Parece ser que os herdeiros de Franco (os herdeiros legais, non os ideolóxicos) andan a ver se venden Meirás, ou sexa o pazo, coas súas pompas e as súas obras. Eu fun testemuña de cando venderon o seu outro símbolo estival, o iate Azor, e do pau que lle deron ao comprador, pero quen o vendeu foi o seu lexítimo propietario, a Armada, o Ministerio de Defensa ou a entidade pertinente, pero este, claro, é un tema completamente distinto. Un asunto polémico provocado, todo hai que dicilo, porque a xente de antes era xenerosa de máis. E os Franco o que están facendo ou pretenden facer é o que viron na casa. Na Casa Real, en concreto.

Non quero dicir, por suposto, que o de Meirás fose un regalo, ou máis exactamente un regalo voluntario (que é o que define un regalo, por moito que quede feo ir a unha voda, bautizo ou agora a unha primeira comuñón sen nada debaixo do brazo). Está máis que demostrado que, baixo a emprendeduría de Pedro Barrié e doutros próceres, habería xente que deu, pero á inmensa maioría quitáronlle. Pero, fóra a brutalidade propia da época, e do regalado, non foi novidade ningunha. Nos primeiros anos do século pasado, ás forzas vivas da Arousa deulles por mercar a illa de Cortegada para regalarlla ao rei daquela, Alfonso XIII, para que se fixese un chalé. Había o inconveniente de que vivían nela case un cento de persoas, pero para iso está o interese público. En tres anos xa estaba mercada e expropiada a illa enteira. A mala sorte foi que en Santander correran máis e xa comezaran a construír o Palacio da Magdalena. Custou 700.000 pesetas, que soltaron entre o concello, entidades varias e, tamén a familia Botín (que non se estirou moito: deu 1.000 pesetas). Alfonso XIII destinou Cortegada a finca de caza, pero só foi unha vez. En Santander si que pasou unha chea de vacacións (é dicir, a época do ano na que vai calor). Coa chegada da República, Cortegada quedou como estaba, e o Palacio da Magdalena foi sede dunha universidade e logo, cando Franco ganou a guerra, en coherencia cos principios fundamentais do Movimiento, campo de concentración. As dúas propiedades foron devoltas na posguerra á familia real. Juan de Borbón plantara piñeiros e eucaliptos en Cortegada, e en 1978, cando o seu fillo xa era rei, vendeulla a unha inmobiliaria, que pretendía construír alí unha urbanización e un campo de golf. O ano anterior -insisto, cando xa Juan Carlos era rei- tamén lle vendera en 150 millóns de pesetas o Palacio da Magdalena a quen llo regalara a seu pai, o concello de Santander, gobernado polo Hormaechea aquel de Alianza Popular que logo foi presidente de Cantabria (e o primeiro dunha autonomía en ser condenado a prisiñon). En Cortegada non construíron, porque a integraron no Parque das Illas Atlánticas, pero a expropiación saíulle á Xunta en 2007 por case dous millóns de euros. O Palacio de Marivent, que é agora a residencia de veraneo, era propiedade dun pintor, e a viúva doouno á Deputación de Palma a condición de que fixesen un museo público. En 1973, pasando de todo, a Deputación cedeullo aos daquela príncipes, e ata agora. Din que a puntualidade é a cortesía dos reis. Eu diría que a única.