ÓSCAR LOSADA | A CORUÑA
A banda coruñesa Tiruleque deu os seus primeiros pasos no ano 2002. Os seus compoñentes proviñan do seo da música tradicional e agora viron o momento axeitado para realizar o seu debut no eido discográfico. Estes anos serviron para ir afianzando o proxecto e houbo unha serie de trocos nos compoñentes do grupo, "polo que sempre toca reaxustar un chisco todo". comentan os Tiruleque. Consideraron oportuno gravar agora a ópera prima "porque foi o resultado natural dunha inquedanza que tiñamos de deixar algo feito, que quede aí, en canto tivésemos asentado o repertorio. Anteriormente quixemos realizar un álbum, pero non se deron unha serie de circunstancias precisas para poder editalo".
E como acontece con tantos outros artistas galegos deberon recurrir a autoproducirse para realizar o álbum. "Por unha banda controlas todo o proceso e iso é sempre bo, xa que ti decides os ritmos que te vas marcando. A parte menos positiva é o investimento que debes facer, que tampouco é esaxerado. Se coas vendas do álbum recuperamos os cartos xa nos daremos por satisfeitos. A verdadeira recompensa para nós é que a xente disfrute co que facemos en directo e tamén na casa con este filliño que vimos de publicar".
Existen dúas facianas musicais dentro do repertorio do conxunto herculino. Nas pezas instrumentais están cun pé na música tradicional e con outro nas sonoridades máis folk. "Aínda que vimos todos do mundo tradicional, na nosa música incorporamos os nosos gustos personais, e aí aparecen elementos do folk, e decidimos coller algunhas pinceladas de aquí e acolá para que as pezas resulten frescas".
Nas pezas cantadas a vocación é cara ao popular e a sinxeleza, posto que están menos traballadas que as outras. "Nese apartado queremos un contacto directo co público, que os retrousos sexan accesibles para a xente e que interactúen con nós nos concertos. Optamos por temas sinxelos cun repertorio de corte popular e o que non pretendemos é meter conceptos cunha maior elaboración que podan tapar a letra".
O que si teñen claro é que a súa vocación primordial é que os espectadores bailen cando eles están enriba do escenario. "Esa é a idea principal que manexamos e todo o elaborado está orientado car a iso. Non pretendemos facer algo sesudo. O que fomos mamando na tradición aparece reflectido na nosa obra e con esta proposta sentímonos cómodos".
Dende a retirada de Os Cempés existe un baleiro no folk galego pro cubrir, o desas formacións que xogan con naturalidade entre o tradicional e o folk sen ningún tipo de problema e con absoluta naturalidade. "Quizais sí que exista un certo baleiro nese esquema tan apto para ofrecer festa ao público, no que a banda ferrolá se movía tan ben e na que era quen de realizar unha acertada actualización do tradicional. Cremos que foron unha formación que marcaron unha época na música galega".
E bandas como Tiruleque e outras que existen ou nazan no futurodentro do panorama musical galego ao mellor van cubrindo ese espazo no que é posible xogar con naturalidade con dous mundos sonoros que se complementan á perfección.