EN DIRECTO
Inicio del curso escolar 
Secretario xeral de Educación

José Luis Vázquez: ´Os comedores para a conciliación da vida familiar non son só cousa de Educación´

"Hai colexios que escolleron libros de editoriais máis caras e cos cadernos os 180 euros da axuda non chegan; a estimación de que a percibirán 7 de cada 10 familias non é á alza, é a que hai"

 02:25  
O secretario xeral de Educación. / jorge leal
O secretario xeral de Educación. / jorge leal 

Considera que a conciliación familiar e laboral non é cousa da súa consellería, aínda que lle afecta dunha maneira moi directa porque hai rapaces que non teñen con quen comer ao chegar á casa e, por iso, a solución dos comedores escolares imponse nas familias de traballadores. O secretario xeral de Educación, José Luis Vázquez, considera que sobran prazas na Coruña para todo o estudantado, o problema é que non sempre hai de máis nos centros que os pais queren. "É o que hai", responde Vázquez a varias cuestións

GEMMA MALVIDO | A CORUÑA José Luis Vázquez é o secretario xeral de Educación; sabe que o compromiso electoral do Partido Popular de cambiar o decreto do galego entrará en vigor cun curso de retraso e considera máis solidario un programa de axudas para que as familias coas rendas máis baixas merquen os libros que a subvención autonómica do material escolar que, ao finalizar o curso, regresa ás estanterías dos colexios e que pode ser utilizado por catro xeracións de alumnos. Dende o seu despacho asegura que todos os centros comezarán as clases no calendario previsto, pero hai colexios, como O Graxal II, que anunciaron xa un lixeiro retraso e utiliza unha expresión moi galega para os pais que se queixan porque os seus fillos han de cursar os seus estudos en diferentes colexios: "É o que hai".


-Como afronta o comezo do curso?


-Este principio de curso afrontámolo coma todos, pensando que vai ser normal, sen ningún tipo de problema e non temos constancia de que haxa ningún atranco en ningún centro para que os alumnos de Infantil e Primaria non poidan comezar o día 10 e os de Secundaria o día 17. Estamos con algo que, este curso, pode considerarse como especial, que é a gripe A; xa se sabe que non haberá retrasos. Temos un protocolo establecido de actuacións que estamos a consensuar con outros colectivos que teñen incidencia no mundo educativo.


-Pero non todos os colexios da área metropolitana van comezar a tempo; o Graxal II, do Temple, farao máis tarde [o día 14].


-Nós non temos constancia de que iso sexa así. As nosas informacións din que o curso vai comezar con normalidade; sempre pode haber algún punto concreto no que esteamos a realizar unha obra e que non se acabe no prazo previsto, pero a xefatura da Coruña non nos transmitíu esa situación.


-Descende o alumnado do ensino privado, achácallo á crise?


-Non, aínda que pode ser que algunhas familias que antes estivesen mandando aos rapaces aos colexios privados deixen de facelo pola situación económica.


-Teñen os pais bastantes queixas este ano: que non saben que se vai facer co galego, que as axudas dos libros son insuficientes, que hai poucos comedores...


-Sempre que se producen uns cambios no que se viña facendo xérase algún tipo de dúbida pero, tanto nunha cousa coma noutra, hai información para explicar o que han de facer os pais que teñan fillos nos periodos de escolarización para adquirir a axuda. Respecto ao dos comedores estamos a seguir o mesmo procedemento que xa había. Non hai cambios; os pais non deben ter ningún tipo de problema. No tema do galego está o compromiso electoral que fixo o Partido Popular de que, ao longo deste trimestre, haberá un novo decreto do galego no ensino e iso marcará a pauta do que se ten que facer.


-Terán que esperar para implantalo até o ano que vén.


-Si, porque este curso xa as clases estarán iniciadas e hai moitas cousas que, aínda que entre en vigor a normativa, serían de aplicación total no 2010-2011. Haberá algunha cousiña que poida entrar en vigor xa, pero na súa totalidade farao o vindeiro ano.


-A Xunta estimou que serán sete de cada dez as familias que percibirán a axuda, pero os pais estiman que é un cálculo feito á alza.


-Non sei se é á alza ou á baixa; o que sei é que é rigorosa, tendo en conta os datos que nos achegou a Tesorería General del Estado e, con eses datos, mirando os índices de renda foi como se fixo esa estimación. Non é nin á alta nin á baixa: é a que é.


-Cre que 180 euros dan para cubrir todos os gastos?


-En condicións normais debe cubrir todos os gastos. Hai centros que escolleron determinados libros dunha editorial que son un pouco máis caros e que, cos cadernos, superan os 180 euros; pero, en xeral, a axuda dá.


-Di que os comedores seguen igual que estaban; o problema é que os pais reivindicaban e esperaban un aumento de prazas.


-Onde se está a producir un incremento importante de solicitude é nas ciudades grandes onde os alumnos non van en transporte escolar ao centro. A obriga da Consellería de Educación é que todos os alumnos que vaian ao colexio en trasporte escolar coman e que o fagan gratis e iso téñeno garantizado todos os alumnos aos que lles corresponde. Despois hai outros alumnos nas cidades e nas grandes vilas que solicitan comer nos centros educativos pola conciliación da vida familiar e laboral. Favorecela non é responsabilidade única da Consellería de Educación senón que é tamén cousa da administración municipal, autonómica e central. Non é un tema exclusivamente educativo. Os concellos están a facer un esforzo importante, que é de agradecer; as familias tamén porque achegan un diñeiro -que lle corresponde, entendo eu- e Educación pon espazos, locais, recursos, calefacción, auga, luz e unhas cantidades tremendamente importantes para axudar ao mantemento dos comedores escolares para que os pais non teñan que pagar todo o que custa a comida.


-En Arteixo, onde está o colexio máis masificado de Galicia, pediran comedores, máis aulas, pero todavía non van poder contar con estes recursos.


-Nós estamos dentro das nosas posibilidades e facendo un esforzo importante para mellorar os centros educativos de Galicia en xeral. Un dos aspectos que demandan as comunidades educativas é arranxar ou dotar aos centros para que sexan comedores escolares. Hai centros que non tiñan espazos para comedor porque os nenos ían comer ás súas casas; agora demandan quedarse a comer no centro pero, en case todos os casos, os rapaces non teñen clase polas tardes, como moito, algunha actividade extraescolar. Para colaborar cos pais estamos tratando de dotar a estes centros de espazos habilitados como comedores escolares; noutros casos, nos que os centros tiñan pequenos comedores para atender aos nenos que ían transportados, tratamos de amplialos para acoller tamén aos nenos aos que non lles correspondería o comedor escolar.


-Os pais descoñecen se os centros educativos abrirán en horario non lectivo.


-A apertura dos centros vai seguir, pero depende de que as asociacións de pais e nais doten ao centro de actividades extraescolares.


-E seguen a defender o sistema de préstamo.


-Ese modelo de préstamo fai que se lles dea por igual a axuda a todos os pais independentemente dos seus recursos. O noso sistema é máis xusto porque os pais pagan segundo as súas posibilidades. É máis solidario neste tempo de crise e falta de recursos.


-Pero a renda máxima é bastante baixa, sobre todo para familias con varios fillos.


-Se teñen dous ou tres fillos por cada membro da unidade familiar multiplícase a renda, así que estariamos falando de 20.000 ou 30.000 euros e esas non son rendas tan baixas.


-Seguirán tamén os mestres de apoio dos que tampouco se dixo nada até o de agora?


-Os profesores serán suficientes para cubrir as necesidades de cada centro. En cada colexio hai unha plantilla garantizada e, en función dos centros e das necesidades do alumnado, daránselle ao centro os recursos humanos necesarios para atender en perfectas condicións os nenos. Iso non quere dicir que un colexio que tivese un especialista o ano pasado o manteña este.


-O ensino público está igual de coidado que o privado?


-A Consellería de Educación ten un compromiso co ensino de Galicia e procura que tanto o ensino público como o privado sexan de calidade. É certo que temos máis responsabilidade no público porque o xestionamos directamente. Defendemos o ensino en Galicia en xeral. Aos privados-concertados estánselle a dar recursos para que oferten o ensino de calidade que lles esiximos.


-Hai familias que se queixan de que os seus rapaces están matriculados en diferentes colexios.


-Hai unha lei de admisión de alumnos que vai por puntos: polo lugar no que viven, pola súa renda familiar e tamén se prima o feito de ter irmáns no centro; se esa puntuación non é suficiente para que entre nas plazas que dispón ese centro; é o que hai.


-Hai suficientes prazas na Coruña para o estudantado?


-Sobran prazas. Non ao mellor no centro que un quere pero na Coruña hai prazas suficientes para escolarizar a todos os alumnos.


-Cantas sobran?


-Non o sei, habería que comprobalo centro por centro.


-As que teñen máis problemas son as escolas infantís.


-Polo momento aínda as leva a Consellería de Traballo e Benestar. Está constituída unha comisión para facer o traspaso desas escolas a Educación.


-Como se fará ese traspaso?


-Gustaríanos que os pais non notasen o cambio.


-Pero se os pais non o notan será coma se non atendesen ás súas reclamacións


-Que o noten para mellor.


-Manterán a rede que hai ou ampliarana?


-Estamos a mellorar os centros educativos de Galicia e igual o faremos coas escolas infantís cando dependan de nós. Estamos a incrementar as prazas, o que pasa é que a demanda aumenta máis que a oferta e seguiremos medrando nas escolas infantís como o facemos coas prazas dos colexios.

  HEMEROTECA
CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya