Si home si

Tabarnia e Ponterunia

30.12.2017 | 01:18
Tabarnia e Ponterunia

Con esa facilidade tan española de facer das cousas serias unha trangallada, e das trangalladas algo tráxico, agora a achega da teoría política máis celebrada é a creación de Tabarnia. Tabarnia (Tarragona + Barcelona) é unha "rexión" feita a base dos territorios onde son máis ou menos maioritarios, ou perden por pouco os partidos chamados constitucionalistas ou unionistas. Máis ou menos os territorios costeiros desas dúas provincias. Os tabarnistas usan os argumentos dos independentistas, ou a súa caricatura, para xustificar a separación do resto de Cataluña. En España iso fai moita graza, pola novidade, aínda que aquí xa levamos anos facéndoo. Desde o músico Emilio José (nada que ver co cantante de Latino) reclamando a independencia de Ourense de Galicia, ata o Partido Froilanista, esixindo para Froilán de Marichalar y Borbón o trono do reino da antiga Gallaecia.

Os partidarios tabarnistas consideran que o seu territorio caracterízase por "una alta densidad de población; intensa relación comercial con el resto de España; orgullo por el bilingüismo; mentalidad abierta, mayor renta y mayoría de votos no separatistas", mentres o resto da comunidade é "rural y atrasada". A maiores, critican a lei electoral, porque "en Barcelona para conseguir un diputado se necesitan 46.000 votos. En Lérida (sic), 20.000". Como era de prever, a gracia saíu en todos os telediarios e na prensa seria. Como calquera cousa que ironice sobre as cousas serias, ten a súa gracia, pero en ocasións, ou case sempre, a burla faise contra os débiles, e úsase esa arma porque estaría moi mal usar outras. Rirse dos pageses, que son xente que parece mais ben asentada (polo menos os de Casa Tarradellas) pode estar ben. Agora traslademos a cousa a Galicia.

Nas últimas eleccións galegas 278.295 votos tivo o PP na Coruña, por 264.073 a oposición, mentres en Pontevedra Feijóo sumou 213.045 apoios por 242.528 os outros. É dicir, en Ponterunia, ou en Coruvedra, non gobernaría o PP. E se non collemos as provincias enteiras, senón como en Tabarnia, a parte costeira, esa de "alta densidad de población; intensa relación comercial con el resto de España; orgullo por el bilingüismo; mentalidad abierta, mayor renta", a diferencia aumentaría substancialmente. E se os tabarnistas se queixaban porque a lei electoral (a española de 1985) facía que conseguir un deputado en Barcelona custaba máis do dobre ca en Lérida (sic), os ponterunistas (o coruvedristas), con tanta razón, queixaríanse de que mentres o parlamentario do BNG por Coruña lles sae a 25.000 escanos, e o do PP a 21.000, en Orense (sic), por 10.000 apañas un.

Non sei que parte de gracia ten o de Tabarnia e que parte non. Haberá de todo. O que sei é que aquí levamos moito tempo falando de Ponterunia (ou Coruvedra), pero non lle chamamos así. O desprezo ao campo, a quen vive nel, ou máis exactamente a quen resiste nel, está latente nunha chea de manifestacións, algunhas veladas, outras máis que explícitas. Por iso dicía que facer burla das cousas serias está ben, mesmo é san. Pero a ver se de vez en cando se fai cara arriba e non sempre cara abaixo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine