G. M. O.
G. M. O. .A Coruña
Os curriolos son uns peixes rebuldeiros, que non son quen de ficar quietos en ningún lugar. A Asociación Socio Cultural Recreativa Os curriolos da Pescadería nace coa mesma filosofía que a deses peixes.
"Queremos dinamizar o barrio da Pescadería, o que nos veu nacer e no que confluímos os fundadores, espallar a cultura galega no plano lúdico, cultural, deportivo e recreativo", afirma Pedro, un dos fundadores do colectivo.
O acto de presentación das bases e dos obxectivos da agrupación, que nacera xa no mes de marzo, foi onte, no bar A cova céltica, coa actuación especial dos acordeonistas Xurxo Souto e Brais Maceiras.
Todas aquelas persoas que desexen vivir a cultura, o deporte e o tempo de ocio no barrio da Pescadería, poden unirse á asociación cubrindo unha folla de inscrición que se atopa no devandito bar e pagando unha cota de trinta euros anual para a realización e a subvención de novos actos.
Polo de agora, no programa está, o Día das Letras Galegas, o xoves 17 de maio, a presentación do terceiro disco dos buenenses Quempallou. Ademais, a asociación conta cun blog, no que os interesados poden seguir as novas actividades que o colectivo vaia organizando.
Na presentación, cando menos, houbo pinchos, boa música e moitas ganas de facer do barrio da Pescadería e da cova céltica un novo centro para a vida cultural, lúdica e recreativa da cidade.