SEGUNDA FEIRA

Enrique Líster, galego

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

X. L. Méndez Ferrín

Anda a asociación A Oliveira de Teo no labor de facer memoria do xeneral Líster, quen sempre tivo empeño en ser identificado como galego. Hemingway menciona a Líster como galego nun paso da súa novela Por quen tocan a defunto que eu penso que aínda circula censurado na versión que corre en castelán. Alí Hemingway fai que o voluntario norteamericano e o xefe da guerrilla escoiten, achantados, falar en galego a dous soldadiños do exército de Franco. Os soldadiños falan o galego. O guerrilleiro comenta que os galegos poden ser desprezabeis coma Franco ou valentes e xenerosos coma Líster: algo dese tipo.

Nun intre avanzado da súa vida, Líster separouse do PCE para refundalo co nome de PCOE. Desfechou a mediados dos anos setenta unha ofensiva ideolóxica en forma contra Carrillo e contra o eurocomunismo disolvente que se concretou en libros poderosos como Memorias de un luchador (1976). O poder dos seus argumentos caeu sobre os carrillistas de Galicia e contra a sucursal política coñecida como PCG, tamén. E Líster regresou a España en 1978 sen participar nos pactos da II Restauración Borbónica. O 30 de Maio, se a memoria histórica de meu non falla, o xeneral Líster presentouse na capital de Galicia.

Unha multitude concentrada na Alameda de Compostela acolleu a Líster. Homes e mulleres, vellos e novos, xentes procedentes da comarca de Santiago e de toda Galicia estaban alí. Primeiro, nun silencio emocionado; deseguida, estoupando en víctores e aplausos. Eran xentes da aldea e das cidades, na súa mor parte traballadores. Naturalmente, alí non estaban os carrillistas en xeral nin moito menos os carrillistas que hoxe, sen un átimo de vergoña, teñen o atrevemento de se sumar aos actos organizados pola Oliveira de Teo. Líster abriu o seu discurso memorábel en galego e logo, cortesmente, pediu permiso para seguir en castelán. Ao meu carón, unha velliña de pano negro á cabeza botouse a chorar.

Líster afincouse en Madrid pro a cada pouco viña a Galicia onde estaba Luis González Tosar, o Che, termando do PCOE e en contacto permanente con Aurora, a irmá militante do xeneral, seu sobriño Eduardo e outros activistas do seu círculo. Son memorabeis as intervencións de Líster na Universidade, na libraría de Fernando Pereira en Vigo, na CXTG, que lle había de conceder o primeiro Premio 10 de Marzo, na TVE-G de Cribeiro. Moitos lembramos a Líster na manifestación de Galicia Ceibe-OLN, cos independentistas. Vese moi oufano e contente nas fotografías, a carón de Foz e de Lois Soto, aquel 25 de Xullo do ano 1980, cando a policía cargou contra a marcha na que ían o Xeneral e seu fillo, tamén Enrique Líster, autor da mellor obra teórica que foi escrita en castelán a propósito do eurocomunismo. E nunca poderá esquencerse o feito de que Líster autorizase un día a coalición do PCOE e de Galicia Ceibe-OLN ás eleccións municipais de Vigo, coalición na que figuraba en posto de honra o antigo militante comunista e ex-guerrilleiro Paco Piñeiro, que foi un leal amigo noso.

Máis tarde, e só cando Santiago Carrillo desapareceu, Enrique Líster disolveu o PCOE e reingresou no PCE. Non por iso deixou de manter contactos amistosos con Luis González Tosar nin con Galicia. O seu fillo desexa que o legado histórico de Líster sexa custodiado en Galicia. Sería boa cousa.

COMPARTIR
 



  HEMEROTECA
EXTRAS EN LA WEB
   CONÓZCANOS:   CONTACTO  |  LA OPINIÓN A CORUÑA  |  LOCALIZACIÓN       PUBLICIDAD:   TARIFAS WEB  |  TARIFAS PAPEL  |  CONTRATAR   
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 
  Aviso legal
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | El Boletín  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas