Opasado 28 de xaneiro cumpríronse 155 anos do natalicio de José Martí. Fillo de españois como Fidel. Cubano coma Fidel. Revolucionario coma Fidel, pero con grandes matices: Martí predicou a guerra sen odio. Previu os perigos do imperialismo norteamericano e formulou un ideario democrático, antirracista e anticlasista. A súa actividade política tivo caracteres de apostolado. Este día foi festivo en Cuba, e para min data sinalada, o que me honra vir ó mundo o mesmo día que Martí. A historia da Revolución de Fidel aínda está por escribir. Cómo se foi desfacendo de todos os seus compañeiros: Hubert Matos, Ameijeiras, Cubela, condenado a morte por intentar asasinar a Fidel, Camilo Cienfuegos e quedou só Fidel e o seu irmán; sería tema para unha reportaxe, coa que nos agasalla Santiago Romero no Saberes dos sábados. Case todos estes libertadores eliminan ós compañeiros por non nomear os criollos; temos en Venezuela a Hugo Chávez que se desfixo dos 6 ou 7 paracaidistas que o axudaron no golpe. En Vigo tivemos de cónsul, un boina vermella, compañeiro paracaidista, Jesús Urdaneta, a quen tratei, tamén caeu en desgraza. Hoxe ofrecémoslle esta entrevista, como primicia, que en febreiro de 1963 lle fixen para un periódico colexial, que eu dirixía cos meus alumnos, a un Hermano Coadxutor xesuíta, porteiro do Colexio Belén da Habana, en onde estudou Fidel, e a cuxos profesores expulsou despois de pechar o famoso Colexio Belén. E que moitos deles se exiliaron en Venezuela:
Ó entrarmos no Colexio o primeiro que encontramos é a Portería:
-Oia, Hermano, ¿Sería tan amable que nos concedese unha entrevista para o noso xornal?
-"Como non!"; escoitámolo cun acento español que a pesar dos 32 anos que estivo en Cuba aínda non desaparecera de todo.
-Hermano, antes que nada, o seu nome, por favor, porque, sinceramente, non o sabemos.
- Eugenio Ocerín para servir a Deus e a vostede.
- ¿Que posto ocupaba en Cuba?
- Na Portería do Colexio Belén, durante 17 anos, porteiro como aquí.
- Vemos H. Ocerín que é xa unha institución no seu cargo, un verdadeiro especialista na materia.
- Como estivo no Colexio Belén, ¿coñecería sen dúbida a Fidel?
- ¡Como non! (O H. Ocerín emociónase un tanto). Primeiro coñecino en Santiago de Cuba, no Colexio Dolores, cando estudaba terceiro de bacharelato, e máis tarde en Belén en 4º e 5º ano onde se graduou de bacharel.
- ¿Que opina del como estudante?
- Como estudante era dos tres primeiros da clase.
- ¿E como deportista?
- Como deportista, excelente.
- Parece daquela que tería gran ascendente entre os seus compañeiros.
- Simpatía entre os alumnos non tanta polo seu carácter inadaptado. Víaselle en cambio certa tendencia a líder entre os de oficios máis humildes. Tanto que no ataque ó Cuartel Moncada levou a varios empregados do Colexio Belén, e tres morreran no ataque.
- Non quixera recordarlle, Hermano, momentos tristes. ¿Como saíu de Cuba?
- Cando nos quitaron os colexios, onde el se educara, tivemos que saír co estritamente necesario.
H. Ocerín vainos contestando, mentres atende as chamadas das cinco liñas da centraliña do Colexio que tamén está ó seu cargo.
Non queremos facernos pesados e despedímonos do Hermano, recordando a dous porteiros que se fixeron santos na portería de colexios da Compañía. Os Hermanos Gárate (que estivo en Camposancos) e San Alonso Rodríguez.
Non engadimos nin quitamos nada a esta entrevista feita hai 45 anos e que gardamos como un incunable.