O peso da vida é amor, o peso que arrastramos é amor". Son estes versos do poeta norteamericano Allen Ginsberg, autor do mítico libro Oubeo. Cando se encara unha traxedia persoal o único refuxio é o amor. Os nosos irmáns do norte, os viquingos que crían que Galicia era a terra dos mortos, sufriron desde a morte de Otto Preminger, moitos ataques terroristas e asasinatos incomprensibles para unha sociedade creada desde a liberdade. Cando máis duro golpearon os asasinos e os terroristas máis se empeñaron os suecos e noruegos en dicirlle ao mundo que contra o horror eles ían responder con máis liberdade. Dito doutro xeito, con máis amor. Vivimos, eu como todos, un tempo de erros, de agresividades e de incomprensión. Fálase demasiado de Cataluña e moi pouco das vítimas dos atentados que hai un ano tiveron lugar en Barcelona. Fálase moito da macroeconomía e pouco das incertezas das familias para chegar a fin de mes. Fálase moito dos estudantes do botellón e moi pouco dos que logran grandes resultados académicos. E entre nós, falamos pouco de que nos queremos. Coñecemos que amigos ou compañeiros de vida sofren nas súas carnes a traizón e o abandono do seu entorno e miramos para outro lado. Non todos, pero moitas e moitos, si. E nisto tampouco son inocente. As veces me sorprendo a min mesmo indignado por asuntos de falta de calado, protestando nunha cola. Algo que nun fixen e agora si. Tento abrazarme aos versos de Ginsberg, porque estou fallando no amor. Disque nunca teño presa e que son paciente. Sen embargo, hai dous días non o fun e iso empaña anos de traballo. Non se trata de martirizarse, non somos santos, pero si de iniciar un esforzo serio cara o amor. Só cunha sociedade máis libre e máis amorosa, barbaridades como a ocorrida esta semana en Estados Unidos, poden ser evitables. O asasino non inicia un camiño cara a loucura. Ese é o final do traxecto. O que iniciou hai moitos anos foi o abandono do sendeiro do amor. As malas políticas e os malos políticos son unha infamia porque interrompen o diálogo dos seres humanos sobre as cousas pequenas e as grandes. Sobre o ben que acae unha roupa a alguén e sobre a necesidade de apoios afectivos que se precisan para seguir construíndo unha estrada moderna e antiga, limpa e veloz cara o amor. Iso si que é facer política de comunicacións. Menos autopistas que nos fan correr e non pensar e máis olladas cómplices dos administradores aos administrados para crearlles un espazo de vida acorde co seus desexos de felicidade e sinxeleza. "O peso que arrastramos é amor".