O labirinto do alquimista

Cantos de Nadal Galegos... enxordecidos

31.12.2017 | 01:12
Cantos de Nadal Galegos... enxordecidos

Xa se cantou máis do que se canta hoxe. Cantábase dende o nacer, diante do berce, á morte, a carón do cadaleito. Tanto se cantaban as mágoas como as ledicias, e por cantar tamén se cantaban as corenta e a lotería e sobre todo cantábase no Nadal. Tempo que abre á invernía, os Dies Natalis Solis Invictus, festas celebradas polos romanos arredor do solsticio de inverno, Saturnalis e Brumalia, en honra de Baco e Saturno, renacemento do deus sol. Días pra implorar aos deuses auguri felices. Festas cristianizadas, adornadas de cor, estrelas e anxos que nos orientan cara unha orixe, Belén. Festas, de luz e música, tempo de relacións e polo tanto de cantares.

Cada vez máis, vaise facendo do Nadal un tempo de agasallos, de regalos comerciais, de retrouseiros anuncios, cantos de serea que abusan da inxenuidade pra crear adictos, engaiolados consumidores, empurrados cara ao cebo. Atorde en todas as dimensións o "mira como beben los peces en el río y beben y beben y beben y vuelven a beber...", "campana sobre campana..." e enxordecedores redobres de rompompompos... letras e ritmos que axudan a marcar o paso cara aos mostradores. Músicas, luces, adornos, regalos pra gloria do Gran Bazar Chino, iso si, ben fornecido, sempre de garda e con reverencias ao cliente. Tomemos nota.

Grandes músicos e empresas discográficas europeas saben do tirón do Nadal e sacan da arca das lembranzas repertorios de novos e vellos vilancicos, incluso reproducidos en edicións nostálxicas de vinilo, como se fai agora cos vilancicos da autoría de The Beatles, temas e músicas de inspiración céltica escocesa, galesa e irlandesa... Non faltará o Adeste fideles ou o austriaco Stille Nacht. Globalización e particularización que debera cadrar ben pras versións en galego neste noso confín, onde tanto se venera en tímpanos, altares e cruceiros dos camiños a unha Nai-Virxe, onde os tres Reis Magos, interraciais ,tiveron o mellor culto e representación, explicando que a peregrinación cara un berce, o de Xesús, ten o mesmo significado que a peregrinación cara o sartego do seu veciño e discípulo, Santiago: oriente, occidente, vida-morte, o labirinto, o enigma que nos nimba e couta.

Cantar une e cántase pra apagar penas. Así é que un pobo que ten cancioneiro, cantantes e que canta no seu idioma orixinal é un pobo que ten voz e expresión, que está vivo. Por algo Galiza foi capaz de imitar na Terra un Pórtico do Ceo, o da Gloria, nos que se representa a ascese vital: sobre os monstros érguense os portadores da palabra, para ser todo coroado polo arco dos Vintecatro vellos sabios, tocando e cantando... e sobre deles a cosmogonía do Deus Sol Invictus, o rosetón, xeométrico e multicor. País de trobeiros, soldadeiras e versificadores, que tanto estrebillou vilancicos irónicos, meténdose máis co humano que co divino, como panxoliñas, pange lingua, venerando ao Neno-Deus, e a cantos, naquela noite máxica, se deixaron guiar pola luz das galaxias cara un cortello-portal. Velaí tamén o repertorio esquecido de cancións de aninovo pra antes e despois de limpar as lareiras do Lume vello, de gardar o tizón, de recoller a cinza milagreira e atizar xa ao Lume novo. Noutrora, no mundo rural e labrego, cantares arredor das lumeiradas solstícicas do San Silvestre, noite de fin de ano e de esconxuros... Alegría e cantos de esperanza ao sentires que renace a luz e brillan máis as estrelas. Manueles, xa que o Neno chamábase Manolo, pra darlle entradiña feliz ao aninovo, Cantares de Reis e mais aínda as xaneiras ou os que lembraban a Fuxida a Exipto. Música pra escenografías representadas nos retablos, días pra xuntarse e cantar, seguindo así unha tradición enraizada nos autos sacramentais medievais, con eses toques mozárabes, orientais, como o leixapren, isto é a repetición da mesma palabra ao comezo da seguinte estrofa. Tradicións con músicos, trobeiro e coro, seguidas no Renacemento e aumentadas no século XVII e XVIII, traspasadas polo ruar inxenuo dos nenos nos que vertemos tantas tradicións e polas serenatas dos mozos. Cantares precedidos dun licenza, pra rematar pedir un xeito de compensación e seren premiados co aguinaldo, propina que era considerada un dereito debido á xuventude.

