A noite de Reis, milleiros de condutores quedaron atoados na AP-6 pola neve, e chamáronlle de todo menos bonito ao ministro do Interior, e ao director xeral de Tráfico, e algún que outro tamén a Iberpistas, a concesionaria da autoestrada, sen razón ningunha, porque, polo menos desde 2004 nunca pagaron unha triste multa por cousas como esta. Os tribunais déronlle a razón aos condutores atrapados, pero o Goberno, na súa infinita sabedoría, no llela quitou, pero tampouco lles deu os cartos. Pois ben, cando a Dirección General de Tráfico ofrece solucións técnicas para situacións coma esta, todo o mundo a toma con ela.

Refírome a ese kit do atrapado que difundiu e que consta, como as cuberterías finas de 18 pezas distintas. Desde un chiflo (por se hai que chamar a algún neno que se baixa a facer pis e se despista), ata unha pa desmontable (por se hai que abrirse camiño padeando neve como un fogoneiro), pasando por un traxe de augas (por se se lle ocorreu saír de verao en xaneiro). Non sei se o director xeral de Tráfico sae moito de viaxe coa familia, se é moita ou pouca, e que maleteiro ten, mais eu asegúrolle que teño que facer un Tetris 3D coa equipaxe cando saio coa miña, e un dos días que lembro con felicidade foi cando por fin nos libramos do cochiño de bebe plegable e do berce desmontable.

Pero a DGT ten razón, e incluso penso que pecou de prudente nos elementos do kit. De entrada, se hai pequenos, hai que levar un DVD portátil, ou unha play station, cos correspondentes cascos (para que os adultos non acaben xordos de tanto tiro). Hai que levar tamén equipos de música para non acabar pelexando por que emisora sintonizar. Todo iso, xunto cos móbiles e o equipo de radio para tentar comunicarse co exterior consume un mundo, ou sexa que mellor levar unha batería (de coche) a maiores. Sempre se pode aproveitar a situación para reforzar os lazos familiares, e así que unha baralla de cartas non ocupa nada. No caso de que os nenos sexan pequenos ou pouco afeccionados ao naipe, un taboleiro de xadrez, ou damas, e un parchís, son un recurso socorrido. Tamén unha raquetas. Se non se pode xogar ao tenis, ou ao squash, sempre se poden usar para poñer nos pes e dar unhas voltas para desentangarañar as extremidades inferiores. Tamén é importante cargar con algo de lectura, para quen teña esa afección, ou aínda que non a teña, por se se lle esperta nesas circunstancias.

Non obstante, non son partidario das barritas enerxéticas que recomenda a DGT. Se as criaturas ven que nas situacións tensas o primeiro que se fai é botar man de lambetadas, mal servicio estamos facendo á súa educación alimentaria. Mellor ser previsor e levar un bolo de pan e un tarro de chourizos, ou un xamón (a bandexa traseira, onde se levaba o cadelo de cabeza oscilante, é o sitio axeitado para instalar o soporte jamonero). De todas formas, a miña recomendación persoal é encargar unha empanada. Das mellores viaxes que teño feito a Madrid foi dando conta dunha empanada que levaba un compañeiro para un compromiso, e que tivo que substituír por unha caixa de xemas de Santa Teresa xa por Adanero. Tampouco estaría de máis cargar cunha escopeta de caza, quen teña licencia, ou cun arco e frechas, quen non. Neses sitios de neve hai moito bicho grande, uns de comer e outros de comer nun, e condutor atrapado prevido vale por dous.

E se non, faga como os dirixentes da DGT e quede na casa, que como na casa, en ningún sitio.