XOÁN ABELEIRA
Corre o ar por Madrid. Polo Barrio de Lavapiés. No bar Tapas e Fotos, petado ata os gonzos, reina un certo ambiente beat. Esta noite reuníronse aquí trece confabuladores que afirman practicar unha poesía alternativa, á marxe de premios e prebendas. Cada quince minutos, dous novos refachos de versos corrosivos, "neorrabiosos". Interesantes todos iles, máis ben polas súas temáticas que polos seus estilos. Menos modernos, se cadra, cós do vello Arthur Rimbaud cuxo rostro esvoaza nunha camiseta. O cotarro anímase. Balbordos e aclamacións, xogos e cancións mestúranse co bafo dos alcois e o fume das brandas. Secasí, tódolos siareiros parecen agardar o mesmo: que dean as doce e salga ó escenario improvisado a principal impulsora do evento. Unha muller nada en Ourense e criada en Vigo: "chámome déborah vukusic/ son dúas metades/ metade galega e metade croata/ teño 26 anos/ 23 de maio de 1979/ saio á luz// déborah en hebreo/ 'abella'/ vukusic en croata/ usi: 'orellas'/ vuk: 'lobo'// abella con orellas de lobo."
Éche un manifesto que todos coñecen: moitos lectores, moitos oíntes xa. Éche o principio de Guerra de identidad, o primeiro libro, como tal, dunha escritora, actriz, guionista, directora que ten alborotado o ambiente in español. E ó vela interactuar así, en carne viva, os versos dise fenómeno literario que en menos dun ano acadou xa a súa segunda edición, revisada e ampliada cun novo poemario (Cuaderno de batallas), un enxerga a razón. Pois esta femia animal, metade abella, metade loba, é condenadamente boa. Endiañadamente perigosa pra aquiles que se negan a ceder a súa poltrona.
Vukusic (pronunciado vúcusich, "coma malkovic, coma mijatovic", di ela no seu video irónico de promoción) comezou a escribir "na Galicia, dende nena, unha sorte de vómitos". Resumir a súa traxectoria non é doado, e iso que apenas vén de despegar. Digamos que ós dezaoito anos marchou a Alcalá de Henares a estudar Filoloxía Hispánica, carreira que completou en Estados Unidos e Francia. Digamos que ós vinte e un ingresou na RESAD pra devir na extraordinaria actriz que é arestora e pra traballar en cinema, teatro e televisión. Digamos que no Teatro de La Abadía "fixen un curso con Ana Vallés, tamén galega, e foi nel, a partir de improvisacións persoais, cando empezaron a nacer os textos de Guerra de identidad". Dúas antoloxías, Poesía Capital e 23 Pandoras, terminaron de lanzala. E dende entón sen tregua. Agora vai publicar "un novo poemario, Perversiones y ternuras, e a participar noutra escolma titulada La manera de recogerse el pelo: Generación Blogger", que dá conta diste movemento no que ela se recoñece.
Vukusic interpreta perfectamente en catro idiomas, incluídos o galego e o castelán, nos que fala, escribe e publica. Talvez pola súa propia natureza, talvez pola súa propia ferida (da cal trata o libro, coa guerra de Iugoslavia e a ruptura da súa familia coma pano de fondo), vive a autobús, máis que dacabalo, entre España e Galicia, entre unha cultura e outra, fundindo e fundíndose en ámbalas dúas. De feito, Guerra de identidad, malia estar publicado só en español, está trufado de referencias á súa "nai galega/ de poder/ de mando", que ela adora, así coma á lingua, á música, ó folclore que mamou dela: "Os meus devanceiros galegos son todas mulleres". O verao pasado concibiu, dirixiu e presentou un magazine en Localia; hai pouco participou no Festival de Poesía Salvaxe de Ferrol, interveu nun capítulo dunha serie da TVG, e agora busca financiamento "pra filmar un guión baseado en relatos de Álvaro Cunqueiro".
Ninguén se pon de acordo verbo de qué diaños fai esta personae, nin sequera ela mesma: "Eu non escribo poesía". E talvez teña razón pois a súa é unha escrita moi afastada de tódalas líricas canónicas, mesmo das da vangarda, ata o punto de que os seus "poemas" semellan por veces sinxelos apuntamentos recompostos a modo de versos. Pero unha cousa si está clara, e é que a tremenda historia que conta Guerra de identidad arrastra a todo aquil que se achega a escoitala. A "poesía da conciencia, da non-ficción" que esta compoñedora de si deita polos catro costados aspira "a unha verdade limpa, directa, sen retórica de ningún tipo". Distanciarse "o máximo posible desas regras académicas" que ela coñece tan ben. "Non busco palabras grandilocuentes senón corrosivas, no senso de que sexan capaces de erosionar os prexuízos e as mentiras, as máscaras e as armaduras. Que a punta do iceberg se vexa por fóra, si, pero que as augas sexan dabondo transparentes como pra que tamén se albisque o fondo."
Coma ela, os seus textos son dúas metades: metade líricos, metade dramáticos. De aí a súa admiración por autores coma Sexton ou Brecht, García Lorca ou Müller. De aí, así mesmo, a forza que conteñen e coa que te atrapan sen remedio. Secasí, non é o mesmo lelos en soidade que escoitarllos a ela, sentilos na súa voz. Os seus monólogos, os seus exorcismos, os seus esconxuros, tódolos fragmentos inclasificables dise diario de guerra interior, tódolos escombros daquela cativa que asistiu ó espantoso esborrallamento do seu mundo, son auténticos, sen dúbida. Mais o engado desta croata galega, desta galega croata reside noutro lugar. A verdadeira obra de Déborah Vukusic é ela, Déborah Vukusic: a abella e a loba en acción.