Os pensionistas. Os pensionistas non sempre foron pensionistas. Nin tan sequera foron maiores sempre. Parece que cando falamos dos pensionistas nos esquecemos de que antes foron nenos, adolescentes e adultos. Viviron as mesmas cousas, noutra época, que unha nena, unha adolescente ou unha muller adulta. Son pensionistas porque chegaron a ter unha idade para retirarse e uns anos cotizados para facelo. Nunha sociedade onde os vellos sabios da tribo non contan, pois é lóxico que o resto, os que non son maiores, vexan só a parte de vellos e non de sabios. Nove millóns de persoas cobran pensións neste país. Poden ser un dos sectores máis influentes da nosa política. Non todos os pensionistas son de dereitas e conservadores. Hai de todo como en botica. Pero sobre todo, entre eles, hai bastante sentido común. E pouco egoísmo. Antepoñen a súa familia, os seus fillos e netos á súa felicidade e ao seu benestar. Despois de tantos anos traballados son quen de renunciar a algúns pequenos soños para seguir axudando a unha prole que non é responsable dos disparates que os políticos provocaron. Porque hai moita mocidade non preparada e ignorante, pero hai outra que si o está e non atopan traballo e emigran ou seguen estudando para poder encontrar emprego na súa terra. Os pensionistas están aí. Subíronlles un 0,25% a súa paga. Un rasgo de xenerosidade por parte das autoridades encomiable. Só en sobres e papelería para comunicar esta subida, o goberno gastou un millón de euros. Non paga a pena. Collan ese millón e repártano entre a xente necesitada, por favor. Nesta liña de acenos incomprensibles, podemos situar as declaracións de Celia Villalobos. Eu creo que está maior. Que debera deixar o seu acta de deputada. Se se trata de ter cumprido un tempo de entrega polo teu país, xa o consumiu hai tempo. Como se pode dicir que aforrando 2 euros ao mes, un apoia á súa xubilación. Celia, Celia? En dez anos teremos aforrado 240 euros e en 40 anos, 960 euros. Sentidiño, boa muller. Moitos dos pensionistas de hoxe, son os que fixeron posible a creación dun sistema de Seguridade Social como o que disfrutamos. Na súa mocidade protestaron, loitaron, traballaron e crearon as bases dun estado do benestar que agora gozamos. Como lle imos dar as costas aos nosos sabios? Unha pensión está pensada para cubrir as necesidades dun pensionista, non de tres xeracións. Pois a realidade é caprichosa e obtusa e moitas das familias do noso país senón fose pola paga dos seus avós non poderían educar aos seus fillos e netos. Eu creo que os nosos maiores están algo cansos. Xa non se cren as promesas dos políticos e aquí comeza a esperanza. Se os pensionistas perden o medo, esta nación cambiará. Non sei cara onde, pero cambiará. Se é para gañar en valores, a min me vale. Porque se están perdendo tantos que o barco da sensatez e da bondade fai auga por todas partes. E remato como empecei. Os pensionistas tamén foron nenos e nenas e adolescentes e adultos. Non se nace pensionistas. É un dereito que se adquire.