Si home si

Que parece que pasou en Cataluña

23.12.2017 | 01:31
Que parece que pasou en Cataluña

Nunha análise de urxencia -que é o que dicimos os xornalistas cando sabemos que non nos imos esforzar moito en escribir bonito, e tamén para pedir desculpas adiantadas por se non atinas- para min as conclusións do día de onte en Cataluña son:

A prensa estranxeira sigue sen entender nada. Toda titulou coa vitoria dos separatistas, mentres a española titula correctamente que ganou Inés Arrimadas. Case igual que cando ganou Fraga sacando 37 deputados por 38 de PSdeG + BNG.

A lei electoral de Cataluña premia aos territorios menos poboados, e por iso os nacionalistas, con menos votos, sacan máis escanos. A lei electoral catalá é a española, que permite que os partidos maioritarios teñan unha representación moi superior ao apoio electoral que reciben. No Senado actual, por exemplo, o PP, cun terzo dos votos, amarra dous terzos da cámara. Coa lei electoral galega, que estableceu Fraga, o PDeCat quedaría fóra do Parlamento.

Os independentistas son os que eran, e non deixaron de selo polo 155 e a presión mediática madrileña. É máis, posiblemente a consecuencia diso, aumentaron. JxCat, ERC e CUP suman case o 48% dos apoios. Iso no significa que o 52% sexa antiindependencia. Deixémolo en algo máis do 43% que é o que suman Cs, PSC e PP. Tamén é maioritaria a defensa do dereito a decidir, xa que ao 48% dos independentistas pechados, hai que sumar o 7,5% de Comú-Podem. Ese mesmo 7,5% dos Comúns, sumado ás porcentaxe de Cs, PSC e PP sirve para concluír que a maioría da sociedade non está a favor dunha declaración unilateral de independencia.

Ese resultado do partido/movemento de Ada Colau, que baixou un punto e medio e tres deputados evidencia tamén unha vez máis que estar no medio nunha situación de enfrontamento non é moi rendible. O mesmo que lle pasou ao PSC, que estar escarranchado táctica e ideoloxicamente, aínda que ao final inclinados na perna unionista non lles deixou coller votos dos dous bandos, senón unicamente conservar os seus.

A esquerda española, cunha visión parecida á de Azaña cando dixo que os que votaran ás dereitas en 1934 eran os "burgos podridos", proclama que o 21-D ganaron as dereitas, sumando JxCat, Cs e PP (arredor do 51% dos votos). A maiores da comenencia de meter ao PSC como esquerda cando convén ou cando non (o candidato de En Comú, Xavier Domènech, chegou a propoñer un goberno de esquerdas deles con ERC e PSC), é moito supoñer que o case millón de votos que recibiu Puigdemont, ese que parecía parvo cando puxeron (a candidatura era Junts per Catalunya, non o PDeCat herdeiro de Convergència) foran para apoiar a política económica e os recortes que fixera o goberno de Artur Mas. Non é arriscar moito pensar que boa parte -polo menos a parte que lle quitou a ERC e CUP- foron para darlle nos fociños a Rajoy/os medios de Madrid/etc. Se non contabilizamos ese 21,5 de votos ni dun lado nin de outro, quedan máis do 47% de votos á esquerda (PSC, ERC, En Comú, CUP) e menos de 30% para a dereita clara (Cs e PP). E Rajoy deu dous pasos atrás, si, pero tamén un adiante. O PP xa non pintaba nada na política catalá, e acábase de crear Unión del Pueblo Navarro de Cataluña (cunha líder, por certo, que só leva vivindo alí cinco anos, para que logo digan). No resto de España, refórzase tamén a alianza.

E, sinceramente, espero que se amañe aquilo dalgunha forma, e me veña á cabeza falarlles doutras cousas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine