Conciliadores e pouco amigos de liortas, os galegos celebran hoxe a súa festa nacional conmemorando imparcialmente o Día da Patria e mailo do Patrón de España que -aínda que moitos españois o ignoren- é o Apóstolo Santiago. Cada quen poderá escoller a versión do santo que máis lle pete e mellor lle acaia, como corresponde a este país de vella tradición liberal. Noutros reinos menos tolerantes, unha coincidencia tan singular desataría se cadra enfrontamentos entre os partidarios da patria autóctona e os do patrón español. Felizmente, non é este o caso de Galicia, terra onde a xente se goberna pola máxima segundo a cal "Deus é bo... pero o demo non ten por qué ser malo". Velaí a razón pola que hoxe convivirán coma sempre e sen maior problema en Santiago as ofrendas oficiais ao Apóstolo e as varias procesións laicas -tamén chamadas manifestacións- que, como é lóxico, adoitan rematar nalgunha das prazas que rodean a catedral. Laicas ou relixiosas, progresistas ou conservadoras, as liturxias son basicamente as mesmas. Anos atrás, cando España era unha finca privada do Caudillo, a de hoxe viña sendo unha data de moito Pater Noster e moito Kyrieleison na que o cheiro a incenso do botafumeiro se mesturaba de xeito algo confuso e irreverente co do pulpo (agora polbo) á feira. Moito ten mudado desde aquela o misal, pero a liturxia segue a ser mais ou menos a mesma. O moderno ritual do 25 de xullo establece que entre os oficios litúrxicos do día figure a publicación das primeiras páxinas dos xornais en lingua galega e, a maiores, algún suplemento especial ou -con carácter optativo- artigos no idioma do país coma este que o cronista lle está inflixindo ao amable lector. Ao anterior cerimonial hai que engadir, naturalmente, a procesión na honra da Patria Galega que os nacionalistas incorporaron ao calendario compostelá hai xa cousa de trinta e tantos anos. Ecuménicos como somos os galegos, seica ha resultar natural que as novas liturxias convivan coas vellas, de tal maneira que xunto ás recentes tradicións manteñamos as de toda a vida. Esa ha de ser, se cadra, a razón pola que se seguen a oficiar na catedral de Compostela os curiosos ritos político-relixiosos da ofrenda ao Apóstolo. Quer progresistas e laicos, quer conservadores e devotos do Santiago peregrino, no que tódolos galegos coinciden é en darlle remate á festa nacional cun bo banquete. E, a eses efectos, tanto ten que se celebre na popular carballeira de Santa Susana ou no máis formal ambiente do Hostal dos Reis Católicos. Non podía ser doutro xeito nun país que -coma Galicia- ten por principal sinal de identidade a desaforada paixón pola comida. O que nos identifica como pobo, efectivamente, é un fervor culinario que se manifesta nas catro ou cinco mil festas gastronómicas coas que non paramos de abrir boca desde a Feira do Cocido de febreiro ata a Festa do Marisco que pecha alá polo mes de outubro o calendario da gula deste reino. Quérese dicir que, por riba de accidentais diferencias ideolóxicas e da variedade de liturxias coas que celebramos a nosa festa nacional, o que os galegos practicamos con meirande entusiasmo é o patriotismo ao caldeiro. Non ha ser casualidade que o nacionalismo teña o seu punto de arrincada no célebre "Banquete de Conxo", ou que os conservadores celebrasen ata hai ben pouco o seu mitin anual cunha romaría gastronómica en montes coma o do Faro e o do Gozo. Poucas artes hai tan civilizadas como a da boa mesa; e ningunha tan integradora. Velaí, se cadra, a razón de que tal día coma hoxe convivan en perfecta confusión e harmonía os devotos da Patria Galega cos do Patrón de España nas rúas de Santiago. Nada mellor pode haber que ese espírito liberal e vagamente gastronómico como símbolo do día de Galicia. Un país onde -xa se ve-caben patrias e patróns. anxel@arrakis.es