Deputación de A Coruña trouxo para todos os coruñeses un agasallo: A edición das pezas teatrais Midas e O Ángulo de Pedra de Isaac Díaz Pardo. Había motivos para levar adiante este traballo. Un deles é, desde logo, o feito que a edición do ano 1957 está esgotada, e outro a valía que ambas pezas teñen pola súa aportación ao panorama da literatura dramática galega da época. Compre suliñar que, Isaac, como tantos exiliados galegos en Latinoamérica, non abandonou a súa lingua e daquela escribe o seu Midas e o seu O Ángulo de Pedra en galego. No seu momento ambas pezas foron editadas por Citania, editorial creada en Buenos Aires, por Luís Seoane e Diego Díaz Dorado no ano 1957. Agora a Deputación, o día no que se conmemora a II República presenta o libro na Fundación Luís Seoane. Deste xeito, o 14 de abril, no espazo que leva o nome do xenial pintor e escritor galego-arxentino, os dous amigos volven unirse nunha actividade cultural. Porque ademais, Seoane, é o autor dos debuxos e da portada do libro de Isaac. A presentación do volume contará coa posta en escena da peza Midas, no formato de dramatización. Isto é: os actores realizan os movementos dunha montaxe teatral e van vestidos como o espectáculo precise a ollos do director, mais non din o texto de memoria, senón que o len na súa maior parte. Neste caso, o mundo grecolatino estará presente nas roupas dos actores e actrices. Midas é unha traxicomedia. Aínda que o autor defínaa como unha traxedia, o humor e edonismo que habitaba en todo canto facía Iasaac Díaz Pardo e en todo canto fai o director da montaxe, outorga o carácter de traxicomedia á peza. X. C. Mejuto, como Midas, encabeza un reparto que completan, Pedro Picos, Manuela Varela, Rebeca Montero, Xosé Bonome, Marina Sánchez de la Peña, Sabela Hermida, Carmen Silvia Paulo de Aragao, Rita Gasalla, Javilópez e Roberto Reboiro. Isto será o sábado, mais o xoves, na librería Lume, Beatriz Maceda, muller que ama o teatro e que na súa vida está rodeada de actores, presenta o seu libro Cando John Lennon coñeceu a Vallén Inclán. Beatriz, escrebe unha novela de intriga, de espazos míticos e recoñecibles para o lector e vaino levando por eles con destreza e amenidade. O título é un acerto é fai referencia á dous puntais do escrito, sobre todo da persoa de Valle. O certo é que mesturar a ambas figuras é valente e orixinal. Un é quen de imaxinar a ambos vivindo cadanseu a súa bohemia, un a de Liverpool e outro a de Madrid, e tamén lendo man a man Tirano Banderas e escoitando Imagine. Neses territorios comúns poderían amigarse Don Ramón e Sir John. A convocatoria na histórica librería Lume promete, pois segundo os organizadores, o espírito de Valle-Inclán, planeará pola presentación. Isto entusiásmame, porque aínda gustando de Lennon, teño que confesar que coñecín antes a Valle, e o primeiro amor, sempre é o primeiro amor. Se cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, tivese coñecido tamén a Isacc Díaz Pardo, seguro que terían falado de Midas. Seguro.