- de Arabia Saudita e os países do Golfo. Ben é certo que somos os que estamos máis próximos a Venezuela, EEUU e o Mar de Norte, os outros produtores, por non falar do a man que nos pilla a refinería de Repsol en Meicende. Así que os custes de transporte non deben influír. Ou si, porque onde tamén están máis caros é nas Baleares, onde hai que levar o combustible a remo. As leis do mercado son moi complicadas. A pena é que tampouco pode quedar un na casa, polo menos no inverno: o combustible de calefacción tamén sube.

De todas formas, non haxa medo. Nin coas peaxes, nin co combustible, porque cada vez somos menos. Galicia encabeza a caída demográfica en España. Un bautizo (é un dicir) por cada dous funerais. Así que dentro dun tempo, en Galicia o dos cartos non vai ser problema.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine