07 de mayo de 2018
07.05.2018

A suite teatral de Luísa Villalta

07.05.2018 | 00:44
A suite teatral de Luísa Villalta

Durante o presente mes, o mes das Letras, quen isto escribe fixará por motivos que vostedes entenderán, facilmente, a súa ollada na figura da escritora coruñesa e universal, Luísa Villalta. Un dos motivos é que a obra dramática da autora será editada neste mes, e o outro, que a súa peza O paseo das esfinxes será representada o día 23 de maio no Teatro Colón. Ao longo do tempo que compartimos en vida, antes da súa tráxica desaparición, Luísa Villalta e quen isto escribe, sostivemos diversas conversas sobre a arte, a maior parte delas arredor da música e da poesía. Nuns primeiros anos máis centradas no mundo da súa profesión como violinista, e nos últimos tempos, máis circunscritas ao espazo da poesía e do teatro. Luísa, como lectora de literatura dramática, era coñecedora, con profundidade, dos autores greco-latinos, de Molière, Shakesperare, Goldoni, Gilderode, mais tamén de Ionesco, Beckett e Bertold Brecht. Admiraba a dramaturgos galegos como Cunqueiro, Valle-Inclán, Jenaro Marinhas del Valle, Dieste, Blanco-Amor, e sentía unha especial devoción por O irlandés astrólogo de Luís Seoane, a personalidade poliédrica de Patricio Sinot, protagonista da peza, cargada de gnosticismo, astronomía, druidismo, exilio, honorabilidade e amor polo ser humano e por todo ser vivo, espertaba na autora de Ruído, unha especial empatía e admiración. O seu xeito de entender a música e o teatro como tempo de gozo e estudo, era outro dos aspectos que nos unía. Se non existía un certo grado de estudo no noso espazo para o ocio, non sentíamos en plenitude a delicia dos textos ou das partituras. Hai que ter criterios sólidos sobre a arte para dialogar, hai que ter un edificio ben cimentado para poder abrirse ao novo, por iso sempre convén ter un heliporto na parte superior do rañaceos, para que as nosas ideas podan evoluír e trasladarse desde un edificio a outro para mudar sensacións e posicións diante da vida e do mundo da arte. Luísa era unha estudosa moi escrupulosa, moi detallista. Dise que un poema non é tal se carece de música interior; pois ben, no teatro de Villalta, a música habita como unha personaxe máis en todas as súas pezas. Como violinista e música gustaba de non deixar ningún cabo solto. Precisaba a disciplina e o coidado en calquera faceta da súa creación. Non debemos ver as súas abondosas acotacións ou didascalias como unha eiva, senón como un esforzo por transmitir, como se se tratase dunha partitura, a nota exacta do que debe soar. Todas as súas notas a pé de páxina e as súas abondosas descricións lumínicas, escenográficas, musicais e de vestiario non deixaban de ser a clave ou o tempo no que querían que fosen representadas as súas escenas. Co tempo, e coa visión de moito teatro e de moitas lecturas de teatro, esta efusión de indicacións ao lector e ao posíbel actor ou ao director da obra, foron diminuíndo, pois, Luísa Villalta, Por iso, as súas últimas pezas dan unha maior liberdade á posta en escena por parte dun director que as súas primeiras obras. Deste xeito, Villalta, realiza un recoñecemento da arte que os actores e actrices, iluminadores, escenógrafos e deseñadores aportan ao conxunto dunha disciplina tan coral de talentos como é o teatro. Ao longo deste mes teremos a oportunidade de ir profundando un pouquiño máis no seu labor de dramaturga, un mes que será como escoitar unha iniciática suite teatral villaltiana.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine