EFE
Nunhas declaracións aos medios trala reunión, desenvolvida no Palacio Municipal de María Pita, o alcalde de Culleredo e presidente do Consorcio, Julio Sacristán, sinalou que "hai un antes e un despois da reunión de hoxe", da que afirmou que todos os alcaldes saíron convencidos "de que esta vez vai en serio", posto que o novo texto legal modificará "substancialmente" todo, aínda que os beneficios son os mesmos.
Neste sentido, os novos estatutos recollerán, tralo acordo de todos os concellos, que sexa o da Coruña o que lidere o Consorcio e decida a forma de voto, aínda que "sen lle dar un cheque en branco", e que sexa tamén a que presida este consorcio, apuntou Sacristán.
Para o primeiro edil de Culleredo, o encontro de hoxe foi unha reunión de traballo "clarificadora", na que as palabras do alcalde da Coruña, Javier Losada, foron "convincentes e rotundas".
Pola súa banda, Javier Losada, ademais de subscribir as palabras de Sacristán, incidiu na importancia da incorporación da Coruña ao consorcio, xa que permitirá establecer unha maior funcionalidade para o transporte, o abastecemento e depuración de augas, os servizos sociais -especialmente no asunto de migracións-, as formulacións urbanísticas e as infraestruturas.
Respecto da constitución da Area Metropolitana, Sancristán sinalou que "é un camiño moi longo que non podemos esperar", mentres que o rexedor coruñés considerou que é a base para a súa constitución e para que a Xunta vexa que non só teñen as prestacións de servizos mancomunadas, senón a vontade de ser unha Area Metropolitana. EFE