FELIPE SENÉN
Sobran os que entenden o patrimonio cultural como un atranco ó progreso, un saco sen fondo para o seu mantemento. Aínda sobran os que proxectan e contaxan sobre atractivos recursos a súa parvidade, os que serían capaces de seguir facendo canteira da súa mesma identidade e deixarse uniformar pola globalización. Falta o inxenio, a constancia para sacarlle rendibilidade a espazos únicos, a paraxes fermosas, a edificios con historia, arte, a saberes tradicionais. Contedores do espíritu do onte, e sobre os que se ergue o presente. Pasado que aguilloa á curiosidade e ó saber e atrae ríadas de visitas. E onde hai xente, hai necesidades e polo tanto móvese vida e economía para quen queira atendelas. Compre ese saber e mans capaces de facer. Lémbrome daquel emigrante galego en Canarias que montou un quiosquiño na entrada dun concurrido parque natural e entendía a vida como ir á pesca: non daba feito a facer tortilla e servir viños, dicía que os cartos estaban en algunhas partes, o asunto era saber onde e saber pescalos.
O patrimonio cultural merece un tratamento especializado, non pode deixarse en calqueras mans e menos na inanición que leva á morte. Os organismos públicos ou semipublicos deben dar exemplo cun tratamento pofesionalizado en continentes, contidos e aínda herdos inmateriais que supoñen tantas atractivas tradicións. Os poderes públicos inmediatos, os locais, concellos e deputacións, poseedores dun patrimonio que é de todos, deberan dar exemplo e contar coas súas áreas de xestión patrimonial, nas que non faltasen os arqueólogos, conservadores ou museólogos, as equipas de restauración e incluso os pedagogos para dar fin ó que tamén esixe a lei e se recomenda en cartas e reiterados simposiums. A fin de conservar, expoñer, estudar, divulgar e seguir acopiando ou invertindo en patrimonio. Invertir significa abrir canles de futuro, pois son bens cun valor sempre en aumento pola súa significación, antigüidade, arte, historia ou simple curiosidade, pero tamén expostos a atentados ou expolios cada vez maiores. Atractivos bens que, por aquelo de que un despreza o que ignora, non deben permanecer ocultos, senón en exposición aberta e con horarios de visita e normativa, documentados en catálogos e espallados polos medios. A función crea o órgano e nese camiño madúrase socioculturalmente. Nestes ámetos as universidades de Galiza non están a ritmo coas necesidades dun país con tanta riqueza cultural, e os especialistas en xestión de patrimonio cultural, de museoloxía ou arqueoloxía merecen oportunidades de formación e traballo. Outros países, Cataluña, por exemplo, ofrecen constantemente costosos masters e arredor deles toda unha ampla gama de actividades, emerxentes empresas xestoras de patrimonio e consecuentemente de técnicas e materiais expositivos: vitrinas, mamparas, iluminación, audiovisuais, audioguías, sistemas dixitais e virtualidades sen fin. Todo un universo ó que se suma un amplo catálogo de merchandaising, todo canto poida entrar polos sentidos e crear colas para reclamalas. O asunto é seducir, convencer para mercar e levarse como parte do sitio visitado e seguir sendo reclamo despois. A relación cualidade prezo é fundamental.
Soplan ventos e modas de ateoloxía e certo hedonismo, con amplas doses de individualismo e vaidade, contradictorias ás cacarexadas políticas de socialización e progreso. Suxiro ler, pola súa novidade, ó filósofo normando Michel Onfray. Chegamos a un momento no que se presenta unha separación lóxica e necesaria na búsqueda da liberdade, pero con graves consecuencias, a da Igrexa do Estado. Cando tantos vínculos houbo historicamente en común, especialmente creando un patrimonio inconmensurable, esa parte que da un valor intemporal ás obras dos seres humanos, na busca do transcendental. En Galiza, en toda Iberia e en Europa, pola súa fonda tradición, a Igrexa é propietaria de boa parte do seu patrimonio cultural. Igrexas, santuarios e mosteiros e aínda casas rectorais son recintos gardadores de historia, arte, tradición... así pois, e en parte, xérmolo de museos pouco ou nada aproveitados. Variado patrimonio, que implica inmobles, mobles, documentos e tradicións immateriais. Bens sometidos a diversos avatares da historia: guerras, incendios, humidade, abandono. Igualmente poderiamos dicir dos bens do Exército cara ó que non se atreven a mirar os poderes públicos. A administración non ten máis que conveniar programas permanentemente, pois é certo que, hoxe por hoxe, a Igrexa non pode soportar por si soa canto significa o patrimonio. Pese a ter unha atractiva e instintiva xestión tradicional, a que atrae recursos a base da vontade (esmolas). Velaí as diferentes celebracións litúrxicas, procesións, romarías... que nacen e tamén forman parte dese inconmensurable patrimonio e polo tanto da súa xestión. Pero o patrimonio precisa doutras atencións especializadas: a documentación, inventario, a conservación por parte de técnicos en restauración, todo eso que conleva a reparación de partes perdidas, evitar as pragas de xilófagos, controlar o ambente, a temperatura, a luz, a humidade... os fondos almacenados. Resulta exemplar o que ó respecto veñen facendo algunhas comunidades de frades e monxes, Silos, as Huelgas de Burgos, a solprendente, meritoria obra recuperadora de Oseira. Hai outras cuestións de actualidade: moitas comunidades de clausura, co seu patrimonio tamén descoñecido, vense renovadas por membros de diferentes procedencias e culturas, sen formación respecto ó patrimonio, que só se interpreta como "cousas vellas" cos conseguintes riscos. Así seguimos vendo limpezas, expolios que claman ó ceo.
Castelao que abriu camiños para dignificar a maltratada cultura de Galiza, ós que sempre cómpre retornar e anovar, fixo un modélico e necesario estudo etnográfico; comezou por onde debía, para sensibilizar sobre aspectos da identidade, As cruces de Pedra na Galiza, como enseña dun particular sentir relixioso panteista. Saben os máis vellos, especialmente os emigrantes, que para recabar a súa identidade cómpre reclamar ou botarlle unha ollada ós papeis da Igrexa, de bautizo, da voda, defunción... a igrexa e a parroquia deu exemplo, serviu e sirve, e ese patrimonio hoxe está no brete. E con el arte e tradicións: imaxes, organos, mobles, obxectos e vestiario litúrxico, cartafois de documentos...
A igrexa, como o medrado árbore de mostaza, cos seus anxos e demos, parte da "Galiza santa"...que cantaba Cabanillas, con tantas santuarios, patróns, romarías, cruceiros e petos de ánimas, a que se atreveu a imitar o Pórtico da Gloria, está chamada a conveniar e perfeccionar as relacións cos diferentes gobernos, administracións e viceversa. Non somentes para potenciar mellor e máis sabiamente tantas pegadas da nosa historia, senón para seguir madurando socioculturalmente. Pois se algo temos de divino é a Arte, que como o Verbo é un xeito de comunicación con idioma propio. E non só para reducilas ó antes, senón para seguir inspirando e creando artesanos e artistas de todo, literatura, música, arquitectos, escultores, pintores... A Igrexa -que a tantos nos implica, con tanta historia ó servizo da sociedade, aínda hoxe facendo o que non foron capaces de facer gobernos, respecto á atención ós máis desprotexidos, con tantos e variados recetarios de saberes- non debe esperar, durmirse nimbada nun pasado de luces e sombras, de santidade e tamén de pecado. Non debe ter medo a un pasado que vén dos devanceiros i é de todos, pero base de futuro. Non se debe deixar esmorecer polos gobernos, ensombrecida, á carón da moda mimética de macrocentros. Debe colaborar en iniciativas para xestionar ese patrimonio herdado e común, como xa fan moitas comunidades, sometendo seus espazos a unha profesionalizada normativa de control e rendibilidade. Querendo e sabendo, exemplos a imitar hainos abondo.
Felipe Senén é museólogo
e técnico de Xestión Cultural