Si, amigas e amigos. Esa é a cuestión. Se ten que haber un cambio cara un mundo diferente a como o coñecemos, ese cambio ten que estar protagonizado polo 100% da poboación do mundo, non como ata agora que o 48,8% facía e desfacía sen contar coa opinión do outro 52,2%. Día de alegría e de reivindicación o pasado 8 de marzo. Un día sobre o que deberíamos reflexiona. Empecemos polas boas noticias. As manifestacións foron numerosísimas. Aboas, nais, fillas e netas saíron á rúa para demostrar algo tan sinxelo como obvio: existimos, e a sociedade que coñecemos ata hoxe mudou. Xa non é a mesma. As súas fillas e netas, merécense as mesmas oportunidades de triunfo e dignidade que os seus fillos e netos. Outra boa nova é que, por fin, as mulleres do Estado Español quitóuselles o complexo de pensar que aquí as cousas van moito peor que en Francia, Alemaña ou Reino Unido. Demostrouse que a brecha salarial segue sendo escandalosa en España, pero menor que nos países antes nomeados, adalides da democracia, e moi acostumados a dar leccións as nacións do sur. Na manifestación de Berlín houbo tan só mil persoas, nun país cunha brecha salarial do 27% con respecto aos homes. E un detalle, o exemplo do feminismo hispano cruza fronteiras, porque de 58 pancartas exhibidas na capital de Alemaña, 12 eran en castelán, dúas en galego e dúas en catalán. Significativo, non? Parece que as nosas Erasmus e as nosas emigradas saben de que vai o día da Muller Traballadora. Dentro das malas noticias, destacaríamos que algúns e algunhas non acaban de entender que isto non vai de clase social, de ideoloxía política e de loita de clases. Non estivo ben que se pedise que mulleres de dereitas abandonasen a manifestación de Madrid. Menos mal que o resto das cidades do Estado son máis sensatas. Na capital, o certo, é que todo está disparado. Non teñen termo medio. Todas as mulleres precisan de todas as mulleres, de toda clase, orixe e condición, de toda relixión, opción sexual, crentes e ateas. O feminismo é un movemento demasiado grandioso como para empequenecelo con miserias. Non se concibe, no caso de A Coruña, e foi o comentario estrela da tarde que houbese dúas manifestacións diferentes. Isto é algo transversal, que nos incumbe a todos e a todas. Pedimos en ocasións altura de miras aos nosos políticos, pois nós, como cidadanía tamén debemos dar exemplo. Hai temas nos que temos que ter altura de miras. A causa da muller é un deles. Tamén teño que confesar que emocionei cando vin a unha muller duns vinte tantos anos levando unha pancarta de cartón no que se podía ler un verso dun servidor sobre a loita das mulleres e do feminismo durante todos estes séculos. Pensei nas sufraxistas, aquelas mulleres, que fixeron posible que se visibilizaran tantas reivindicacións da muller. Eran de clase alta e cultas. Pensei en Nora, o personaxe de Casa de Bonecas. Mirei o ceo que nos protexía mentres cantábamos frases, versos e apalabras que nos facían mellores seres humanos. Estábamos escribindo xuntos e xuntas unha páxina da historia cargada de emotividade e de vida. Ou trunfa o feminismo ou regresa a barbarie. Sigamos camiñando xuntos. A loita das nosas compañeiras de viaxe, tamén é para facer que o sufrimento desapareza daquelas outras que viven nos lugares máis desfavorecidos e olvidados do planeta.