Cantos que acentúan canto se reproduce na aldea feliz do Belén, artillada por artistas cultos e populares, con figuroñas que representan a xente de camiño, en procesión, baixo a pancarta que reclama pro mundo Paz e Ben. Lección sabida e practicada polos franciscanos, os primeiros en erguer tal representación na Porciúncula de Asís, fratellos tan na vida galega de noutrora, co privilexio de ser custodios dos Santos Lugares, os que esgotan didáctica pregoando polo mundo e de todos os xeitos o nacemento, a vida e o viacrucis daquel mozo de Belén. A esas cousas non hai quen lle gañe, nin remendado Apalpador montesío galego, nin Oletzero euskaldun ou a Mari Poppíns, que tamén esta ben sacalos e sumar a outros homes do saco machistas, Papa Noel, Santa Claus e ás infindas tradicións deste tempo e do Vello e deste Cabo do Mundo.

Dificilmente, contra vento e marea, resiste hoxe a tradición coral para estribillar e poñerlle música e voces aos Cantares galegos de Nadal. Estrofas feitas con métrica de versos, eisasílabos, oitosílabos, penta e eptasílabos, ou mesmo endecasílabos, os de gaita galega... mañas que os versificadores galegos levan no seu ADN. Cantigas, cantos arredor do Deus nace galego. Cantares que falan con señardade da casa, de estrelas, e como si de peregrinos se tratase, do camiño, aguilloados por imperativos como camiñade, vinde, vaiamos, correde entre pastores, lavandeiras, ferreiros, arrieiros... a xuntárense cos magos... O Belén é a historia dunha romaría, dunha viaxe que busca a luz, a esperanza. Músicas e cantares que tiñan apoteose na Misa do Galo -nas tradicións celto-cristiáns por algures sempre asoma o galo empoleirado e alboreiro, o que tamén agoira traizóns- con melodías e ritmos que aquecen pra adornar a festa, e que definen procedencia de tempo e lugar.

Contrariamente a outras partes, e pese á tradición do escarnio e maldezer, son os cantares galegos de Nadal composicións respectuosas con cantos concorren a Belén, San Xosé incluído. O tema propio de Galiza exportouse pola rosa dos ventos a través da arrieiría, da emigración, collendo alí por onde ían carácter propio, axudados de instrumentos improvisados, tanxir de axóuxeres, conchas, sobre botellas de anís, bater de latóns, pandeiros, zambombas, chirimias, clarinete, gaita e acordeón mellor... Manifestacións, estudadas, rescatadas en arquivos de catedrais, a carón de vellos e velliñas que as mantiveron para transmitilas novamente e entregalas. Así o fixeron Saco e Arce, Pérez Ballesteros, Sampedro, Torner e Bal y Gay, Filgueira Valverde, Fraguas, Taboada Chivite, Álvarez Blazquez, López Calo, Carlos Villanueva, Xosé Luis Foxo e máis aínda pra que os novos músicos, clásicos, rockeiros, rapeiros, heavies, reguetoneiros tamén, tomen nota e recreen sobre principios que endexamais caducan. Pois onde hai cantares hai raiceiras e florecer do pobo que as practica: "Ven, ven Mariquiña/ben vai Manuel/No ceo a estreliña/guiando a Belén".

Pra coñecer o estado da cuestión de que cultura popular que prima, escoitemos a radio, a TV, vaiamos a esas visitadas instalacións de beléns que inzan Galiza e escoitemos que vilancicos e panxoliñas os envolven. E aínda así a esperanza brilla no Belén global.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine