Ben podía rotularse así unha rúa da cidade da Torre de Hércules. Pero a Arqueoloxía aínda adormece nun romanticismo e entre a falsa idea de que "a cultura non vende".

Na mañanciña do Mércores de Cinza morreu na súa casa compostelán o arqueólogo coruñés don Luís Monteagudo García. E digo así por canto significa entre os chanzos que ascenden á madurez da ciencia das pescudas do pasado. Coruñés da Rúa de Bailén, unxido coa beizón da luz do faro da súa Brigantia, a do Magnus Portus Artabrorum, nos confíns da Antigüidade.

A vida de don Luís é máis que unha odisea, entre luces e sombras, na busca dos enigmas, con pingas de ideoloxismo artúrico, quixotesco, tan propenso a fantasías como a hipóteses, ao convite dialéctico entre teses e antíteses, sobre as que construír a ciencia e a cultura dun país.

Ben sabía Monteagudo o que significaba tripar un país. Coñecía Galiza, mámoas, petróglifos, castros, asentamentos romanos, necrópoles.... Sabendo que asentamentos e artefactos son os elementos esenciais para o xuízo arqueolóxico. Asumía a importancia do legado etnográfico, anacos da prehistoria que aínda compartimos, a necesidade de recoller, documentar, estruturar e conxecturar. Os seus aportes ao debuxo arqueolóxico marcan un fito insuperable.

O seu pai, memoria nel sempre presente, finou no 1979, tamén no borde de cumprir un século de vida, exerceu de contable, sisudo lector, coleccionista, introdutor do esperanto en Galicia o que fixo a través do Circo de Artesáns da Coruña, cun selecto alumnado, entre os que don Manuel Monteagudo Rodríguez contaba co galeguista Manuel Lugrís Freire. A revista de tan singular grupo acolleu artigos da pedagoga María Barbeito e mesmo atraeu a Murguía.

Luís Monteagudo García naceu na Coruña no 1919, e como a moitos mozos daquelas quintas tocoulles vivir un tempo convulso, entre a monarquía, a ditadura, a república e volta a unha ditadura a través dunha guerra que dividiu e aguilloa a outros a combater nas trincheiras da conspiración militar franquista. Monteagudo foi un deses mozos, doutorado en Filosofía e Letras pola Universidade compostelán, entre outros colegas que logo serían sobranceiros profesores, como os lingüistas, Xosé Luís Pensado, Ferreiro Alemparte, Isidoro Millán, o mesmo Fraga Iribarne que viviu as políticas de goberno pra ser valedor dos seus vellos compañeiros. Anos de posguerra na que a fachenda da cultura coruñesa estaba vixiada e amedrentada dende os Gobernos Civís. Salvado do paredón, aínda pesaba don Ángel del Castillo, como Martínez Morás, Seijo Rubio, Leandro Carre, Vales Villamarín, Xoan Naya... apartados e silenciados. Outras figuras, os novos, eran potenciados polos vencedores mesmo animados a curar feridas polos vencidos. Déuselle oportunidade a Luengo Martínez, da saga astorgana dos Martínez Salazar, funcionario de facenda, idealista, afeccionado ás pescudas arqueolóxicas, ben recibido pola súas concepción dun Museo Celta na Coruña, e nada mellor que retomar a idea de Monteagudo pra proseguir as escavacións arqueolóxicas no Castro de Elviña que o coruñés iniciará no 1947. E velaí o debate, como Luengo non era profesional da arqueoloxía, o Ministerio propuxo a Monteagudo como técnico dos traballos arqueolóxicos, (cuestión que se repetiría nos anos setenta en canto á Dirección do Arqueolóxico de San Antón). Primaba na cidade o desenrolismo, o ambiente non era propicio a arqueoloxías e suman problemas cos propietarios dos terreos, onde acoller os "alixos" arqueolóxicos e medra o desencanto e os desencontros. Luengo continuou nas campañas de escavacións, na diplomacia e sensibilizando aos medios, mesmo para declarar o asentamento como Monumento Nacional, como para denunciar e gañar un contencioso a Fenosa para que retirara os tendidos eléctricos do castro... a un tempo de por a salvo o Castelo de San Antón pra crear nel o complementario Museo Arqueolóxico e Histórico, do que sería, fai agora medio século, o seu primeiro director. Pero persistía o criterio da falla de profesionalidade de Luengo, mentres Monteagudo ingresaba, por oposición no corpo facultativo de Arquiveiros Bibliotecarios e Arqueólogos, destinado ao Museo de Ávila. Facilitouse o retorno do coruñés creando unha praza de conservador no Museo de San Antón.

Luengo, en silencio, fixo mutis. San Antón resultaba un exótico e atractivo lugar para recepcións municipais e festas, como a do Bollo preñau, incompatibles coa función do museo, e máis coa sensibilidade do recen chegado conservador e nomeado director, Monteagudo. Tampouco o persoal destinado polo concello era o axeitado para os fins e acudiuse ao voluntariado... A diplomacia e a burocracia de Monteagudo fracasou nos despachos municipais, dos que dependía. A morte do pai, a separación da súa muller, unha alemán integral, metódica, educada, todo sumou para que Monteagudo se encunchara no seu recurso preferido, o das pescuda, refuxiouse en Compostela, na Facultade de Filosofía, entre vellos da contenda, como Alonso del Real. Namentres e a instancias do Concello, o Ministerio de Cultura e o entón Comisario de Bellas Artes para Galicia, Chamoso Lamas, trataron de axudar e buscar solucións para o compañeiro arqueólogo para o que nun día solicitaran a praza de Director do Museo e apartaran, doídos, a Luengo. E, sen buscalo, entra en xogo quen isto escribe, que entón facendo prácticas de Museoloxía no Museo das Peregrinacións de Compostela e no Castro de Viladonga, recibe o encargo de desprazarse a Coruña e auxiliar a Monteagudo en San Antón. Iso si, previo aviso do Delegado de Educación e Cultura, Caselles Beltrán de crear bo ánimo e apagar lumes.

Nas dependencias da potente arquitectura militar de San Antón acumulábanse pezas de arqueoloxía e etnografía, mesmo pola falla de espazo, don Luís determinara mandar poñer nos xardíns do recheo coruñés a estela romana de Tins... a Cista de Taraio... e dicíalle "pero... don Luís, alí corren riscos...", laconicamente asentaba, "Teño que pensalo... xente moza e leña verde...todo fume". O persoal do museo, afeito á inxenuidade de Luengo estaba en rebeldía con todos. Por parte do concello persistía iso de "castigar" a funcionarios na que fora illa cadea. Monteagudo non aturou, foise pra Compostela, levou os libros e non volveu por San Antón. O ministro Martínez Esteruelas, co informe de Chamoso, atopou o argumento pra dar saída a don Luís, a "Comisión de servizo" no Museo das Peregrinacións de Santiago.

Gardamos a súa valiosa documentación, outra entregouna ao Arquivo do Reino de Galicia, falamos con el para devolver ao museo os libros, deixou facer, conseguimos as súas publicacións como colaborador que era do Prähistoriche Bronzenfunde, entre elas a catalogación dos machados de tope da Idade do Bronce, un clásico da Arqueoloxía, abrindo eidos aos estudos da arqueometalurxia, da sistematización e das relacións atlánticas. Resultaba difícil contradicilo, poñía a proba os seus coñecementos teóricos e prácticos, poucos triparan como el polas coordenadas do mapamundi antigo e mesmo do helenismo... Como espartano que era contaba as súas odiseas en bicicleta a través dos espazos da arqueoloxía clásica, seguindo a liña aria, os camiños celtas, furando na Antropoloxía e na Etnografía, na mitoloxía das cidades asolagadas, aureolando un mito de si mesmo. Arqueólogo que incitou a pescudas a seguidores, Xoan Naveiro, André Pena, Bello Diéguez... e os seus valedores, até o final, Alfredo Erias, Ana Isabel Filgueiras e Fernando Alonso Romero.

Poucos aturaban a soidade como Monteagudo, tiña argumentos pra elo, e a súa goiesca xordeira levouno a illarse nunha mina abandonada no Pedroso Compostelán, despois na casiña de Belvís, a carón do convento, deica a que chegaban os cántos e músicas de órgano.

No 2002 remitiu un escrito á Deputación da Coruña ofrecendo canto tiña, que non era pouco, a cambios de atencións nunha residencia e dun espazo pro estudo... os servizos informaron positivamente, pero a Presidencia non asinou... Unha Fundación foi o camiño proposto polos seus. Agora, dende os altares do tempo, sentimos os peripatéticos paseos cos que abrir a encrucilladas e portos nos que madura a ciencias. Sit Tibi Terra Levi, don Luís.