O outro día tiven unha experiencia curiosa. Estaba polas Pontes de García Rodríguez, no bar dunha aldea, ou nin aldea era, e tiñan posto o programa de Juan Imedio. Si, Canal Sur. Como lles digo. Non sei se vai sempre do mesmo, pero o que vin era un vello de 77 anos que estaba desconsolado desde que enviuvou, e pedía unha señora da súa idade. Tiña que ser da contorna Cádiz-San Fernando-Chiclana, que non tivese vicios, non facía falta que fose guapa, pero si que lle gustase ir amañada e pasear. Chamou unha que, interrogada polo tipo e por Juan Imedio, resultou que entraba dentro das características, quitado que era un chisco nova (71). A explotación do exhibicionismo do ser humano éncheme bastante, así que cambiei de soporte, sen poder zafar de tratamento, e centreime no Marca. Lembrei entón que teño recortada unha información sobre que o Goberno do Reino Unido creou, ou está pensando en crear, un Ministerio da Soidade, dado que hai nove millóns de persoas alí que viven soas, como moito cun gato ou coa BBC (que non son mala compaña, mesmo mellor que moitas outras).

Non sei cales serán as atribucións dese Ministerio. Se convocar congresos médicos nos que se analicen as patoloxías que crea vivir só; informes sociolóxicos sobre a influencia dos opis (acrónimo de old people single) ou simposios de psicoloxía social sobre a influencia da soidade na delincuencia senil, ou de economía sobre a preocupante caída nos hábitos de consumo na terceira idade. Aquí sería para botarse a tremer, se temos en conta que o emprego encargáronllo a unha señora que nunca tivo o máis mínimo contacto co mercado laboral, e que confía en que lle faga o choio unha Virxe (non recordo cal), da mesma maneira que ao patrón dos madrileños, san Isidro, tiña de alugado un anxo que araba por el (non deixa de ser pavero que o santo de Madrid fose un labrador, aínda que claro, naqueles tempos non ía ser un funcionario).

Aquí, de feito, as autoridades, sobre de todo os concellos, non creaban ministerios, pero facían Festas dos Vellos, nas que había de comer, de beber, e música. Creo que xa non se fan tanto, supoño que por cousa da crise, porque por exceso de populismo nunca aquí se deixou de facer nada, pero no fondo era unha boa idea. Os vellos, no campo e na cidade, o que botan de menos son os tempos no que non o eran, e o que facían daquela. No campo en concreto, as comidas dos labores agrícolas (onde foron!), ir a feiras (xa non hai, ou non hai como antes), a romarías (que hai, pero non os levan, e son outra cousa). En definitiva, o que queren é estar con xente, comer o que lles pete, e como me dixo un unha vez que facía unha reportaxe (eu, non el): "se por riba houbese unha gaitiña...".

Porque a terceira idade, aquí e no Reino Unido, o que necesita son pensións decentes, residencias por se non se valen, axudas para os familiares que os coiden (non só económicas). Para unha vellez digna inflúe desde a política de vivenda (se os pisos son pequenos, os avós non caben, aínda que se queira telos), a fiscal, a educativa (a consideración social que teñan). Eses son os remedios, e non un Ministerio. E quen queira vivir só, que viva, e quen teña que vivir só, que non lle supoña unha amargura.