A negativa a retirar unha animación satírica sobre a escritora Yolanda Castaño sobre a súa suposta ´traizón´ a Isaac Díaz Pardo -esixida por un avogado- levou aos responsables da web Aduaneiros sen Fronteiras a decidir o seu peche tras catro anos de sátira galega
SANTIAGO ROMERO
Santiago Romero
A Coruña
Os responsables de Aduaneiros sen Fronteiras, unha páxina web humorística que se converteu nunha dirección de culto en internet desde a súa creación en 2003, decidiron o seu peche despois de seren ameazados cun proceso xudicial polo avogado da poetisa e actual directora de Sargadelos na Coruña, Yolanda Castaño.
O avogado da escritora reclamou aos responsables da web a retirada dunha animación gráfica humorística -que funciona como un xogo- na que Castaño aparecía a modo de moneca Mariquita Pérez, que pode ser vestida con diferentes roupas gardadas nun armario. Nun dos apartados do xogo, titulado Tu quoque Yolanda, Castaño vese ataviada cunha túnica clásica e cun coitelo ensanguentado na man.
O gráfico foi interpretado por varios lectores do foro de Aduaneiros sen Fronteiras como unha alegoría dunha suposta traizón da poetisa a Isaac Díaz Pardo, por ter aceptado a dirección da galería Sargadelos na Coruña poucos
días despois de se ter abrazado co intelectual fundador de Sargadelos nunha homenaxe.
"Pode interpretarse por aí. Non é implícito. Si que había algún comentario no foro, alleo á páxina, que deixaba entrever esa versión", aclara o portavoz de Aduaneiros sen Fronteiras, Aduaneiro Pánchez. A páxina, segundo a súa propia definición, dedicábase a "profundizar nos sagrados misterios da realidade cotiá galega" e son célebres as súas interpretacións satíricas dos símbolos e da actualidade do país, como a aparición do conselleiro Suárez Canal caracterizado como o actor Gene Kelly en Cantando baixo da choiva para congratularse polo éxito da loita contra os incendios neste verán, ou a caracterización do mártir nacionalista Moncho Reboiras como Bruce Lee. "Ata o de agora non tivemos ningún desagradable episodio como este. Segundo o avogado de Yolanda, algúns dos comentarios no foro da páxina poderían ser inxuriosos para ela, polo que estivemos dispostos a retiralos da web. Pero iso non era dabondo para o avogado da señorita Yolanda, que quería que quitasemos tamén o gráfico humorístico. Pareceunos excesivo, especialmente pola que está caendo, con El jueves ou as caricaturas de Mahoma. Así que decidimos pechar a páxina. Non ten sentido seguir facendo humor neste país con mal humor", afirma o portavoz da web. Yolanda Castaño afirmou onte a noite a este xornal que descoñecía a decisión do peche de Aduaneiros sen Fronteiras, unha reacción que lle parecía "desmedida". A escritora engadiu que non hai "querella algunha presentada" e que o seu avogado limitouse a "convidar amistosamente aos resposnsables da web a que retiraran os insultos gratuítos". "Tampouco vimos axeitado o gráfico, no que se usaba a miña imaxe en roupa interior e manchada de sangue con fins publicísticos. Eu aplaudo todos os espazos de libertade de expresión, pero non defendo a posibilidade do insulto gratuíto e infundado. Se cadra hai xente que confunde a liberdade de expresión con outras cousas que agochan baixo esa bandeira. Teño unha certa faceta pública e admito que se poda opinar o que se queira de min, pero sempre me defenderei dos ataques gratuítos, infundados e de mal gusto como neste caso", manifestou onte a poetisa Yolanda Castaño.