08 de abril de 2018
08.04.2018
O labirinto do alquimista

Ars Amandi ou o raio do desacougo

08.04.2018 | 00:49
Ars Amandi ou o raio do desacougo

Ben podía ser este título o nome dun pub nocturno, non, a Arte de amar é un clásico escrito hai dous mil anos polo poeta latino Ovidio, versa sobre a táctica e estratexia do amor e como coidalo. E nese enredado raio que non cesa seguirá a humanidade. O amor non require nada excepcional, cos seus vaivéns de vento asoma por calquera sitio, tamén polas fiestras internáuticas, apunta, feeling, fire, pousa e xa está. E conforme chega pode marchar. Cuestión que, sostén Pereira, afecta aos ditados do corazón, que ten razóns que a razón ignora, pra deixar cicatrices, engurras como ben dicía Pascal. Ás razóns do corazón hai que darlle corda cada xornada. Discurso con arrecendo a alcanfor romántico e trasnoitado, que entenrece máis a melancólicas almiñas solitarias. Aínda que os tempos parecen non estar para mais amor e poesía que o que se ofrece nos andeis dos supermercados, entre músicas e sedutores eslóganes. Marketing pra criar adictos consumidores, no que alguén pica, se contaxia e enreda, mentres o desarraigado e o escepticismo campa nunha mocidade que se mide antes de subir esa escala que vai dun gústasme, quérote, ámote, entre aplicacións "de guarda" para ligar e para todo. O amor romántico, retórico e teatral, o facer as beiras, o respectuoso cortexo, desmitificado, xa pasou á antropoloxía. Agora, menos inxenuos, emendamos cun "Amar es un pretexto/ para adueñarse del otro,/ para volverlo tu esclavo,/ para convertir su vida en tu vida./ Como amar sin pedir nada a cambio..." escribiu o poeta porteño Oliverio Girondo (1891-1967).

Amar é voar e concordamos en que se fai comezando polo punto débil da ollada, onde aniñan as tristuras e por onde entrar pra sentirse querido/a, afrodisíaco co que abrir as xanelas dos sentimentos a pormenores que conducen a pormaiores "...Te quiero por tu mirada que mira y siembra futuro..." (Benedetti), "...en mi pupila tu pupila..." (Becquer), idioma sen fronteiras e que cun bico, o internacional don de linguas, trazaranse pontes. Engatusar comeza por miradas que apuntan directas a un desexo, sementeira de sinerxias, seguida de apoio en mans que acalman o corpo e incitan a alma, reacción química e física, derreterse... E hai amores de minutos que son eternos, perviven na lembranza, velaí. E ollos que non ven... Sen faltar a vulgaridade de enconamentos ou encarallementos que duran o que duran. Difícil manter as conviccións ante as razóns do corazón. Todo/as buscamos amar. O amor non ten clases, afecta a todos e hai amores imposibles, enganosos, donxuanescos, platónicos, cortés, sensual, tirano, tráxico, o das novelas rosas e cosidos co morbo das transgresións.

Furamos aquí por un burato negro do cosmos metafísico, da mística e da erótica do amor. Sutil e perigoso tema, tan á beira do divino como do churrusqueiro ridículo, edulcorado, ripieiro ou cascarilleiro, e que, ás veces, tamén vale. Amor, labarada estremecida que diría Manuel María, Paraíso que ben se entendeu no Xénese, dende Adan e Eva. Para os órficos no amor está embigo da forza cósmica, o principio da vida e da rexeneración. Amor asociado á morte, ao infinito... fronte ás sombras da soidade e da tristura tamén coa súa dose de erótica. Potente desexo egoísta, insatisfeita ansia por realizarse, por proxectarse, posuír e impregnarse mutuamente e que tanto pode brotar do lado escuro, dos instintos básicos, como do lado claro e culto do corazón. Tema no que muiñar, tanto pra acollelo no colo, no cuarto das confidencias, como no gabinete psiquiátrico ou pra espallalo en bravatas.

É esta unha sociedade que ofrece facilidades para facer o amor pero non pra namorarnos, sentencia quen nestes asuntos é un clásico, Antonio Gala e que vertebra a súa obra sobre a forza do amor, na pansexualidade, adega de crianza de xeitos de querer, autor do breviario rosa Cuaderno de Amor (2005), regalo, cebo pra seducir, argumentado arredor do pracer, do amor amizade, dádiva, do rutineiro amor de andar por casa, da aventura clandestina, si acaso seguida de despido procedente ou expropiación forzosa, con acoso e derribo, previa liquidación e por medio os celos, o divorcio como declaración de ruína.

Sobre o amor, con tantas caras e olladas como persoas, pode dicirse o que se queira por tratarse de emocións, de paixóns, de entusiasmos, de realidades e idealizacións persoais e intransferibles. Amores cos seus cambiantes usos e abusos que diría Carmen Martín Gaite, a que ten abondado nas trampas da sedución en torno ás mulleres, como presas de caza, o corpo como un artefacto, e que do cortexo amoroso pasaron ao ligue, agora por sutís aplicacións dixitais. Cada quen ama segundo a súa cultura, a súa creatividade, a súa capacidade, para asolagarse na forza interna dunha fogueira de sensacións, difícil ás augas da razón, pra liberar represións e por a proba onde comeza e acaba a liberdade de cada quen, que move bolboretas no estómago, estrelas na cabeza e, entre medos, conduce ao goce, ao sufrimento, conxunción da que podemos nacer, orixe da felicidade como dos desastres. O amor é, (puntos suspensivos), mesmo un ramiño de violetas, con ou sen tarxeta.

Por algo o amor se representa na fonte do centro do labirinto que avolve o Alicornio, regueiro das relixións, da filosofía, levado a todas as artes, á literatura. Con súas cartillas elementais, fórmulas para garantir a arte da sedución. Amor mimado polo poder sedutor de trobeiros e cantoautores, de intérpretes de Violeta Parra a Cortez ou a Cohen, pasando polas trobas cubanas e todos os de Malasaña. Amor que alimenta ao cine, ás teleseries pra enfeitizarnos coa lectura,intercambialo, xustificar excesos de película, até confundir ás nosas vidas coas comercializadas, poemas doutros que facemos nosos.

Inesgotables representacións do amor, de éxito sempre contrastado, empezando por Eros e Cupido, cos ollos vendados a asetear corazóns. Asuntos moi preto da cultura galega, até que houbo outras intromisións, confín que ten como símbolo a cuncha de Venus, onde no sc XIII trunfa a lírica de cantares de amigo, de escarnio e maldizer, entre o florilexio da Provenza, a Aquitania, a Borgoña... escola pra mística medieval das beguinas, trobeiras entre as que está Hadewijch de Amberes. O amor envolto en panteísmo, no xardín dos soños...

Amor renacentista entre os Capuleto e os Montesco, folletíns románticos: Ana Karenina (1877), Amor en los Tiempos del Colera (1985)... Pero non nos enredemos entre as enaguas do pasado. De D'Annunzio á literatura amorosa de hoxe. máis desinhibida, manuais apropiados para aprendices e exploradores de romances, entre esta a obra de Isabel Allende tramada entre os vendibles pecados capitais. Versos de poetas nos que prima o trauma persoal, o ego, pero por un mesmo hai que empezar. Literatura amorosa en función da cultura, que tampouco falta pra emerxencias en quioscos de estación, na galaxia audiovisual, Love Story nos que atopar consolo... E vento levou (1939), Casablanca (1942), Teorema (1968), pasando por todas as versións de Romeo e Xulieta, Ghost (1990), Como auga para Chicolate (1992), As pontes de Madisón (1995) ... e esa película de poesía e amor, dirixida por Eliseo Subiela e non apta para todo/as O lado escuro do corazón (1992), tecido de miradas, palabra e fantasía.

Eros e Thanatos (e Freud interferindo), como nas traxedias de Eurípides, dialéctica esencial á arte, espírito das verbas de Xoan de la Cruz, de Miguel Hernández, de García Lorca e ese traspaso a Neruda, Cernuda, Valente, a Mario Benedetti e a toda esa escola de poetas uruguaios, que da intimidade amorosa proxéctanse á sociedade. Sumando a poesía da condición feminina, a interretórica poética de Idea Vilariño (1920-2009), aprendiz de tangos e de Rubén Darío, entre a vibración e o orgásmico subidón, seguido da caída en tobogán. Eterna, perigosa obsesión, xogo xuvenil, capaz de facernos yonkis do amor, co adobo do pacto secreto. Amor ofrenda á venerada Venus, inseparable das rosas e do viño báquico, que incita aos corpos, base para o carpe diem. Onde a lúa pode axudar a que un conte as estrelas e o outro as areas do chan.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine