Ten por diante un dos labores máis complicados da Xunta, a de elaborar o novo decreto da ensinanza que regulará o uso do galego. Pero non lle importa, porque asegura que xa sabía onde se metía e admite que todos van ter que renunciar a algo para conquerir con consenso.

-Por que aceptou o cargo, sendo un dos máis polémicos?

-Tivo que ver cunha oferta para traballar na promoción da lingua galega e eu creo que hai que botar unha man. É unha aposta arriscada por parte do Goberno e por parte miña.

-Sabía onde se metía?

-Levo moitos anos en política lingüística. Non me colleu de sorpresa todo isto que está a pasar. Sabía onde me metía.

-Como vai saír desta?

-Deberíamos saír cun decreto co maior consenso social e político posible e cun conxunto de medidas para animar o uso da lingua.

-Os últimos estudos que se publicaron reflicten unha caída constante do número de falantes en galego?

-Hai estudos que mostran liñas de recuperación ou polo menos de atenuación da caída do número de falantes. Os datos do Instituto Galego de Estatística sobre as Condicións das Familias do ano 2003 mostran unha contención na caída dos faltantes en galego. Pero vostede supoño que se refire aos datos do Mapa Sociolingüístico, que son do 2004, pero eses datos chegan incluso ás persoas de 55 anos e non hai datos das persoas maiores desa idade, polo que iso pode levar a equívocos.

-En todo caso fala de atenuación, que non é o mesmo que recuperación.

-Evidentemente, pero os datos do IGE indicaban que había un 64% de persoas que falaban só galego ou máis galego que castelán. Si a iso sumamos os que usan o castelán sobre todo, pero tamén algo o galego, estamos a falar dunha situación que calificaría de complicada si, pero non dramática.

-Á marxe da promesa electoral do PP, realmente hai unha base social que demanda unha normativa nova? Porque durante o tempo que se estivo a aplicar o decreto do bipartito, máis alá de Galicia Bilingüe, non houbo voces críticas.

-A propia cuestión do programa electoral debería servir, porque é un contrato cos electores. Non creo que haxa que lle dar máis voltas.

-Uns dos argumentos do Goberno é que o decreto do bipartito se fixo sen consenso, pero, tal como están as cousas, non parece que agora se vaia conquerir. Si non é así, o novo decreto volverá a pecar do mesmo defecto que se lle achacou ao bipartito e polo tanto podería nacer con fecha de caducidade.

-Eu non quero un decreto para catro anos, senón para dez ou doce. O tema da lingua hai que sacalo fóra do debate partidario, fóra do corpo a corpo das formacións políticas. Temos que tentar entre todos poder imaxinar un sistema educativo onde todos renunciando a algo nos sintamos cómodos. Imos ter que renunciar a algo todos, non só o Goberno e o PP.

-Chama un pouco a atención que hai certas informacións contraditorias por parte da Xunta, sobre a segregación ou non nas aulas ou o se a consulta cos pais ía ser ou non vinculante.

-Non sei se o Goberno foi o non suficientemente claro, pero o tema está bastante ben formulado. O que imos facer é consultar ás familias para que sirva de base para construir o primeiro borrador do decreto para ofrecerllo á sociedade e as forzas sociais e políticas. Debe contarse coa voz das familias. Agora, vai ser o único elemento a ter en conta? A resposta é non. Vai haber outros elementos. A consulta será útil, pero desde logo non será a única voz nin o único elemento.

-Entre outras cousas porque non se vai poder dar satisfacción a todos os pais...

-A sociedade galega entende perfectamente que non podemos ofrecer unha educación á carta. Nin en Galicia nin en ningún país do mundo.

-Porén, a mensaxe que se trasladou é que os pais poderían elexir a lingua na que estudarían os seus fillos.

-Repito a resposta de antes. Escoitaremos a opinión das familias e despois manexaremos outras variables que calquer goberno ten que manexar cando se pensa nun novo modelo educativo, como recursos económicos, que o decreto sexa tecnicamente coherente, pedagóxico? e despois hai unha legalidade que hai que cumprir. Hai moitos elementos que se van ter en conta.

-A segregación de alumnos polo idioma é unha opción ou non?

-Máis que a iso, vou respostar polo tema de fondo. Este novo Goberno vai apostar para que todo o alumnado coñeza o galego e o castelán.

-E que pasaría se todos os países elixen só castelán ou só galego, ou a metade unha opción e a outra metade a outra?

-Xa estudaremos esa casuística cando chegue. Prefiro no adiantarme ao resultado da consulta.

-Pero algo terán previsto.

-Non quero facer hipótese.

-Para complicar o reparto da lingua a Xunta pretende introducir o inglés. Como se van a encaixar as pezas, porque o inglés sacara- lle horas ao galego e ao castelán.

-É un obxectivo do Goberno introducir unha terceira ou unha cuarta lingua. Pero non é só pensar no ensino. Se queremos avanzar nunha sociedad plurilingüe temos que avanzar fóra do sistema educativo, nas dobraxes das películas? Se a sociedade galega así o opina estaremos dispostos a introducir esa modalidade no ensino.

-Que lle din o seus compañeiros filólogos?

-En xeral non me queixo da receptividade que tivo o meu nomeamento entre os meus compañeiros.

-Case ningún sector saíu en defensa da Xunta na súa iniciativa de sacar un novo decreto. Isto parece significativo...

-Tamén é certo que non todo o mundo se pronunciou en contra.

-Vostede colaborou co bipartito e fixo algunha crítica ao PP. Como campea agora?

-Maticemos. Na miña crítica tentaba desmontar unha idea, sinalar que a política lingüística do bipartito non era demasiado diferente da que se levara a cabo con Fraga. Había persoas que decían que o bipartito rompera co consenso lingüístico e eu o que dicía era que o consenso non estaba roto, só que había unha política diferente, un ritmo diferente. Pero que tanto a política lingüística do bipartito como a de Fraga entraban no mesmo modelo, articulado en catro principios: a cooficialidade entre galego e castelán, que o galego era a lingua propia de Galicia, acción positiva a favor do galego e principio de non discriminación. O que fixo o bipartito foi acelerar certos procesos.

-Esa aceleración agora se vai frear un pouco?

-Non. A do Goberno actual vai ser unha política diferente a anterior, non sei se máis ou menos acelerada, pero simplemente distinta.

-Hai debate na xente da rúa?

-Creo que non. A xente normal vive con moita más tranquilidade que no ámbito político.