JOSÉ LUIS MÉNDEZ LÓPEZ
Galicia vén de perder a unha das persoas que máis contribuíron ao noso desenvolvemento económico, empresarial, social e cultural no últimos corenta anos. Finou a grande dama das finanzas galegas e unha pioneira da banca española, dona Carmela Arias e Díaz de Rábago, condesa de Fenosa. Sen dúbida algunha, unha muller adiantada ao seu tempo, sen a que non pode entenderse a historia financeira e empresarial de Galicia.
Carmela Arias foi a primeira muller que ocupou a presidencia dun banco español, o Banco Pastor, decano da banca do noso país, mais tamén a da Fundación Barrié, depositaria da herdanza do seu marido, e de empresas como Fenosa. Até o momento do falecemento de don Pedro Barrié da Maza, a súa figura transcorrera á súa beira. Dona Carmela era a súa grande confidente e, polo que puido testemuñar, a súa acompañante permanente. Logo do pasamento do seu home, seguiu o vieiro tracexado para manter e desenvolver a que fora a aposta vital do empresario galego.
Con todo, das grandes calidades que demostrara ao longo daqueles anos, dende 1966 en que contraeu matrimonio, deixou un magnífico testemuño dende entón. A súa satisfacción persoal e merecida era que lle recoñecésemos o carácter de garante daqueles proxectos do seu marido, e fundamentalmente da Fundación que se creou o 5 de novembro de 1966, pouco antes da súa voda. Algo que era de toda xustiza concederlle, porque poucas persoas souberon antepor as súas ansias persoais aos intereses de toda unha comunidade como ela fixo, non só dende o punto de vista económico, senón tamén cultural e social, na mellor tradición das finanzas solidarias que tan ben agromaron na Coruña.
Coñecín hai tempo a Carmela Arias. Era unha persoa sinxela e dunha extraordinaria sensatez, tan discreta cara a sociedade que axudou a construír como agarimosa no trato, nas conversas personais. A sensatez levouna a rodearse sempre do talento e a capacidade atesourados nos demais, sabendo asesorarse e informarse coa xente que lle permitise sempre adoptar as mellores decisións posibles.
Coñecín a dona Carmela e coido saber a razón que sempre a mantivo en Galicia. Por eso a súa figura exemplar, incansable e encomiable, levouna a ser recoñecida polas principais entidades galegas, dende a Universidade ás asociacións sen ánimo lucrativo, mesmo polas administracións autonómicas. A Xunta de Galicia outorgoulle merecidamente a Medalla Castelao, e A Coruña o título de Filla Predilecta. Dona Carmela aproveitou a súa vida a prol de Galicia. Tal e como ela quería. E aquí se queda, como unha gran dama galega.