X. A. T | SANTIAGO
Mentres en Santiago decenas de milleiros de persoas protestaban pola política lingüística da Xunta, o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, avogaba en Londres por unha educación trilingüe en galego, castelán e inglés. "É a mellor opción", dixo.
"En Galicia temos que ter en conta que non podemos facer unha educación do século XX, porque xa estamos no XXI. Debemos ter en conta a riqueza idiomática e o bilingüismo cordial do galego e do castelán, pero temos que incorporar un terceiro idioma", declarou na súa última xornada de estancia na capital inglesa.
O presidente reiterou o seu compromiso de manter a lingua propia de Galicia e defender o castelán como idioma cooficial da comunidade, pero incorporando aos mozos ao inglés.
En Santiago, o secretario xeral do Partido Popular, Alfonso Rueda, lanzou unha menxase máis crítica coa manifestación, sobre todo pola presenza de Francisco Caamaño. "É insólito que un ministro se manifeste contra un goberno autonómico e diga que o fai en representación do Goberno central", censurou.
Rueda, para quen a mobilización estivo politizada, lamentou que Zapatero enviara a un ministro "para manifestarse como teloneiro do BNG en favor de rachar o consenso lingüístico". O tamén conselleiro de Presidencia, que antes das eleccións autonómicas asistira a unha mobilización promovida por Galicia Bilingüe en contra do que consideraba a imposición do galego, censurou que o ministro de Xustiza "nunca se preocupara antes por Galicia, senón por Cataluña, perxudicando a financiación autonómica co seu apoio ao Estatuto de Autonomía catalán".
Política Lingüística
En coincidencia coa manifestación, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, foi entrevistado na emisora Radio Galega, onde replicou á plataforma Queremos galego argumentando que o Goberno galego quere pór en marcha unha política que avale a maioría dos galegos "contraria ás liñas de imposición establecidas polo bipartito".
Iso si, Lorenzo asegurou que a Xunta non ten intención de modificar o artigo décimo da Lei de Normalización que establece que os topónimos de Galicia teñen como única forma legal a galega.
Pero outra cousa é o Plan de Normalización, do que Anxo Lorenzo dixo que sendo un documento "valioso" nin é unha lei ni un decreto e que polo tanto non ten unha aplicación normativa regulamentaria. "O Goberno vai marcar cales son as prioridades respecto do amplo conxunto de obxetivos e medidas que recolle", comentou o secretario xeral. Xa o conselleiro de Educación Jesús Vázquez avanzara que é posible que sufra unha revisión.